III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 30 de enero de 2016

Obedecer a lei



José Domingo de Prada

 Obedecer a lei? É este un deses dilemas cruciais, aos que se enfrontan as nosas sociedades. É, ademais, un dilema propio de sociedades democráticas. Nos totalitarismos a lei cúmprese sen discutila, so pena de graves consecuencias para o infractor, quen pode adquirir, polo mesmo, un rango moral superior. Nas democracias, en cambio, a lei é continuamente  criticada e moitas veces rexeitada. Por qué ocorre isto? Hai varias razóns:
1. Polo exercicio da liberdade, tanto individual coma social. A democracia permite, lexitimamente, cuestionar a lei. Máis aínda, é bo facelo, pois a lei xorde da vontade e da lexítima capacidade lexislativa doutros compoñentes da sociedade, cos que non temos por qué concordar. Debemos exercer a nosa liberdade cuestionando a lei cando entendamos, simplemente, que é mellorable.
2. Pola súa convencionalidade. Nunha democracia, non hai nin leis absolutas, nin indiscutibles. Son froito de acordos, eleccións ou consensos entre individuos (se son imposicións de grupos de presión xa non é democracia, aínda que se manteña o nome). Ata as constitucións ou os Dereitos Humanos son revisables, en principio e de facto.
3. Pola irracionalidade dos que ditan ou reciben a lei. As veces a lei se fai ou se recibe de forma visceral, valorando máis quen a fai que o que poida dicir. Leis sensatas foron rexeitadas pola tripa partidista, e outras insensatas impostas polo mesmo sistema visceral.
4. Pola oposición de intereses dos compoñentes das sociedades. Suponse que a lei busca o ben común, nomeado como Xustiza en ocasións, pero en sociedades plurais este nin é único, nin igual para todos e os distintos grupos sociais loitan entre si para impor os intereses propios no peor dos casos, ou a súa lectura do ben común no mellor.
5. Polo abismo entre o espírito e a letra da lei. Unha cousa é o que se di e outra o que se quere dicir ou o que se interpreta que se di ou o que se querería dicir. A lei rara vez é clara, e si, abondosa en ambigüidades e difícil de particularizar.
6. Pola ductilidade da lei, que pretendería ser cumprida polo convencemento máis que pola imposición. De ser así, devén  obriga en conciencia, case lei moral. A lei democrática debería obrigar en conciencia e non por imposición.
7. Pola caducidade da lei, da que non só sabemos cando se ditou, senón tamén que perderá vixencia máis cedo que tarde, cando non ven xa coa data de caducidade incluída. Non temos leis inmemoriais, nin preceptos eternos.
Así, obedecer a lei nunha sociedade democrática é supeditarse un mesmo ao ordenamento xurídico establecido, á vez que se pode estar loitando contra ese mesmo ordenamento. Se a lei simplemente se impón, non estamos nunha democracia. Se sinxelamente non queremos cumprila, non somos demócratas.
Nas nosas sociedades posmodernas, líquidas, cultas, virtuais  e asentadas na opulencia do consumo e do desexo (aínda que esteamos en crise), o de cumprir a lei cando non nos gusta ou cando non nos interesa, estase a converter nun serio problema, problema que non é novo. Tiveron que enfrontarse a el na democracia ateniense cando sofistas, demagogos, relativistas, tiranos  ou ditadores rexeitaban o cumprimento das leis cando non lles interesaba ou non lles apetecía aducindo que eran leis convencionais, caducas, interesadas, coercitivas, irracionais, alleas, partidistas,... sóalles? O asunto solucionouse con máis de dous mil anos de ostracismo para a democracia (se é que algunha vez se recuperou).

Publicado no Progreso o 23-1-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario