Mar Carballo Cela
Entendemos por “intelectual” aquel que se dedica a reflexionar sobre a
realidade de maneira crítica coa pretensión de influír nela, e que ademais goza
de prestixio social debido á autoridade que a opinión pública lle concede.
Habitualmente atribuímoslle á figura do intelectual unha connotación
positiva, precisamente por esa autoridade que a unha vida dedicada ó
coñecemento nos parece que lle corresponde; e dámolo por sabio, escoitando
atentamente as súas opinións sobre cuestións que nos preocupan da nosa época.
Que dúbida cabe de que, en moitos casos, así é.
Pero hai tamén outra realidade que non debemos ignorar con respecto a este
mundo: cando profundamos en determinados momentos negros da historia
comprobamos que tamén colaboraron nos episodios máis atroces, ofrecendo
sustento teórico ós delirios de personaxes políticos infames (índonos ós casos
máis extremos). Despois de todo, como dicía Hanna Arendt,“a esencia do
intelectual consiste en fabricar ideas sobre calquera asunto”, afirmación que
non realizou de maneira gratuíta, senón a raíz da súa vivencia nunha Alemaña
nazificada na que a “adaptación ó pensamento único se converteu na regra entre
os intelectuais, pero non entre os demais”, tendo en conta que “aínda non se
producía baixo a presión do terror”. Estas declaracións que Arendt realizou no
1964 nunha entrevista con Günter Gaus producen auténtico calafrío (H. Arendt,
La última entrevista y otras conversaciones, Página Indómita, Barcelona, 2016,
p.28).
Tales declaracións coinciden plenamente coa análise que o historiador
Christian Ingrao leva acabo na súa recente obra Creer y destruir: los
intelectuales en la máquina de guerra de las SS ( Acantilado, Barcelona, 2017).
“Eran apostos, brillantes, intelixentes e cultivados. Foron responsables da
morte de varios centos de miles de persoas”: así empeza o prólogo. Fixérono
para medrar dentro do sistema ou porque estaban convencidos realmente desas
ideas? Según relata Ingrao, houbo algo de todo.
O que está claro é que os
intelectuais foron sempre unha peza imprescindible ó longo da historia para
fabricar teorías que logo deben arraigar como crenzas na conciencia popular,
axudando así a manter o poder unha vez foi conquistado. E o que está igualmente
claro é que unha formación académica brillante, como foi o caso, non garantiza
en absoluto unha sensibilidade cultivada, condición imprescindible para seres
destinados a entenderse e a convivir. Xuristas, historiadores, científicos e
filósofos saíron dos centros de estudo con magníficos expedientes e acreditados
doutoramentos, pero sen ningún tipo de criterio para analizar a fondo as
consecuencias das atrocidades nas que ían participar.
Episodios coma este poden, sen dúbida, ensinarnos a replantexar moitas
cousas de vital importancia como sociedade. Unha delas é, ó meu parecer, o
papel que deben desempeñar na actualidade colexios, institutos e universidades
nos cales se están educando os intelectuais do futuro. Coñecer a historia non é
suficiente para evitar repetila, saber de física ou de filosofía non te
converte nun exemplo de humanidade, nin sequera en alguén intelixente; o
coñecemento, se non vai acompañado de sensibilidade, non serve de nada.
Non se debe desprezar o sentido que ten cada disciplina (calquera que sexa)
no conxunto da sociedade e da vida. A física ou as matemáticas pódennos axudar
a comprender o lugar que ocupamos e compartimos cos demais seres tanto como a
filosofía ou o dereito. Non hai disciplina que non poida impulsarnos a ser
mellores, pero é frecuente que se perda de vista a perspectiva última que debe
guiar ó coñecemento e que este se poña ó servizo de intereses espurios. A
formación académica a miúdo é utilizada
polos poderes da época no canto de ser destinada a cumprir co que debería ser o
auténtico sentido do saber: dar a mellor solución posible ós problemas que nos
atenazan como individuos e como sociedade.
A este respecto, convén recordar as palabras de Erwin Schrödinger (Permio
Nobel de Física no 1933, ano no que abandonou Alemaña por non compartir o
antisemitismo, o mesmo ano no que Heidegger, o filósofo de moda, foi nomeado
reitor da Universidade de Friburgo polos nazis): “non debemos perder nunca de
vista o papel que desempeña a disciplina que se imparte dentro do gran
espectáculo traxicómico da vida humana” ( E. Schrödinger, Ciencia y Humanismo.
Tusquets, Barcelona, 2009, p. 18).
Publicado no Progreso o 26-8-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario