Juan Carlos Fernández Naveiro
Os resultados das últimas eleccións xerais traen ilusión de cambio, pero
hai que precaverse; ademáis dunha esperanza a ilusión tamén é feitizo, tomar
por real unha cousa inexistente. O novo enseguida deixa de selo, a volatilidade
da situación obriga a todos os actores a redefinirse, todo é posible. Tamén é
fácil que un maior pluralismo derive en parálise institucional. Cadaquén
adornará a historia ao seu gusto, o camiño é longo e o home un ser sometido ás
feridas do tempo.
No taboleiro está en xogo a renovación dun modelo que encarna a
constitución de 1978, un cambio drástico de ciclo político. Mirando con
perspectiva ten moito sentido que a constitución teña que ser adaptada a unhas
circunstancias que hoxe son moi diferentes, despois da globalización, o neoliberalismo
e a crise, parece lóxico que os cambios sociais e xeracionais teñan un efecto
institucional. Pero un cambio constitucional non é instrumento suficiente para
cambiar de política: a cuestión de fondo seguirá a estar nas estratexias
económicas, e na vontade (ou non) de combater a deriva oligárquica da
democracia.
A loita política mudou de coordeadas; elección tras elección foi agromando
unha nova paisaxe, ata chegar por vez primeira en democracia a un Parlamento
que non se pode manexar desde os parámetros da alternancia política PP-PSOE,
central no sistema vixente (aínda que aumentan as probabilidades dunha gran
coalición).
Hai novidades importantes no novo ciclo político: o bipartidismo se
debilita, da mostras de dasacoplarse coa diversidade territorial do Estado. O
dominio dos partidos tradicionais se
asenta nas zonas rurais, e se definen diferentes zonas de influencia: PP no
centro-norte, PSOE no sur, e as candidaturas unitarias de esquerda e
nacionalistas, que se consolidan nas periferias do norte (aí está o procés
marcando tendencia, a pesares das súas formas esperpénticas e sen chegar a
admitir que nas eleccións plebiscitarias non acadou o 50% dos votos).
Da contestación á crise xurdiu unha dialéctica distinta á oposición
esquerda/dereita, que agora opón os de abaixo contra as elites, os cidadáns
contra os políticos, o pobo contra o sistema. Esta nova dialéctica garda
relación ca fenda xeracional entre os que protagonizaron a transición e os que
naceron xa en democracia, os sectores máis castigados cando chegou a crise
(recortes, paro xuvenil, emigración). Aí prenderon o 15-M e Podemos.
Tamén incorporamos o mesmo proceso de reconfiguración interna da esquerda
periférica europea, na que emerxen movementos que relevan á socialdemocracia,
que se debate na incapacidade para xerar respostas á crise fóra do paradigma
neoliberal (tamén nos países do norte está a fracasar a socialdemocracia, pero
aí a beneficiaria está sendo a extrema dereita).
A este panorama hai que engadir outras liñas de fractura, como a desigualdade crecente entre clases
socio-económicas, os desequilibrios entre a España do norte e a do sur, ou o
conflicto xa centenario entre o centro e a periferia (o terreo de xogo dos
nacionalismos). Son conflictos que non se solapan e que agochan loitas de poder
entre sectores moi diversos.
Pode haber continuismo ou ensaio dunha nova etapa. Aproveitando unha
posible relaxación da austeridade podería vir un vento favorable de Europa
(esto pode pecar de optimismo), como mínimo para combater as situacións de
emerxencia social e defender as prestacións do sistema. Pero un tempo político
realmente novo só se daría se ademáis se procuran cambios nas políticas de
axuste neoliberal, se hai un propósito decidido de atallar a corrupción e de
defender o común, desde a autoxestión individual e colectiva, e tamén se se
acaba por reconfigurar o estado español, incluindo novos repartos de soberanía.
Nada é inmutable, non debería haber medo ao futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario