María Isabel Sánchez Corral
Hai certos datos de interés que nos poden axudar a entender: O 90% das
persoas que exercen a prostitución son mulleres, o 3% homes e o 7% transexuais;
o 87% son mulleres migrantes procedentes de América Latina, África Subsahariana
e nos últimos anos de Europa do Leste -aínda que coa crise as mulleres
españolas vense forzadas a voltar a esta situación-; catro millóns de mulleres
e nenos en todo o mundo están sendo víctimas da trata e o tráfico con fines de
explotación sexual (Informe Poboación de Nacións Unidas); un 70% de homes
declaran demandar nalgún momento da súa vida a prostitución doutra persoa, e
12.000.000 millóns de dólares move a industria do sexo anualmente no mundo.
Segundo negocio máis importante, superando ao tráfico de drogas e de armas.
A prostitución segue sendo un tema controvertido, con moitos intereses, con
distintos posicionamentos, pero cunhas vítimas claras que sofren as
consecuencias nun mundo cunha tendencia a relativizalo todo e a socializar a
súa normalización.
É a prostitución un traballo ou unha forma de subordinación específica das
mulleres? Cal é a situación das prostituídas? As respostas a estas cuestións,
tanto a nivel teórico como práctico, son as que nos dan unha visión clara sobre
este tema.
No século XVIII conceptualízase a creación das sociedades a partir dun
contrato. Hai unha serie de dereitos naturais: liberdade, igualdade,etc. tanto
a nivel político como social pero non para as mulleres. Pregúntanse neste
momento os pensadores se poden construír unha sociedade libre e igualitaria. A
resposta no imaxinario político é afirmativa, nacendo así as democracias
formais onde non se dá a igualdade e menos para as mulleres. Locke establece o
contrato liberal: dáse un pacto de asociación pero exponse un posible caos e
realízase un pacto de suxeición: eliximos un xefe e sometémonos a el. En cambio
para Rousseau un home non pode decretar a súa escravitude. Para o ilustrado
francés o contrato non pode ser lexítimo se unha das partes ten dereitos
formais sen contidos.
Xa no século XIX Marx seguindo a Rousseau non sen certa sospeita, dinos que
ante unha situación de extrema necesidade non se é libre para contratar.
A pregunta que xorde é por que un contrato que nos parece ilexítimo cando
nos referimos aos traballadores, non nolo parece tanto no caso das mulleres
prostituídas, tomando así unha posición liberal.
Carole Pateman no seu libro O contrato sexual dános a clave ao explicarnos
que o contrato social esta precedido dun sexual. As mulleres foron apartadas
fraternalmente, sendo confinadas ao ámbito doméstico, sen dereitos. No dereito
patriarcal, o contrato sexual fundaméntase no dereito de acceso ao corpo das
mulleres, a través da regulación dun contrato matrimonial ou da prostitución.
Un contrato dunha prostituta e un prostituidor podería ser legal pero non
lexítimo, a situación de subordinación e desigualdade é clara. No traballo
retribuido o que se vende é unha actividade, sexa produtiva de obxectos
(actividade artesanal ou industrial), sexa prestadora de servizos (domésticos,
educativos, médicos,etc.). Non se vende nin aluga o corpo, nin a intimidade.
Todo ser prosituído se deshumaniza, o escravo perde a súa condición de persoa.
A prostitución é a utilización dun corpo por un usuario para a súa
satisfacción. Cómprase o acto sexual, libres para comprar e libres para vender.
Nesa lóxica discursiva a seguinte liña é que o que paga manda.
Neste suposto mercado só un 5% da prostitución exércese libremente. A
pregunta que nos facemos é que métodos utilizaron para as 95% restantes: malos
tratos (50%), abuso sexual (53%), reclamo ficticio de traballo, peche, ameazas
con violencia, alcohol, drogas, secuestros, explotación infantil...
A prostitución é un produto do sistema patriarcal onde se subordina ás
mulleres. Dentro do sistema capitalista, como diría Carlos Paris coa súa
acepción do panmercantilismo todo se volve mercadoría. Aséntanse así os eixos
dun sistema en crise. Prostitución, armas, drogas e construción. As mafias
souberon levar o ideal capitalista de «máximo beneficio a menor custo» á súa
máxima expresión a través da prostitución. As drogas ou as armas necesitan
investimento, as mulleres supoñen un custo cero (na maioría dos casos pagan na
procura dunha vida mellor).
A prostitución xerou distintos posicionamentos. Os que se fundamentan en
que é inevitable e que debe haber mulleres dispoñibles para satisfacer as
necesidades dos homes. Dentro destes, por unha banda o prohibicionismo, que
carga sobre as mulleres, castigándoas, baseado nunha actitude conservadora
ligada a unha moral catolicista, dobre moral que consente mentres non sexa
visible e evidente. E o reglamentarismo ou regulacionismo.
Este último parte desa inevitabilidade, da súa existencia ao longo do
tempo, sen cuestionarse o feito mesmo, invocando un discurso naturalista.
Regularízase para que as prostitutas teñan mellores condicións, para acabar coa
trata. Porque é unha cuestión de mercado, hai oferta e demanda, polo tanto hai
que regular. Eses son algúns dos argumentos dos que defenden a regularización.
Pero o que nos atopamos é que a regularización só significa a liberdade do
cliente, nunca da prostituta e a institucionalización do proxeneta. Leva á
identificación permanente das persoas prostituídas (tarxeta sanitaria) e o
acotamento dos espazos (macroburdeles), vertebrando así dous eixos: O mal
social e a saúde -acta para o consumo? Identificación de proxenetas organizados
baixo o nome de Anela-. O que se regulariza é o proxeneta que poderá cotizar en
bolsa, como en Australia, e o branqueo de diñeiro.
Pero tamén haberá que asumir as consecuencias. Se o corpo é un obxecto
entón pode mercantilizarse establecendo a asimetría nas relacións, non somos
iguais, polo tanto: as mulleres somos obxectos, pódesenos comprar, servimos
para a satisfacción dos homes. Estariamos regulando a submisión e neste
contexto non poderiamos educar na igualdade. O único que se faría lexitimando a
prostitución sería convertela nun instrumento de control patriarcal e de
suxección sexual das mulleres, cun efecto negativo non só sobre as mulleres e
as nenas que están na prostitución senón sobre elas como grupo. A función sería
estar ao servizo sexual dos homes. Podemos educar na igualdade con mulleres
detrás de escaparates como mercadorías, ou haberá futuro laboral para as nosas
fillas?
Por último, o abolicionismo define a prostitución como unha forma de
violencia de xénero, cuestionan as leis reglamentaristas, non separan tráfico
de prostitución xa que o tráfico abastece os prostíbulos. Avogan para que o
poder público interveña contra os que organizan, promoven e inducen á
prostitución. Crear unha rede de protección sobre e para as mulleres
prostituídas dándolles os seus dereitos a través de políticas públicas.
Visualizar o prostituidor xa que non se pode considerar unha forma de lecer
senón de explotación e excravitude. A prostitución é froito do patriarcado e
hai que combatela, pero iso significa dotar de dereitos económicos, políticos e
sociais ás mulleres prostituídas.
Publicado no Progreso o 19-9-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario