Juan Carlos Fernández Naveiro
Aló por 1998 en Sant Martí d'Empuries o filósofo Xabier Rubert de Ventós rematou un libro, De la identidad a la independencia: la nueva transición (Anagrama 1999), no que se albiscaba para Catalunya un novo tipo de entidade política aínda non experimentada, un "obxecto político non identificado" (OPNI) do que o único e precario exemplo sería por entonces a Unión Europea. Que tempos, canto parecen ter cambiado as cousas.
Ao longo do libro de Rubert de Ventós perfilábase a contraposición entre un
mundo políticamente vello que periclitaba, o mundo dos Estados-nación
identitarios e soberanistas, e un novo "mundo de identidades compartidas,
de pertenencias múltiples, de dependencias dispersas, e, claro está, de
soberanías complexas, de perfiles borrosos ou difuminados". É a
contraposición que se deu no debate político de finais do século XX entre o
modelo clásico da modernidade política e a soberanía nacional, e o modelo
posmoderno da mestizaxe e a interdependencia, nun marco de dependencias
definitivamente globais. "O vello morreu, e o novo non acaba de
nacer", dicía Rubert nesas páxinas, coincidindo nun ditame moi estendido
no cambio de século.
Rubert profetizaba que Catalunya (como a propia Europa) apuntaba a un tipo
de entidade política que "no século XXI tomaría o relevo dos Estados
soberanos na tarefa de organizar os pobos, representar os seus intereses e
valores e protexelos da intemperie global"; e situaba tamén nesa baixa
esixencia identitaria o orgullo de galego de Manuel Rivas, "porque galego
pode selo calquera".
No inicio do século XXI aínda parecían posibles esas novas formas de
agregación política fundadas nunha "efectiva difusión do poder", e de
recoñecer "unha interdependencia capaz de canalizar fluxos reais e non
solo asegurar paranoicas integridades territoriais". Despois chegaron a
anulación da reforma do Estatut polo Tribunal Constitucional, a crise
económica, o 15-M, e as dinámicas de contestación do bipartidismo español e do
marco constitucional do 78 atoparon un caldo de cultivo apropiado. O procés
comparte aí con Podemos un mesmo marco de axitación mutua.
Así se chega ao centro da cuestión: quen determina a excepcionalidade do
momento de construcción dunha vontade colectiva, e a súa lexitimidade diferente
respecto das épocas de normalidade institucional? Trátase da diferencia que
comentaba Íñigo Errejón nun artigo recente (Artillería intelectual contra el
populismo, El País, 06/09/2017) entre "épocas quentes" e "épocas
frías", que recorda a alternancia alternancia histórica entre épocas de
"ciencia normal" e momentos de cambio de paradigma e "revolución
científica" do célebre filósofo da ciencia Thomas S. Kuhn, unha das bases
da posmodernidade epistemolóxica.
A cuestión por tanto é: está Catalunya en disposición de reclamar un
momento fundacionalista que impugne lexítimamente a institucionalidade
española? O procés debería fundarse sobre un criterio moito máis claro para
definir un novo suxeito político, ao que non sei cómo en tal caso se lle
podería negar a súa capacidade para autodeterminarse. Pero do contrario, na
medida en que o independentismo catalán xa non encarna esa in(ter)dependencia
difusa e borrosa que defendía Rubert de Ventós senón a pura vontade
antisistema, aí xa non parece haber suficiente transversalidade nin pluralismo,
falta un rotundo "we the people" que encarne de maneira inequívoca
esa nova vontade colectiva.
É como a utopía pendente, sexa schmittiana ou populista, unha visión de
hexemonía que se leva mal coa triste prosa do real, policial e xudicial. Non
sei o desenlace do 1-O pero non cancelará o debate de fondo, porque seguirá
aberto o problema de construir novas entidades políticas máis alá das
identidades territoriais.
Publicado no Progreso o 23-9-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario