viernes, 20 de noviembre de 2015

Colaboracionismo




Mª Isabel Sánchez Corral

Seguramente, unha ampla maioría de profesores e profesoras de filosofía utilizamos nalgún momento un pequeno texto de Bertrand Russell, extraído do seu libro ‘Os problemas da filosofía’, onde caracteriza o «home que non ten ningún verniz de filosofía».
A intención sería suscitar no alumnado,que se achega por primeira vez á filosofía no bacharelato, o interese pola importancia deste saber e a súa caracterización a través das palabras do filósofo e matemático. Para Bentrand Russell ese home sen ningún tipo de verniz filosófico é aquel que preso dos prexuízos, o sentido común e o costume, se deixa levar acríticamente pola obviedade. Aquel que camiña desposuído da razón en mans dos poderes que o utilizan, sen saberse utilizado.
Fronte a el, debúxanos a ese ser humano, a esa persoa fiel así mesma que busca sen atopar, pregunta sen resposta precisa, non se guía polo establecido e o dogma non ten cabida no seu credo. Así o profesor/ra de Filosofía soña ao filósofo para que o seu auditorio se admire, se resolva crítico, utópico, e se emancipe, impulsándoo a que se constitúa como ser humano libre e independente.
A filosofía, ou quen a practique, polo seu carácter crítico non pode ser morna senón radical, debe buscar a verdade sen presupoñela e aínda que non a atope debe seguir buscando e expondo problemas. Aquí é onde o seu labor se achega á poesía e ao poeta, encomendándose a escribir o verso perfecto, aínda que morra. Quizais por esa razón quen utilizou e utiliza ese texto para espertar a inquietude e tentar que o círculo non peche, non se pode permitir a indiferencia, o acomodo, esperar a que o tempo o solucione todo.
A actualidade, o momento histórico require po- ñer máis que nunca en práctica o esencial da filosofía. Heidegger, a principios do século XX, anunciou que o problema da filosofía xa non era a verdade senón a linguaxe. Esta afirmación abriu un panorama novo na filosofía e xerou unha gran influencia en distintos filósofos e distintos campos do saber. Quizais esta afirmación que tentaba socavar os cimentos da metafísica, tamén influíu no pensamento posmoderno que acabou relativizando ata a propia filosofía. Pero a linguaxe como reflexo do noso pensamento —pensamos a través de conceptos que verbalizamos en palabras— catalizador e xerador de ideas, debe tentar desvelar a verdade.
Cousa da que se esqueceu o filósofo alemán cando desde a fría indiferencia non aclaraba a súa posición fronte aos acontecementos da Alemaña nazi, máis ben pareceu esquecer botarlle unha mirada crítica ao poder que se constituía no seu país. Por esa razón, independentemente das nosas inclinacións intelectuais, non podemos esquecer o noso compromiso co ser humano, coa sociedade, co presente que xera futuro; en definitiva, coa vida. Non podemos traizoar aquilo do que alardeamos converténdonos en silenciosos colaboradores. Por esa razón, parte do alumnado que comeza a estudar Filosofía lerá ou xa leu a Bertrand Russell.

Publicado no Progreso o 14-11-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario