M. A. Martínez
O pensamento político, a
diferenza doutros modos de pensamento (artístico, científico, por exemplo), é
un tipo de acción humana capaz de recoller, e acoller, opinións doutras
persoas. Por esta razón o pensamento político é representativo.
A formación da opinión
persoal é un proceso que atinxe á política, é dicir, á maneira en que as
persoas se relacionan. A opinión cristaliza tras considerar un asunto desde
diversas perspectivas, recordando os criterios dos que están ausentes, non
posúen toda a información, non a comprenden ou, simplemente, non foron
convocados. Cantas máis visións se teñan presentes, mentres se valora un
determinado asunto, e canto mellor poida imaxinarse como sentiriamos e
pensariamos de estar no lugar dos outros, maior é a capacidade para o
pensamento representativo, máis validez adquiren as conclusións, isto é, a
opinión formada. A única condición para que este proceso formativo funcione é o
desinterese: liberarse dos propios intereses privados. A acción política
democrática pode espertar e cultivar esta capacidade nas persoas.
Porén, o proceso de
formación da opinión política pode manipularse. Tomemos un exemplo. Ás veces
considérase que a verdade dos feitos é outra opinión máis. Un enunciado do
mesmo tipo que unha opinión. Certamente, a evidencia dos feitos establécese mediante
testemuños presenciais, rexistros, documentos, crónicas, que poden ser
resultado dalgún tipo de falsificación. Ora ben, isto non é suficiente para
desacreditala. Aínda que a verdade política non é como a verdade matemática,
científica, hai métodos de verificación e proba, contraste e corroboración.
A verdade dos feitos é
política porque está relacionada con outras persoas. Establécese ao ser
presenciada, depende dos testemuños e a súa concordancia. Cada xeración pode
ter dereito a ordenar, interpretar, organizar os acontecementos desde a súa
perspectiva. Mais non a alterar os feitos.
A filósofa Hannah Arendt
afirma que o que define a verdade dos feitos é o seu oposto: a falsidade
deliberada, a mentira. O embuste é un afirmación feita contra a verdade, dun
xeito consciente e premeditado. Unha forma de acción que altera, modifica,
trastorna, borra, engade elementos ao sucedido. O embusteiro non se equivoca,
non falla, non vive alleado. Mais ben, como non ten poder para impoñer o seu
embuste, insiste en que a súa afirmación non é unha verdade incuestionable
senón a súa opinión, amparada polo dereito constitucional ou calquera outro
tipo de dereito. Este tipo de embuste funciona diante dun público pouco
informado, sen formación política, fácil de persuadir.
Borrar a liña que separa a
verdade dos feitos e a opinión é unha forma de política. A outra forma, dicir a
verdade dos feitos, entraña máis esforzo, paciencia, pedagoxía, audacia. Tamén
receptividade. Nun entorno pleno de embustes, no que mentir é a forma de
organizárense as persoas, a acción política emancipatoria comeza por dicir a
verdade. A veracidade convértese en virtude política.
Por regra xeral, o
embusteiro non ten problemas. Modela os feitos de tal modo que concordan co seu
proveito e pracer, e as expectativas da súa audiencia. A credibilidade está do
seu lado porque a súa forma de dicir e facer semella lóxica e coherente.
Comprensible. Enténdeno todos. E a maioría comparte a reconstrución que fai do
significado. Tamén a destrución sistemática da realidade dos feitos.
Credibilidade e veracidade
non adoitan ir da man. A opinión e a verdade dos feitos, tampouco.
Publicado no Progreso o 12-8-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario