viernes, 20 de noviembre de 2015

Unha democracia devaluada



Elías Pérez Sánchez

Vivimos nunha democracia procedimental absolutamente exigua que non axuda a comprender a esencia do propio sistema democrático. Cómpre lembrar algún dos valores e actitudes que subxacen á palabra “democracia”: a representación efectiva da oposición política, o control do sistema democrático pola cidadanía co fin de que non dexenere nun poder arbitrario, o respecto polas virtudes personais e públicas como a modestia, o afán de verdade  e a transparencia. Un dos grandes problemas da democracia contemporánea consiste en interpretala como procedemento, incorporando o pensamento único (hoxe, neoliberal) e excluínte, marxinando as críticas e satanizando aos críticos, diluíndo a asunción de responsabilidades, a esencia plural da cidadanía e o valor do diálogo na rúa.
Como reaccionar ante una situación que se pode catalogar como “democracia de malos usos”, “democracia inhóspita” na que o poder político neoliberal hai tempo que perdeu o sentido da dose? Recuperando a sociedade civil como eixo de calquer proxecto transformador da sociedade e do sistema político. Como ten dito Adela Cortina, o cidadán nunha comunidade democrática e aquel ó que se lle recoñecen e protexen un conjunto de dereitos e que garda tamén cara esa comunidade una relación de lealdade e de responsabilidade. Para afondar no carácter democrático é imprescindible que a cidadanía asuma activamente as súas responsabilidades convertíndose en protagonista dunha sociedade máis xusta e máis libre. Pero o poder político deberá lembrar, tamén, que a súa lexitimidade radica en servir ao pobo que é precisamente o que o elixe.
Na actual situación de clara involución social e política é necesario rexenerar e revitalizar a democracia a través da sociedade civil pedindo canles políticos e institucionais máis abertos que faciliten a participación activa e deliberativa da cidadanía. É necesario, logo,  radicalizar o ideal democrático e convertir ao “cidadán votante” en “cidadán participante, contestatario e mobilizado” ante a ausencia de dereitos e liberdades básicas e ante o poder político arbitrario e dogmático. Cómpre, tamén, recuperar a concepción da democracia moral e pedagóxica, a democracia como actitude ética e escola de liberdade e autonomía dos cidadáns. Por iso tamén é indispensable non esquecer a importancia da educación moral coa finalidade de reforzar e mellorar as virtudes cívicas dos futuros cidadáns. Non debemos esquecer que a cantidade de poder que o Estado exerce sobre a cidadanía é inversamente proporcional ao desenvolvemento moral dos individuos.

Publicado no Progreso o 31-10-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario