Gonzalo Pérez López
O medo como emoción primaria ou reacción instintiva ante perigos
ou situacións de risco pode
considerarse como un mecanismo beneficioso para a supervivencia da especie
humana. Pero sobrevivir é cualitativamente moi diferente de vivir, polo que a
miña reflexión non se ocupará desa manifestación natural senón do medo
socialmente patolóxico instrumentalizado polo poder para perpetuarse,
provocándonos restrición das liberdades, inhibición comportamental ou accións de rebote expresadas nunha fuxida
irracional cara adiante, segundo os intereses circunstanciais de aquel.
Desde moi variados enfoques, antropólogos e psicólogos analizaron o medo co
fin de caracterizalo, explicalo, estudar a resposta que provoca e, se é o caso,
enfrontalo. Para os condutistas o medo sempre é aprendido e tende a
xeneralizarse. Freud distinguía o real
(proporcional ó perigo) do neurótico
(cando a intensidade non garda relación coa ameaza), é dicir, o racional do
irracional. Desde unha perspectiva histórica e cultural, Burke conclúe que, de
todas as emocións, a máis fácil de estimular é o medo, do que distingue dúas
formas básicas de amosarse, a externa a un, que se pode identificar, combater ó
que o provoca ou fuxir, e o interno, no que o suxeito non pode identificar a
súa orixe.
A pesar da dispar orientación destas
interpretacións, lonxe de
resultar incompatibles, cabe consideralas, en boa medida, complementarias. Así,
no proceso de socialización, ademais de costumes, estilos de vida, códigos e
normas derivados da escala de valores socialmente dominante, aprendemos tamén
medos irracionais, cuxa procedencia non somos capaces de precisar, pero que
condicionan decisivamente a nosa traxectoria vital.
A indución destes medos como coadxuvantes ó control social, ofrecendo á vez
diversas vítimas expiatorias por se fose necesario exteriorizalos a súa
comenencia, é un obxectivo prioritario das elites mundialmente reinantes. Estas manexan tanto
os medos en si como os tempos dos mesmos.
Ao longo da historia, o recurso por excelencia do poder para a inoculación
do medo foi a instrumentalización da relixión. Aínda hoxe ese uso revirado das
relixións goza de considerable predicamento entre os estrategos da domesticación masiva en boa parte do
mundo, pero o progresivo proceso de secularización esixiu das elites a
substitución da relixión como xeradora
de medos e a busca de novos canles para
expandilos. Entre estes dispoñen hoxe da fidelidade dos medios de
comunicación de masas que, polas súas posibilidades manipuladoras, capacidade
difusora e tendencia monopolista, ofrecen unha extraordinaria funcionalidade
cara ó obxectivo de amedrentar a unha sociedade tendente á globalización. Así,
só necesitan concretar a diversificación de medos a potenciar, asentados todos
eles sobre a ignorancia, con independencia da vía pola que se inxecten.
Nesta mal chamada sociedade da información, eses medios masivos, no canto
de satisfacer o dereito á información veraz, o que fan é propiciar unha
xeneralización globalizada do medo: ó descoñecido, ó enfado dos mercados, á
guerra , ó contaxio vírico diverso, ó
terrorismo, aos ERES, a que nos responsabilicen da crise, ó despido libre, á
subida da prima de risco, a ir “aínda peor”, a carecer do suficiente espírito
“emprendedor” para contribuír a alixeirar as listas do paro, a non ter
experiencia abonda, a cuestionar que “sempre haberá pobres e ricos” sexa un
axioma con proxección de futuro, a non ser politicamente correcto, a ser tan
“inmaturos” que imaxinemos posible un modelo económico e social distinto do
imperante, a esquecer que os ricos o son
por méritos propios, a non resignarnos a
renunciar ó exercicio de dereitos básicos, a que non gobernen os de sempre, a
perder o que non temos, a non ser suficientemente conserv adores dos intereses
duns poucos asumidos como propios, …
Pero tamén nos insuflan outros medos non menos condicionantes: ó que dirán,
a ser un, ó fracaso, a non ser miméticos cos valores impostos, a non ser
recoñecidos socialmente, o non estar na crista da onda da moda e do
oficialmente moderno, á exclusión, a non poder participar da orxía consumista,
a desviarnos das medidas corporais estándar, á sinceridade, ó diferente, a ir a contrapelo do sentido do rabaño, a ser
utópicos, … a todo canto sexa
susceptible de convertelo en medo.
Afecte individual ou colectivamente, sexa real ou imaxinario, ou
simplemente o difuso e corrosivo medo ao medo,
aprovéitano para lexitimar recortes de dereitos, prexuízos, exclusións
de toda índole e renuncias á liberdade e á autonomía persoal.
O medo só pode vencerse enfrontándonos ó que o provoca, pero o vicioso do
círculo que nos atrapa é que, sumidos na ignorancia, o propio medo nos
incapacita intelectualmente para comprendelo e poder superalo.
A reflexión filosófica, máis alá do ornato intelectual soportable, pasa por
demostrar que se o medo axudou á evolución biolóxica, a (r)evolución social
pasa precisamente pola eliminación dos medos premeditadamente inducidos que
alimentan e reforzan, transversalmente, as distintas manifestacións da
alienación que asolan a sociedade actual, orientando a praxe moral, social e
política á substitución da escala de
valores dominante por outra que priorice a nosa realización como persoas.
Publicado no Progreso o 2-1-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario