Juan Carlos Fernández Naveiro
Esta tribuna naceu
para promocionar a filosofía pero hoxe vou ser incorrecto –en realidade, os
filósofos sempre foron os primeiros en criticar(se). Quero chamar a atención
sobre os discursos que pretenden ser voceiros do universal, sobre os que se
erixen en amos dos conceptos e pretenden ter a opinión dominante.
En particular os
debates sociais están cheos de opinións que queren pasar por conceptos. Cando
se propoñen estándares de saúde, de sexualidade, de alimentación, de relacións
persoais ou de valoración da propia vida, e se enfocan temas como as drogas, o
aborto, a prostitución, a eutanasia ou os dereitos animais, moitas veces caemos
en lugares comúns que perden as pequenas diferenzas e acaban por soster os
nosos prexuizos. Debes ser correcto, cumplir a norma, seguir o guión que outros
escribiron para tí. A veces se trata de recomendacións para aterse aos modelos
dominantes, outras veces son prácticas que bordean o legalmente establecido.
Que pode facer aí a filosofía? Pode dubidar, ter coidado coas xeneralizacións ,
propor a necesidade de contextualizar calquera xuizo, sacar á luz o que está
implícito, os condicionantes culturais dos conceptos, os intereses que agochan.
Como dicía Nietzsche non nos libraremos de Deus mentres sigamos a crer na
gramática, e con iso transmitía unha saudable desconfianza na linguaxe, gran
forxador de conceptos espurios.
Os temas
moralmente máis polémicos teñen ademáis unha difícil ubicación política. A esquerda
e dereita se reproducen as alternativas entre moralismo penalizador e
anti-autoritarismo despenalizador, entre restricción de dereitos e a súa
ampliación, entre a fabricación de individuos sometidos e a promoción da
responsabilidade de cadaquén na súa propia vida.
Hai que coidarse
dos que ignoran o pluralismo dos valores, dos que detentan un suposto saber
indiscutible e queren usalo como dispositivo de normalización e control; hai
que precaverse desa liña perigosa que conecta as ideas socialmente establecidas
cos mecanismos do poder. O pobre, o drogadicto, o tolo, a prostituta, o
suicida, son minorías que problematizan os dogmas maioritarios e enmendan os
programas de ilustración; introducen unha sospeita que se extende desde o
“goberno dos sabios” (Platón) ata toda “vontade lexisladora universal” (Kant).
As ideas poden ser usadas como armas de dominio, como soldados da liberdade
obrigatoria, que impoñen a salvación das almas a sangue e lume. Baixo a forma
do universal a filosofía pode ser un adorno de instintos feroces. É mellor
deixar falar, non usurpar as voces de outros, non empeñarse en representar.
Dicía o filósofo Gilles Deleuze: “devir-minoritario”. Todos somos parte dunha
minoría respecto de algo. Cabe entonces unha filosofía do singular, unha escoita
das marxes e das razóns que non concordan co establecido, como un murmurio que
chega desde abaixo. Pensar o singular, e deixalo ser.
Publicado no Progreso o 1-1-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario