Mar Carballo Cela
Dicía Susan Sontag en “Estilos radicais” que hai formas de pensar que non
coñecemos aínda, e que non hai nada máis importante e precioso que ese
coñecemento, pois o simple feito de descubrir que podemos pensar o mundo desde
unha perspectiva diferente esperta en nós unha inquietude que non se pode
aplacar.
As categorías coas que nos referimos hoxe á realidade quedarán anticuadas
irremediablemente como quedaron as de séculos atrás. E así sucede tamén co
concepto que nos define como especie, porque o que entendemos por “ser humano”
non é neutral. A súa construción foi elaborada por mentes masculinas a partir
do modelo masculino, e esta construción do “humano” déixase sentir
especialmente no coñecemento que temos por máis rigoroso e obxectivo: a
ciencia.
As consideracións científicas sobre as mulleres como seres inferiores teñen
unha longa historia. Desde as primeiras miradas filosóficas de Aristóteles,
pasando polas afirmacións médicas de Galeno, ata os abundantes estudos
fisiolóxicos e psiquiátricos dos séculos XIX e XX.
Pero na actualidade, os estudos científicos tampouco se libran do nesgo de
xénero, tendendo -entre outros aspectos- a esaxerar as diferenzas entre os
sexos ou, noutros casos, a minimizalas e mesmo ignoralas, tendencia que tamén
podería aplicarse ás investigacións sobre clase social, raza/etnia, idade, etc.
Así o sinalan S. García Dauder e Eulalia Pérez Sedeño na súa obra “Las
“mentiras” científicas sobre las mujeres” (2017), onde ofrecen interesantes
exemplos de como se concretan estas visións nesgadas derivadas da histórica definición
da muller como a “outra”, como a desviación do patrón hexemónico masculino.
Con respecto a esaxerar as diferenzas séguese recorrendo a teorías
esencialistas (sen ter en conta o factor educacional) que distinguen entre
capacidades cerebrais masculinas e femininas, como as de Simon Baron-Cohen
(2003) ou Louann Brizendine (2010) en pleno século XXI.
Outro exemplo sería o feito de centrar a saúde das mulleres na súa saúde
sexual e reprodutiva, desatendendo enfermidades comúns a ambos sexos, ou
inventar trastornos ou síndromes específicos relacionados tamén coa súa
sexualidade (síndrome premenstrual ou depresión posparto) continuando, en boa
medida, coa consideración das mulleres como seres máis inestables
emocionalmente a diferenza dos homes, máis racionais e equilibrados. Xa Betty
Friedan na súa emblemática obra “A mística da feminidade” (1963) puxera o
acento no que chamou “o mal que non ten nome” para referirse a malestares
emocionais das mulleres produto da opresión de xénero convertidos en trastornos
psiquiátricos e tratados con psicofármacos. A historia da patoloxización de
situacións de inxustiza social é moi extensa… Mulleres que se rebelaban ó seu
destino que acababan en centros psiquiátricos con diagnósticos como manía
persecutoria, histeria, etc.
O feito de esaxerar as diferenzas introduce tamén “dobres estándares” en
saúde, que levan a tratar unha mesma situación de forma diferente en función do
sexo cando non existe xustificación para facelo, como é o caso de non atender
por igual as queixas femininas que as masculinas, buscando máis a miúdo nas
mulleres causas psicosomáticas e prescribíndolles un maior número de
psicofármacos ante iguais síntomas que nos varóns.
Igualmente podemos atopar consecuencias no feito de ignorar ou minimizar as
diferenzas, xa que se adoita establecer como modelo o corpo dos varóns en
enfermidades que non sempre presentan os mesmos síntomas nin prognósticos, como
é o caso dos infartos. Asumir medidas de referencia masculinas como universais,
ou non incluír mulleres nos ensaios clínicos obviando as posibles respostas
diferenciais a determinados fármacos, son distorsións frecuentes, como tamén o
son os intereses que deciden as prioridades nos temas de investigación.
É por isto que debemos tomar conciencia de que as prácticas científicas non
están libres de valores e que forman parte (consciente ou inconscientemente)
das estruturas de poder dunha sociedade determinada; porque é precisamente esta
perspectiva de análise desde os grupos marxinais a que máis enriquece o
coñecemento, deixando ó descuberto as debilidades do que tomamos por evidente e
axudándonos a facer mellor ciencia.
Publicado no Progreso o 10-8-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario