Elías Pérez Sánchez
Nalgunhas cidades e pobos perviven costumes e tradicións nas que o elemento
central de diversión consiste no maltrato de animais de todo tipo como touros,
cabalos, bois, cans ou galos. Son rituais sanguentos xa institucionalizados e
caracterizados por unha crueldade absolutamente gratuíta que resultan
moralmente vergoñentos.
Ás veces semella que seguimos anclados na Idade Media, cando a barbarie
ante o xénero humano e o mundo animal formaba parte dunha moral que non
resistiría unha análise moi severa. Porén, dende aquela, moito se avanzou no
ámbito da fundamentación teórica dos dereitos dos animais aínda que non tanto
na súa aplicación práctica. Nos últimos anos, Peter Singer e Tom Regan
ofreceron perspectivas teóricas sobre dito asunto. O primeiro fundamentando os
dereitos do animal no utilitarismo e a defensa dos seus intereses; Tom Regan, e
dende unha perspectiva deontolóxica, suxerindo dez razóns para preservar os
dereitos dos animais tales como a non discriminación arbitraria, os principios
de imparcialidade e de xustiza, os sentimentos de compaixón, xenerosidade e
paz, a procura da autorrealización persoal e o sentido dun ecoloxismo prudente.
Estes son dous exemplos de fundamentación dos dereitos dos animais. Porén,
non debemos esquencer os deberes que o xénero humano ten para cos animais. E
sobre iso cavilou Kant nas súas Leccións
de ética ao dicir que a través deles promovemos indirectamente os deberes
para coa humanidade. Kant aconsellaba exercitar a compaixón cos animais, pois
«quen é cruel con eles posúe un corazón endurecido para cos seus conxéneres». A
partir duns gravados de William Hogarth, este autor viña dicir que quen
maltrata a un can suxeitando o seu rabo desenvolverá a súa crueldade
atropelando a un neno e culminaraa cun asasinato, sendo este o horrendo tributo
que acaba por cobrarse a crueldade. Podemos pois, de acordo con Kant, coñecer o
corazón humano a partir da súa relación cos animais e plantexar a tese de que a
barbarie humana aumenta exponencialmente segundo sexa a nosa actitude cos
animais.
Non encontro argumentos moralmente razoables que xustifiquen o dano ou
tortura innecesariamente infrinxidos aos animais en nome da cultura ou a
tradición. Tampouco se atopan razóns para que este tipo de espectáculos
violentos de tortura e morte gocen de subvencións públicas e apoios
gobernamentais, nin dende unha perspectiva democrática nin, tampouco, dende
unha perspectiva moral-racional. Por todo o anterior se advirte a urxente
necesidade de que a nosa sociedade adopte unha ética máis xenerosa, válida máis
alá do ámbito meramente humano, poñendo en vigor leis máis explícitas que as
actuais e que protexan os animais sancionando severamente as condutas que
atenten gratuíta e irresponsablemente contra as súas vidas e o seu benestar.
Tamén urxe unha profunda renovación pedagóxica no sistema de ensino co fin de
desenvolver unha educación ambiental en favor dun compromiso maior co resto dos
seres vivos non humanos e que incluían novas formas de relación e convivencia
que non comporten un sufrimento innecesario aos animais. Sobre este último
aspecto témome que o novo sistema educativo non servirá de grande axuda.
Publicado no Progreso o 5-9-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario