Gonzalo Pérez López
O que subcribe
é un dos perennes aspirantes a acadar a categoría de cidadán que, condicionado
pola implacable ditadura dos anos, empeza a desesperar de acadala algún día.
Padecemos
o franquismo, que prohibiu por decreto ata o uso mesmo da palabra, máis tarde o
franquismo sen Franco deu paso á democracia formal pola que transitamos e que,
aínda que recuperou a palabra, empregándoa en van ata a saciedade, ao
transcorrer o tempo sen concretarse nunca na realidade, acabou por converterse
nunha entelequia.
Constatar
a evidencia de que a división e independencia de poderes propias do Estado de
Dereito non están asentadas neste país, supón confirmar que a democracia está
lonxe de estar consolidada, competindo entre eles por liderar a xeración de
desconfianza entre os aspirantes á cidadanía. Deles, o poder xudicial, que
ademais de controlar os outros ten a obriga de autocontrolarse, non é o que
menos receo provoca entre nós. Parece difícil isto tendo en conta a erosión da
credibilidade que sofren os outros poderes, pero as consecuencias que, por
acción ou omisión, se derivan das súas decisións e os reiterados brotes de
connivencia máis ou menos explícita co Executivo, acabaron minguando tanto a
nosa confianza nel que tememos estar bordeando a inconsistencia e a
inseguridade xurídica, impropias dun estado democrático.
Rights
International Spain, Greco (Grupo de Estados contra a corrupción do Consello de
Europa), mesmo Foro Xudicial Independente (non o son todos?) e Xuíces para a
Democracia (hainos contra ela?), veñen denunciando a falta de garantías e as
graves inxerencias do executivo na independencia do poder xudicial, con
especial incidencia no Tribunal Constitucional e no CGPJ. Pero non pretendo
apoiarme neles para avalar a miña reflexión, senón aproximar a ese decisivo
poder, endogámico ás veces e case sempre obstinado en manter formas, actitudes
e criterios decimonónicos, á visión, errada ou non, que temos del os aspirantes
á cidadanía.
Non é
doado comprender que se condene a varios anos de cárcere os que esixen o
dereito constitucional ao traballo que garanta a nosa dignidade, mentres os que
atentan contra ela se paseen impunes tras saquear o erario público, basicamente
alimentado polas rendas do traballo xeradas precisamente polos condenados.
Tampouco
resulta asumible a redución á mínima expresión polo Executivo, por intereses
puramente económicos, da xustiza universal, co silencio cómplice dos que debían
denuncialo por tratarse dun atentado á universalidade dos dereitos humanos.
Máis
enviciado, se cabe, resulta que moitos dos que ampararon a corrupción, por
beneficio directo ou omisión consciente, ocupen cargos da máxima
responsabilidade nos distintos gobernos do estado sen que a fiscalía, que
pretensiosamente se denomina anticorrupción, adopte medida algunha, ou que esa
mesma fiscalía pareza exercer de fiscal ou defensor en función da relevancia
económica, social ou política do presunto/a corrupto/a.
Non
resulta aberrante que a Reforma da lei reguladora do CJPJ se oriente a
restarlle democracia interna e independencia co silencio cómplice deste poder?
Non dá a impresión de que o fiscal xeral do Estado confunde estado e goberno? E
a LOP, non restrinxe gravemente a intervención democrática da sociedade civil?
Algúns
prebostes da Administración de Xustiza aducen ignorancia da «técnica xurídica»
para explicar a indignación dos demandantes de cidadanía. Pero se a razón das
dispares actitudes na persecución dos delitos ou na imposición de penas fose a
aplicación desa «técnica», parece obvio que a lexislación na que se basean
mutilaría a vía da equidade, pero facilitaría algún perverso subterfuxio que
permite simultaneamente salvagardar os intereses dos poderosos e asañarse cos
máis débiles.
Aínda
concedéndolles aos lexisladores e aos xuíces o beneficio da dúbida sobre avesas
intencións, a realidade é que non hai ningún responsable, xudicial ou político,
que intente restaurar a nosa confianza e, o que é peor, o distanciamento da
sociedade, que parece intrínseco ao exercicio destes poderes, provoca un medo,
alimentado pola suposta arbitrariedade, que inmobiliza o aspirante a cidadán e
blinda aqueles fronte a calquera intento de crítica, elevando a lei á categoría
de verdade absoluta, confundindo legalidade e moralidade e afastando o dereito
do ideal moral de xustiza.
Se os
poderes aludidos emanan do pobo, como non vai ter dereito o pobo a esixir
xustificación do uso que aqueles fixeron do poder que delegou neles? Non é unha
concesión, é unha obriga dos poderes do Estado dar unha resposta racionalmente
argumentada cun nivel máximo de intelixibilidade que despexe as dúbidas que nos
atenazan e nos permita retomar o camiño cara á conquista da sempre postergada
cidadanía plena e universal.
Publicado no Progreso o 7-11-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario