domingo, 29 de octubre de 2017

Os intelectuais




Mar Carballo Cela

Entendemos por “intelectual” aquel que se dedica a reflexionar sobre a realidade de maneira crítica coa pretensión de influír nela, e que ademais goza de prestixio social debido á autoridade que a opinión pública lle concede.
Habitualmente atribuímoslle á figura do intelectual unha connotación positiva, precisamente por esa autoridade que a unha vida dedicada ó coñecemento nos parece que lle corresponde; e dámolo por sabio, escoitando atentamente as súas opinións sobre cuestións que nos preocupan da nosa época. Que dúbida cabe de que, en moitos casos, así é.
Pero hai tamén outra realidade que non debemos ignorar con respecto a este mundo: cando profundamos en determinados momentos negros da historia comprobamos que tamén colaboraron nos episodios máis atroces, ofrecendo sustento teórico ós delirios de personaxes políticos infames (índonos ós casos máis extremos). Despois de todo, como dicía Hanna Arendt,“a esencia do intelectual consiste en fabricar ideas sobre calquera asunto”, afirmación que non realizou de maneira gratuíta, senón a raíz da súa vivencia nunha Alemaña nazificada na que a “adaptación ó pensamento único se converteu na regra entre os intelectuais, pero non entre os demais”, tendo en conta que “aínda non se producía baixo a presión do terror”. Estas declaracións que Arendt realizou no 1964 nunha entrevista con Günter Gaus producen auténtico calafrío (H. Arendt, La última entrevista y otras conversaciones, Página Indómita, Barcelona, 2016, p.28).
Tales declaracións coinciden plenamente coa análise que o historiador Christian Ingrao leva acabo na súa recente obra Creer y destruir: los intelectuales en la máquina de guerra de las SS ( Acantilado, Barcelona, 2017). “Eran apostos, brillantes, intelixentes e cultivados. Foron responsables da morte de varios centos de miles de persoas”: así empeza o prólogo. Fixérono para medrar dentro do sistema ou porque estaban convencidos realmente desas ideas? Según relata Ingrao, houbo algo de todo.
 O que está claro é que os intelectuais foron sempre unha peza imprescindible ó longo da historia para fabricar teorías que logo deben arraigar como crenzas na conciencia popular, axudando así a manter o poder unha vez foi conquistado. E o que está igualmente claro é que unha formación académica brillante, como foi o caso, non garantiza en absoluto unha sensibilidade cultivada, condición imprescindible para seres destinados a entenderse e a convivir. Xuristas, historiadores, científicos e filósofos saíron dos centros de estudo con magníficos expedientes e acreditados doutoramentos, pero sen ningún tipo de criterio para analizar a fondo as consecuencias das atrocidades nas que ían participar.
Episodios coma este poden, sen dúbida, ensinarnos a replantexar moitas cousas de vital importancia como sociedade. Unha delas é, ó meu parecer, o papel que deben desempeñar na actualidade colexios, institutos e universidades nos cales se están educando os intelectuais do futuro. Coñecer a historia non é suficiente para evitar repetila, saber de física ou de filosofía non te converte nun exemplo de humanidade, nin sequera en alguén intelixente; o coñecemento, se non vai acompañado de sensibilidade, non serve de nada.
Non se debe desprezar o sentido que ten cada disciplina (calquera que sexa) no conxunto da sociedade e da vida. A física ou as matemáticas pódennos axudar a comprender o lugar que ocupamos e compartimos cos demais seres tanto como a filosofía ou o dereito. Non hai disciplina que non poida impulsarnos a ser mellores, pero é frecuente que se perda de vista a perspectiva última que debe guiar ó coñecemento e que este se poña ó servizo de intereses espurios. A formación académica  a miúdo é utilizada polos poderes da época no canto de ser destinada a cumprir co que debería ser o auténtico sentido do saber: dar a mellor solución posible ós problemas que nos atenazan como individuos e como sociedade.
A este respecto, convén recordar as palabras de Erwin Schrödinger (Permio Nobel de Física no 1933, ano no que abandonou Alemaña por non compartir o antisemitismo, o mesmo ano no que Heidegger, o filósofo de moda, foi nomeado reitor da Universidade de Friburgo polos nazis): “non debemos perder nunca de vista o papel que desempeña a disciplina que se imparte dentro do gran espectáculo traxicómico da vida humana” ( E. Schrödinger, Ciencia y Humanismo. Tusquets, Barcelona, 2009, p. 18).

Publicado no Progreso o 26-8-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario