sábado, 10 de octubre de 2015

A democracia dos ignorantes



José Domingo de Prada

As nosas democracias renaceron das súas cinzas na modernidade como “democracias mediadas”. Nelas, o exercicio do poder cédese durante un período de tempo a uns administradores, normalmente políticos profesionais, que o exercen sen máis control efectivo pola nosa parte que o que se exprese nas seguintes eleccións. Chamóuselles democracias representativas e foron un invento do liberalismo.  A chegada da globalización posmoderna transformounas en “democracias mediatizadas” xa que a utilización dos medios de comunicación como maquinarias orwelianas permitiu controlar as nosas decisións máis íntimas, e suponse que o voto é unha delas; isto, mais a crise das ideoloxías, que foi anterior á crise económica e unha das causas desta última, levounos a votar a aquel que mellor se vendía (ou nos enganaba) nos espazos publicitarios ou dos telexornais.
Así, a “democracia directa” quedou como un ideal irrealizable nas nosas sociedades. Sería incompatible coas nosas estruturas sociais e hábitos de vida, e, para intentar radicala entre nós, teriamos que cambiar ambos. Aínda que hai intentos que claman por unha “democracia directa” non parecen estar os tempos para tal cousa e os labirintos tecidos durante os últimos séculos non se van desenredar en dous días, nin sequera tirando do fío. O que si podería ocorrer é que acabásemos estrangulados por ese tirón, véxase como algúns antidemócratas claman por unha suposta democracia directa como forma de agochar os seus intereses. Non parece pois, que teñamos outro remedio que conformarnos con “democracias adxectivadas”, con tal que nos permitan acceder efectivamente a algún elemento democrático. Se os atenienses puideron por un momento enfrontar unha democracia “case” directa foi por unha serie de condicionantes históricos particulares, non todos envexables como: sociedades pequenas, compromiso persoal co servizo á cidade-estado, restricións na democracia que só permitía acceder a ela a unha pequena parte da poboación excluíndo a maioría, e sobre todo, prestixio social e moral do demócrata.
O problema torna pois desviado cara á definición do demócrata. Tal, debe ser alguén comprometido moralmente consigo mesmo e cos demais en igual medida, disposto a admirar a quen consiga ese equilibrio e se mostre propenso a involucrarse nos problemas sociais no mesmo grao que se implica nos propios. A democracia nace e morre no mesmo sitio: no compromiso social e moral do individuo, do demócrata, para con si e para cos demais. Sen un equilibrio racional neste compromiso a democracia fenece. Hoxe, a individualidade, o interese persoal exclusivo, o beneficio propio a costa da comunidade, a comodidade, a ignorancia ou a pasividade social, fan que a nosa democracia fique agonizante. Escasa de forzas para defenderse e mallada por demagogos e corruptos a democracia sofre os mesmos males que tivo na súa orixe, moitos arribistas dispostos a aproveitarse dela e poucos demócratas dispostos a perder parte do seu para defendela.
Non nos aprestamos a tomar conciencia da realidade na que vivimos, evadímonos dela coas denominadas tecnoloxías da diversión preocupados pola súa actualización constante e vertixinosa. A vida tecnificada do individualismo posmoderno e neoliberal é antidemocrática por ser basicamente antisocial e ignorante.
Esta ignorancia, consciente e consentida, vehiculada por imaxes falsas, promesas incumpridas, explotación humana oculta en envoltorios de papel regalo,  mixtificada nos ideais de progreso, liberdade de compra ‒que non de elección‒, mellora económica ou superioridade moral e cultural do grupo propio e do suxeito particular, ten un prezo: vivir sometidos á manipulación dos poderes fácticos, ceder a nosa autonomía e convivir coa pereza moral (e física, explicitada nas 24 horas semanais de sofá ante a TV ou Internet e redes sociais do cidadán medio). O neoliberalismo explota esta situación, cóbrenos os ollos co “veo da ignorancia” da mercadoría, toda a nosa moral e toda a nosa ansia de coñecemento quedan no chan ao pé do mostrador do tendeiro; nunca preguntamos outra cousa que o prezo a pagar, deixamos de lado saberes que poidan incomodarnos ou que nos azúen a conciencia. Velaí o actual declive da Filosofía.
Se así nos comportamos a cotío, cando temos que escoller aos nosos representantes tendemos a maximizar estas actitudes. Fabulamos realidades virtuais, imaxinamos abanos de posibilidades inducidos en función de prexuízos e propagandas, tendemos a votar máis coa carteira que coa razón, abrimos un abismo entre dúas realidades distintas: o que escollo e o que deixo.
Unha “elección racional” debe ser consciente do que se escolle e do que implicitamente se rexeita cando se elixe. Se, poñamos por caso, prefiro incrementar permanentemente o meu beneficio estarei, de feito, rexeitando a igualdade, a xustiza, a equidade, a moralidade en último termo. É este un elemento digno de ser pensado antes de mercar ou de depositar o voto. O problema non é só qué ofrecen as multinacionais ou os partidos políticos, senón, qué rexeitan (ollo, non nolo van dicir). Máis importante aínda, eu mesmo, en función de que eleccións ou renuncias decido? Sei o que merco ou voto cando merco ou voto?,  prefiro non sabelo? Voto ou merco coa razón ou fágoo só coa carteira? Conste que a carteira non pensa, só pode facelo o animal que a porta, converténdose, de facelo, nun animal racional. En caso contrario viviremos na democracia dos ignorantes.

Publicado no Progreso o 3-10-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario