domingo, 1 de noviembre de 2015

Oradores ou engaioladores?



Mar Carballo Cela

Saber contruír argumentos e ter as habilidades necesarias para defender as propias opinións forma parte do exercicio que todo cidadán debe saber poñer en práctica no contexto democrático. Sen dúbida, se non aprendemos isto a nosa participación queda disminuída, e moitas grandes ideas quedarían reducidas á reflexión solitaria sen posibilidade de ser compartidas para enriquecer a vida en común. Tales artes son tan antigas como a democracia mesma que, xa nas súas orixes (na Grecia Clásica), contaba con grandes mestres de oratoria que ensinaban a defender en público, ben fose na asemblea ou ante os tribunais populares, as causas oportunas. Persuadir, convencer dos beneficios e a verdade das nosas meditacións depende do dominio que teñamos da linguaxe e da lóxica, pero tamén do coñecemento das emocións e as paixóns que moven aos humanos.
Discutíase naquela época sobre o obxectivo que debían perseguir estas ensinanzas. Sócrates pensaba que era o amor pola sabedoría o que debía levarnos a aprender a expoñer as nosas opinións e a refutar as contrarias, e acusaba aos sofistas de manipuladores aos que unicamente lles interesaba vencer nuhna disputa. Pero, controversias a parte, o certo é que os gregos, á vez que recoñecían o dereito á igualdade no uso público da palabra (isegoría), valoraban tamén a virtude de atreverse a usala para dicir a verdade en beneficio común (parrhesía). Parece obvio que esta última esixencia é imprescindible para poder exercer unha cidadanía responsable.
Máis adiante, Quintiliano, o máis reputado profesor de retórica da Roma Imperial, relacionaba na súa Institutio oratoria esta disciplina, non só coa linguaxe e coa lóxica, senón tamén coa ética: "O orador —afirmaba— debe ser un home de ben instruído na elocuencia. Se a arte de dicir chega a instruír a malicia, ningunha cousa hai máis prexudicial que a elocuencia, xa nos negocios públicos, xa nos particulares". Consideraba, logo, que antes de adestrar á xuventude nesta arte era imprescindible educala na ciencia da bondade e da xustiza, porque convetir en orador a un traidor ou a un prevaricador era poñer nas súas mans a arma máis perigosa de todas.
Resulta moi doado traer estas reflexións á actualidade. Na época da sedución e da competitividade na que vivimos estanse banalizando tanto estas técnicas, que proliferan os talleres de oratoria e os coaches por todas partes con lemas que alentan claramente a ser perfectos engaioladores. Se a isto lle engadimos un pobo premeditadamente deseducado, non nos estrañemos do alarmante crecemento de ideoloxías (tanto políticas como relixiosas) que están poñendo en perigo os máis elementais piares da dignidade humana. Pero tampouco é necesario irse a tales extremos: as tribunas políticas deste país ofrécennos suficientes exemplos bochornosos daquelo que debe evitar calquera orador que se precie e tristemente, aínda que ás veces o critiquen, moitos cidadáns parecen asumir como un valor a arte de enganar con gracia e maestría.
Precisamente, vendo que a elocuencia ía dexenerando en locuacidade impertinente e interesada, sen contribuír en nada á honestidade e á busca do ben común, decidíu Quintiliano que debía escribir o seu tratado, sinalando como causa fundamental deste declive as malas prácticas das novas escolas de retórica que triunfaban naquel momento.
Aquí deixo o reto para os profesores que van impartir esta interesante disciplina nos novos plans educativos de secundaria. Creo que, dados os tempos que corren, teñen unha importantísima responsabilidade nas súas mans. Quen sabe a que caudillos sen escrúpulos poden estar preparando.

Publicado no Progreso o 24-10-2015

Memento vivere



Miguel A. Marínez

'Memento mori’ é unha frase latina que pretendía recordar ás persoas a súa condición mortal: «Lembra que es mortal». Usada como tópico na literatura e na arte europeas, tiña como función conxurar a vaidade da existencia e facer pensar na futilidade de amorear bens e propiedades diante dunha morte inelutable.
Na súa forma extrema podería considerarse como unha das regras da ‘ars moriendi’ clásica: unha preparación en vida para a morte. Dito outramente: o pensamento da morte como regra para as decisións que se toman Memento vivere en vida. Cal sería hoxe a regra da arte de morrer, a preparación para o momento final? Talvez a contraria: ‘memento vivere’ (lembra vivir).
O ‘memento vivere’ non é simétrico ao ‘memento mori’. Pode parecer unha fórmula paradoxal: nificencia do cosmos en nós. É o que asombraba a Kant: o ceo estrelado sobre nós (o universo infinito) e a lei moral dentro de nós (a capacidade de actuar con liberdade). Mais adaptado ao mundo de hoxe. Por exemplo, un dos aspectos máis interesantes da sociedade tecnolóxica é a progresiva ampliación do coñecemento cientí- fico sobre o sistema solar e outras galaxias, a historia evolutiva do planeta terra e a súa biosfera. Isto pode ser aproveitado ao noso favor para repensar e recrear a moral persoal e colectiva.
Facer unha reflexión ética deste tipo quizais nos habilite para actuar consonte á autoconsciencia que logrou a nosa especie e, acaso, practicar o ‘memento vivere’. É posible esquecer que se vive posto que, precisamente, se vive? Evidentemente si. A falta de autoconsciencia é a proba. Se noutros tempos non se vivía porque era fundamental prepararse para a vida inmortal, na actualidade acontece o mesmo mais por outro motivo. Desaparecida a inmortalidade do horizonte persoal e social, irrompe a hipervitalidade, a exaltación da oportunidade, o hipervínculo á circunstancia. A fascinación polo ‘carpe diem’ (aproveita o momento!) convértese nun imperativo: debes vivir como se cada momento fose un fin en si mesmo, non un medio! Ou, tamén, unha especie de máxima: regula cada instante como se fora o último porque pode selo! A mentalidade economicista e bancaria concibe a vida como un capital, o pensamento como un balance e o ben como o logro dunha renda positiva. O seu ‘ethos’ é: a vida non debe ser malgastada! O rendemento do instante debe ser visible, a ser posible, en efectivo, figurar no rexistro dos haberes. Esta maneira de pensar e actuar impide apropiarse con sosego do ‘memento vivere’. ‘Memento vivere’ é actuar no presente de tal xeito que en cada momento se teña presente a magnificencia do cosmos en nós. É o que asombraba a Kant: o ceo estrelado sobre nós (o universo infinito) e a lei moral dentro de nós (a capacidade de actuar con liberdade). Mais adaptado ao mundo de hoxe. Por exemplo, un dos aspectos máis interesantes da sociedade tecnolóxica é a progresiva ampliación do coñecemento cientí- fico sobre o sistema solar e outras galaxias, a historia evolutiva do planeta terra e a súa biosfera. Isto pode ser aproveitado ao noso favor para repensar e recrear a moral persoal e colectiva. Facer unha reflexión ética deste tipo quizais nos habilite para actuar consonte á autoconsciencia que logrou a nosa especie e, acaso, practicar o ‘memento vivere’.….

Publicado no Progreso o 17-10-2015

Esa viaxe inevitable



Xosé Ramón Cando Vázquez..

Estamos no outono e xa non queda lonxe o mes de santos, tempo que o calendario destinaba a prestar atención a esa derradeira viaxe que teremos que emprender nalgún momento cara o descoñecido destino denominado comunmente como “o alén”. Seguindo esta vella tradición, expóñense deseguido algunhas reflexións verbo dun tema que adoita ser desacougante.
Dicía o vello Heráclito (S. V a.c.) que nada existiría sen o seu contrario polo que cabe pensar que non se podería falar da vida sen facer referencia á morte, ou sexa, que estamos vivos porque somos mortais; nese sentido, falar de vida eterna é unha contradición nos propios termos. Aproximadamente cen anos mais tarde, Epicuro ensinaba que sabemos que estamos vivos porque os nosos sentidos nos informan da nosa vitalidade, sendo así que non debemos preocuparnos polo que virá despois xa que a nosa sensibilidade non estará en condicións de transmitirnos ningunha información, e dicir, nunca coñeceremos a morte porque nunca saberemos que estamos mortos. E coñecido que o mestre Platón ten outro enfoque sobre do tema afirmando a inmortalidade da alma, afirmación que posteriormente sería tan cara para o Cristianismo.
Noutro contexto, no século XV, Jorge Manrique nas “Coplas...” láiase do efémero da existencia, da súa continxencia e finitude, poñendo tamén de manifesto o carácter igualador da morte  “(...) allegados, son iguales los que viven por sus manos e los ricos (...)”,  carácter que no mundo calvinista non merece consideración porque a crenza na predestinación esixe o éxito nesta vida como manifestación do abenzoamento divino. Polo que se desprende das “Coplas...), Manrique non semella atopar moito conforto na fe, tendo en conta a inexistencia de referencias relixiosas; mais alá vai, xa preto do século XX, o vitalista Nietzsche que entende que non e posible escapar da realidade da morte mediante ficcións “acovardadas e mixiricas”, polo que afirma que a aceptación da dor e da morte, a carón dos praceres, caracteriza ao home que se rexe pola vontade de poder que e o único criterio válido de comportamento, xa que non ven ditado por ninguén en ningún código, xurde exclusivamente do home na acción (mais ben do superhome).
Afirma o sociobiólogo Richard Dawkins que se conseguimos enviar aos nosos xenes a mensaxe de que estamos de cheo en período reprodutor, non entrariamos en decadencia e distanciariamos o remate das nosas vidas. Nesta liña de alongar a vida humana e/ou, mesmo, facela ilimitada, están as intencións e os traballos do chamado transhumanismo, para algúns, posthumanismo. Propiamente non estamos a falar de vida humana tal e como a coñecemos, incluso hai quen pensa que nos atopamos ante unha nova etapa da evolución na que a biónica será o elemento constitutivo básico desa nova especie. Igualmente, a enxeñería xenética a través das células-nai e a clonación de órganos pode incrementar notablemente o tempo da nosa existencia, ata o punto de que un dos seus representantes mais conspicuos afirma que a morte non figura, como inevitable, na natureza humana, xa que logo a inmortalidade sería posible (teóricamente, polo menos.)
A historia do pensamento móvese entre a aceptación da morte como remate da existencia, a negación do seu carácter derradeiro que sería substituído por algunha forma de vida eterna e a crenza no poder humano para contradicir o que os libros sagrados afirman como vontade divina, e o que a historia mostra como inevitable, superar a caducidade da existencia humana. A humanidade leva intentando ser inmortal dende que adquiriu conciencia da súa mortalidade e unha das mais socorridas disciplinas practicadas en tal sentido foi (e ben coñecido) a alquimia e a súa quimera da “pedra filosofal” que así como faría rico ao seu posuidor, tamén o faría inmortal. Non temos novas do éxito da empresa alquimista pero a teima en conseguir a inmortalidade segue vixente se ben na actualidade xa non se trata do que poderíamos considerar un feito de carácter máxico tendo en conta a implicación da ciencia académica, esa á que tendemos a outorgar a nosa confianza. Neste sentido sería acaído lembrar a Newton, científico modelo que, sen embargo, dedicaría a maior parte do seu esforzo intelectual a especulacións de carácter máxico.
Noutro artigo desta sección falábase da inexistencia nos nosos días de algo semellante ao que, na antigüidade se coñecía como “ars amandi”, se cadra, ante o ruído que hai arredor do tema da morte acompañado da tendencia a vivir de costas á súa realidade, non estaría demais algo semellante ao que noutro tempo coñecían como “ars moriendi”.



Publicado no Progreso o 10-10-2015

sábado, 10 de octubre de 2015

A democracia dos ignorantes



José Domingo de Prada

As nosas democracias renaceron das súas cinzas na modernidade como “democracias mediadas”. Nelas, o exercicio do poder cédese durante un período de tempo a uns administradores, normalmente políticos profesionais, que o exercen sen máis control efectivo pola nosa parte que o que se exprese nas seguintes eleccións. Chamóuselles democracias representativas e foron un invento do liberalismo.  A chegada da globalización posmoderna transformounas en “democracias mediatizadas” xa que a utilización dos medios de comunicación como maquinarias orwelianas permitiu controlar as nosas decisións máis íntimas, e suponse que o voto é unha delas; isto, mais a crise das ideoloxías, que foi anterior á crise económica e unha das causas desta última, levounos a votar a aquel que mellor se vendía (ou nos enganaba) nos espazos publicitarios ou dos telexornais.
Así, a “democracia directa” quedou como un ideal irrealizable nas nosas sociedades. Sería incompatible coas nosas estruturas sociais e hábitos de vida, e, para intentar radicala entre nós, teriamos que cambiar ambos. Aínda que hai intentos que claman por unha “democracia directa” non parecen estar os tempos para tal cousa e os labirintos tecidos durante os últimos séculos non se van desenredar en dous días, nin sequera tirando do fío. O que si podería ocorrer é que acabásemos estrangulados por ese tirón, véxase como algúns antidemócratas claman por unha suposta democracia directa como forma de agochar os seus intereses. Non parece pois, que teñamos outro remedio que conformarnos con “democracias adxectivadas”, con tal que nos permitan acceder efectivamente a algún elemento democrático. Se os atenienses puideron por un momento enfrontar unha democracia “case” directa foi por unha serie de condicionantes históricos particulares, non todos envexables como: sociedades pequenas, compromiso persoal co servizo á cidade-estado, restricións na democracia que só permitía acceder a ela a unha pequena parte da poboación excluíndo a maioría, e sobre todo, prestixio social e moral do demócrata.
O problema torna pois desviado cara á definición do demócrata. Tal, debe ser alguén comprometido moralmente consigo mesmo e cos demais en igual medida, disposto a admirar a quen consiga ese equilibrio e se mostre propenso a involucrarse nos problemas sociais no mesmo grao que se implica nos propios. A democracia nace e morre no mesmo sitio: no compromiso social e moral do individuo, do demócrata, para con si e para cos demais. Sen un equilibrio racional neste compromiso a democracia fenece. Hoxe, a individualidade, o interese persoal exclusivo, o beneficio propio a costa da comunidade, a comodidade, a ignorancia ou a pasividade social, fan que a nosa democracia fique agonizante. Escasa de forzas para defenderse e mallada por demagogos e corruptos a democracia sofre os mesmos males que tivo na súa orixe, moitos arribistas dispostos a aproveitarse dela e poucos demócratas dispostos a perder parte do seu para defendela.
Non nos aprestamos a tomar conciencia da realidade na que vivimos, evadímonos dela coas denominadas tecnoloxías da diversión preocupados pola súa actualización constante e vertixinosa. A vida tecnificada do individualismo posmoderno e neoliberal é antidemocrática por ser basicamente antisocial e ignorante.
Esta ignorancia, consciente e consentida, vehiculada por imaxes falsas, promesas incumpridas, explotación humana oculta en envoltorios de papel regalo,  mixtificada nos ideais de progreso, liberdade de compra ‒que non de elección‒, mellora económica ou superioridade moral e cultural do grupo propio e do suxeito particular, ten un prezo: vivir sometidos á manipulación dos poderes fácticos, ceder a nosa autonomía e convivir coa pereza moral (e física, explicitada nas 24 horas semanais de sofá ante a TV ou Internet e redes sociais do cidadán medio). O neoliberalismo explota esta situación, cóbrenos os ollos co “veo da ignorancia” da mercadoría, toda a nosa moral e toda a nosa ansia de coñecemento quedan no chan ao pé do mostrador do tendeiro; nunca preguntamos outra cousa que o prezo a pagar, deixamos de lado saberes que poidan incomodarnos ou que nos azúen a conciencia. Velaí o actual declive da Filosofía.
Se así nos comportamos a cotío, cando temos que escoller aos nosos representantes tendemos a maximizar estas actitudes. Fabulamos realidades virtuais, imaxinamos abanos de posibilidades inducidos en función de prexuízos e propagandas, tendemos a votar máis coa carteira que coa razón, abrimos un abismo entre dúas realidades distintas: o que escollo e o que deixo.
Unha “elección racional” debe ser consciente do que se escolle e do que implicitamente se rexeita cando se elixe. Se, poñamos por caso, prefiro incrementar permanentemente o meu beneficio estarei, de feito, rexeitando a igualdade, a xustiza, a equidade, a moralidade en último termo. É este un elemento digno de ser pensado antes de mercar ou de depositar o voto. O problema non é só qué ofrecen as multinacionais ou os partidos políticos, senón, qué rexeitan (ollo, non nolo van dicir). Máis importante aínda, eu mesmo, en función de que eleccións ou renuncias decido? Sei o que merco ou voto cando merco ou voto?,  prefiro non sabelo? Voto ou merco coa razón ou fágoo só coa carteira? Conste que a carteira non pensa, só pode facelo o animal que a porta, converténdose, de facelo, nun animal racional. En caso contrario viviremos na democracia dos ignorantes.

Publicado no Progreso o 3-10-2015