domingo, 29 de octubre de 2017

Opinión e verdade




M. A. Martínez
 
            O pensamento político, a diferenza doutros modos de pensamento (artístico, científico, por exemplo), é un tipo de acción humana capaz de recoller, e acoller, opinións doutras persoas. Por esta razón o pensamento político é representativo.
            A formación da opinión persoal é un proceso que atinxe á política, é dicir, á maneira en que as persoas se relacionan. A opinión cristaliza tras considerar un asunto desde diversas perspectivas, recordando os criterios dos que están ausentes, non posúen toda a información, non a comprenden ou, simplemente, non foron convocados. Cantas máis visións se teñan presentes, mentres se valora un determinado asunto, e canto mellor poida imaxinarse como sentiriamos e pensariamos de estar no lugar dos outros, maior é a capacidade para o pensamento representativo, máis validez adquiren as conclusións, isto é, a opinión formada. A única condición para que este proceso formativo funcione é o desinterese: liberarse dos propios intereses privados. A acción política democrática pode espertar e cultivar esta capacidade nas persoas.
            Porén, o proceso de formación da opinión política pode manipularse. Tomemos un exemplo. Ás veces considérase que a verdade dos feitos é outra opinión máis. Un enunciado do mesmo tipo que unha opinión. Certamente, a evidencia dos feitos establécese mediante testemuños presenciais, rexistros, documentos, crónicas, que poden ser resultado dalgún tipo de falsificación. Ora ben, isto non é suficiente para desacreditala. Aínda que a verdade política non é como a verdade matemática, científica, hai métodos de verificación e proba, contraste e corroboración.
            A verdade dos feitos é política porque está relacionada con outras persoas. Establécese ao ser presenciada, depende dos testemuños e a súa concordancia. Cada xeración pode ter dereito a ordenar, interpretar, organizar os acontecementos desde a súa perspectiva. Mais non a alterar os feitos.
            A filósofa Hannah Arendt afirma que o que define a verdade dos feitos é o seu oposto: a falsidade deliberada, a mentira. O embuste é un afirmación feita contra a verdade, dun xeito consciente e premeditado. Unha forma de acción que altera, modifica, trastorna, borra, engade elementos ao sucedido. O embusteiro non se equivoca, non falla, non vive alleado. Mais ben, como non ten poder para impoñer o seu embuste, insiste en que a súa afirmación non é unha verdade incuestionable senón a súa opinión, amparada polo dereito constitucional ou calquera outro tipo de dereito. Este tipo de embuste funciona diante dun público pouco informado, sen formación política, fácil de persuadir.
            Borrar a liña que separa a verdade dos feitos e a opinión é unha forma de política. A outra forma, dicir a verdade dos feitos, entraña máis esforzo, paciencia, pedagoxía, audacia. Tamén receptividade. Nun entorno pleno de embustes, no que mentir é a forma de organizárense as persoas, a acción política emancipatoria comeza por dicir a verdade. A veracidade convértese en virtude política.
            Por regra xeral, o embusteiro non ten problemas. Modela os feitos de tal modo que concordan co seu proveito e pracer, e as expectativas da súa audiencia. A credibilidade está do seu lado porque a súa forma de dicir e facer semella lóxica e coherente. Comprensible. Enténdeno todos. E a maioría comparte a reconstrución que fai do significado. Tamén a destrución sistemática da realidade dos feitos.
            Credibilidade e veracidade non adoitan ir da man. A opinión e a verdade dos feitos, tampouco.

Publicado no Progreso o 12-8-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario