domingo, 1 de noviembre de 2015

Esa viaxe inevitable



Xosé Ramón Cando Vázquez..

Estamos no outono e xa non queda lonxe o mes de santos, tempo que o calendario destinaba a prestar atención a esa derradeira viaxe que teremos que emprender nalgún momento cara o descoñecido destino denominado comunmente como “o alén”. Seguindo esta vella tradición, expóñense deseguido algunhas reflexións verbo dun tema que adoita ser desacougante.
Dicía o vello Heráclito (S. V a.c.) que nada existiría sen o seu contrario polo que cabe pensar que non se podería falar da vida sen facer referencia á morte, ou sexa, que estamos vivos porque somos mortais; nese sentido, falar de vida eterna é unha contradición nos propios termos. Aproximadamente cen anos mais tarde, Epicuro ensinaba que sabemos que estamos vivos porque os nosos sentidos nos informan da nosa vitalidade, sendo así que non debemos preocuparnos polo que virá despois xa que a nosa sensibilidade non estará en condicións de transmitirnos ningunha información, e dicir, nunca coñeceremos a morte porque nunca saberemos que estamos mortos. E coñecido que o mestre Platón ten outro enfoque sobre do tema afirmando a inmortalidade da alma, afirmación que posteriormente sería tan cara para o Cristianismo.
Noutro contexto, no século XV, Jorge Manrique nas “Coplas...” láiase do efémero da existencia, da súa continxencia e finitude, poñendo tamén de manifesto o carácter igualador da morte  “(...) allegados, son iguales los que viven por sus manos e los ricos (...)”,  carácter que no mundo calvinista non merece consideración porque a crenza na predestinación esixe o éxito nesta vida como manifestación do abenzoamento divino. Polo que se desprende das “Coplas...), Manrique non semella atopar moito conforto na fe, tendo en conta a inexistencia de referencias relixiosas; mais alá vai, xa preto do século XX, o vitalista Nietzsche que entende que non e posible escapar da realidade da morte mediante ficcións “acovardadas e mixiricas”, polo que afirma que a aceptación da dor e da morte, a carón dos praceres, caracteriza ao home que se rexe pola vontade de poder que e o único criterio válido de comportamento, xa que non ven ditado por ninguén en ningún código, xurde exclusivamente do home na acción (mais ben do superhome).
Afirma o sociobiólogo Richard Dawkins que se conseguimos enviar aos nosos xenes a mensaxe de que estamos de cheo en período reprodutor, non entrariamos en decadencia e distanciariamos o remate das nosas vidas. Nesta liña de alongar a vida humana e/ou, mesmo, facela ilimitada, están as intencións e os traballos do chamado transhumanismo, para algúns, posthumanismo. Propiamente non estamos a falar de vida humana tal e como a coñecemos, incluso hai quen pensa que nos atopamos ante unha nova etapa da evolución na que a biónica será o elemento constitutivo básico desa nova especie. Igualmente, a enxeñería xenética a través das células-nai e a clonación de órganos pode incrementar notablemente o tempo da nosa existencia, ata o punto de que un dos seus representantes mais conspicuos afirma que a morte non figura, como inevitable, na natureza humana, xa que logo a inmortalidade sería posible (teóricamente, polo menos.)
A historia do pensamento móvese entre a aceptación da morte como remate da existencia, a negación do seu carácter derradeiro que sería substituído por algunha forma de vida eterna e a crenza no poder humano para contradicir o que os libros sagrados afirman como vontade divina, e o que a historia mostra como inevitable, superar a caducidade da existencia humana. A humanidade leva intentando ser inmortal dende que adquiriu conciencia da súa mortalidade e unha das mais socorridas disciplinas practicadas en tal sentido foi (e ben coñecido) a alquimia e a súa quimera da “pedra filosofal” que así como faría rico ao seu posuidor, tamén o faría inmortal. Non temos novas do éxito da empresa alquimista pero a teima en conseguir a inmortalidade segue vixente se ben na actualidade xa non se trata do que poderíamos considerar un feito de carácter máxico tendo en conta a implicación da ciencia académica, esa á que tendemos a outorgar a nosa confianza. Neste sentido sería acaído lembrar a Newton, científico modelo que, sen embargo, dedicaría a maior parte do seu esforzo intelectual a especulacións de carácter máxico.
Noutro artigo desta sección falábase da inexistencia nos nosos días de algo semellante ao que, na antigüidade se coñecía como “ars amandi”, se cadra, ante o ruído que hai arredor do tema da morte acompañado da tendencia a vivir de costas á súa realidade, non estaría demais algo semellante ao que noutro tempo coñecían como “ars moriendi”.



Publicado no Progreso o 10-10-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario