martes, 22 de mayo de 2018

Fascismo hoxe: Entre latente e patente


Gonzalo Pérez López


Observo con inquietude crecente o incremento de tendencias autoritarias, apenas cuestionadas pola cidadanía, a costa de enfraquecer o sistema democrático. Tras un verniz de formalidade democrática agóchase a reactivación dun fascismo  non necesariamente mimético co movemento e a estrutura política que se concretou nun país e nun goberno na primeira metade do século XX. Liberado da parafernalia deste, o que pulula libremente na nosa democracia e noutras das consideradas como consolidadas trátase dun fascismo antropolóxico e social, estruturado a base de múltiples microfascismos inseridos na vida cotiá e, polo tanto, difíciles de detectar e de asociar ó posible resultado final ó que poden conducir, ó fascismo sen máis.
Tomo  prestado o termo de Deleuze, pero sen o seu nesgo psicoanalítico, xa que só pretendo que me facilite unha aproximación ó que significan social e politicamente determinadas actitudes moi asentadas actualmente.
Trataríase de esbozar as características deses microfascismos que se manifestan no día a día en todos os ámbitos e que concordan co poder establecido na casa, na educación, no traballo, nas relacións interpersoais, no estado, etc. Non son casuais, nin necesitan dun estado totalitario para poñelos en marcha, senón que responden a unha estratexia promovida polo capitalismo actual para reforzarse como tal. Hai quen defende que non os necesita ó non existir ningún contrapoder capaz de frealo, pero o certo é que a potenciación dos microfascismos na vida cotiá coadxuva ó sometemento pleno que, doutro xeito, podería provocar resistencias gravosas para os seus intereses.
Unha coidadosa secuencia trazada polo poder establecido activa eses microfascismos que aniñan no suxeito sen decatarse que o son. Inoculan elevadas doses de individualismo, co seu corolario de competitividade, necesidade de triunfar e de ser único, renuncia ó comunitario, sobrevaloración do privado fronte o público, xenofobia e sociofobia, todo orientado a evitar o afianzamento das relacións solidarias. O fracaso obxectivo (paro, precariedade laboral, provisionalidade, diminución do benestar etc.) ou a percepción como fracaso pola distancia das expectativas creadas, provocan ansiedade, frustración, inseguridade e medos, caldo de cultivo idóneo para propiciar posicións dogmáticas de diversa índole, desarraigamentos varios,  identificación co poder e culto ó autoritarismo, conformismo e aceptación acrítica da desigualdade (entre fortes e débiles, homes e mulleres, países, culturas, …) como  algo natural.
Por fin, para sobrevivir á derrota, fannos  ceibar a nosa parte escura, renunciando aos valores morais, elevando a nosa autoestima a base de recorrer á dureza, ocultando a nosa vulnerabilidade, abandonando a empatía, anulando a discrepancia, abrazando prexuízos, deshumanizándonos e canalizando impotencias e frustracións a través da violencia, física ou psicolóxica, exercida sobre alguén máis débil.
Permanentemente sometidos a este modelo secuencial que destrúe a subxectividade e coarta a autonomía de pensamento, os microfascismos fan metástase por un tecido social sen defensas. 
Microfascismos e fascismo sen prefixo retroalimentanse. Exemplifiquemos. Colocar concertinas no norte de África ou disparar contra  inmigrantes indefensos para impedir que accedan a Europa sería fascismo; non reaccionar a isto ou mostrar aquiescencia sería un microfascismo. Poñer en dúbida que unha relación non consentida é unha violación porque a vítima  andaba a horas impropias  para unha muller ou por non opoñer suficiente resistencia sería un microfascismo; que un xuíz ditara sentencia absolutoria do violador baseándose nos motivos anteriores sería fascismo.
Polo tanto, os límites entre ambos son difíciles de trazar. Así, facerse eco e difundir chistes, chanzas, rumores e falacias que alimentan actitudes represivas, xenófobas, racistas, sexistas e machistas son microfascismos. Tamén o son as actitudes excluíntes, deshumanizadas, humillantes e as micro agresións físicas ou verbais. Pero poderían ser fascismo,  dada a súa potencialidade para dar ese salto cualitativo, dependendo tanto da súa acumulación nun protagonista como do nivel de consciencia e responsabilidade deste.
Ante a denuncia da perigosa situación que se está xestando, os gurús do rabaño, encargados de xestionar os desencantos, arremeten contra os denunciantes sen rebater os seus argumentos, confirmando así a quebradiza saúde da nosa sociedade.

Publicado no Progreso o 19-5-2018

domingo, 6 de mayo de 2018

Crueldade humana


Elías Pérez Sánchez  

Case corenta conflitos bélicos e innumerables zonas quentes atopamos no mapamundi en pleno século XXI. O mundo segue en guerra e os resultados do Índice de Paz Global 2010 mostraban xa que a paz segue sendo un horizonte bastante afastado para o xénero humano. No seu momento, no Foro Compostela 2010, xa se analizou con certa profundidade o candente panorama internacional e o feito máis que evidente de que no canto de avanzar cara a cotas máis elevadas de concordia entre os estados, o planeta, aos poucos, estase volvendo cada vez máis inhóspito e menos pacífico. E por riba, no Foro Mundial de Educación para a Paz celebrado en Madrid o ano pasado, expertos procedentes de máis de 70 países abordaron a triste realidade das distintas formas de violencia interpersoal, que xerou entre 2000 e 2014 a morte de seis millóns de persoas, máis incluso que as falecidas nos conflitos bélicos.
Sempre existiu a crenza no progreso moral do ser humano e na mellora, a través da educación e a ética, do seu comportamento social. Platón, Aristóteles, Kant, Hobbes, Rousseau, Mill, entre outros, discutiron ao redor da natureza humana, dos factores que fan que o home sexa desapiadado cos demais e as razóns e recursos que habería que aplicar para restrinxir ao máximo as condutas antisociais. E sobre todo aquelas que implican un plus elevado de crueldade e barbarie. Dende a etoloxía, tanto Konrad Lorenz como Ashley Montagu ou Robert Ardrey adicaron boa parte dos seus estudos e investigacións en clarificar a bondade ou maldade natural do ser humano. Porén, paralelamente a tales reflexións e a medida que o home era capaz de dominar con máis recursos a natureza (tamén a humana), a historia móstranos que os horrores, a crueldade e a barbarie humana non só aumentaron exponencialmente senón que manifestáronse con maior habilidade, pericia e sofisticación. Aí temos a historia do século XX e os horrores e atrocidades de factura humana tan familiares: as dúas guerras mundiais, Ruanda, Vietnam, Iugoslavia, ou Camboia.
O século XXI preséntasenos, como sinalei ao principio, dun xeito no que a crenza no progreso moral do home está sendo tamén socavada. As atrocidades e perversións (Iraq, Afganistán, agora Libia e Siria,) persisten. Pensar a distancia e dun xeito pasivo e inhibido en tales episodios non basta. Porque, aínda que custe esforzo retomar o optimismo antropolóxico, fillo da Ilustración, máis sombrías resultan as consecuencias que conleva o pesimismo antropolóxico: aceptar sen esperanza que non hai unha diagnose sólida da natureza humana e que a cámara dos horrores do noso pasado primitivo forma parte inexorable das nosas vidas.

Publicado no Progreso o 5-5-2018

miércoles, 2 de mayo de 2018

Masculinidade e poder


Mar Carballo Cela

Na nosa tradición cultural, xa desde Grecia, a cidadanía foi sempre masculina, unha cidadanía caracterizada polos valores que o patriarcado lles asigna ós homes, marcando unha importante diferenza cos valores femininos. Eles, representantes da racionalidade, apropiáronse do público; e elas, puramente emocionais, quedaron relegadas ó ámbito privado, habitando estes espazos con maneiras de ser ben diferenciadas: as mulleres como coidadoras, submisas, doces, pacientes e comprensivas, tal e como corresponde a un reconfortante contorno familiar; os homes, valentes, dominantes, competitivos, arriscados e, a miúdo, solucionando violentamente os conflitos, tanto sociais como persoais. Estes últimos serán, polo tanto, os valores hexemónicos no espazo político, un espazo no que non teñen cabida as emocións -síntoma de debilidade-, coa triste consecuencia de que aínda hoxe nos pareza normal a guerra ou as atrocidades que seguen acontecendo, xustificadas pola necesidade dunha autoridade puramente racional, fría, e sen concesións, como é de esperar dun home. É o resultado  de continuar educando nun tipo de masculinidade afastada da sensibilidade, e que seguimos admitindo como natural. E se as mulleres se achegan ó espazo público, normalmente asumen este patrón de comportamento, confundindo a igualdade coa asimilación ó modelo dominante.
Cando se fala de xénero adóitase pensar nas mulleres, e poucas veces se centra o debate na maneira tradicional de ser home e na súa negativa influencia, tanto no eido persoal como no social e político. A necesidade de socializar en novas masculinidades é unha urxencia á que se lle presta pouca atención. A boa nova é que cada vez hai máis homes preocupados por este tema, que tomaron conciencia e queren poder ser homes sen a camisa de aceiro que os mantén atrapados impedíndolles ser eles mesmos, esa “mística da masculinidade”, como di Octavio Salazar, que os fixo escravos (“Maculinidades y ciudadanía” , Dykinson, Madrid, 2013); porque o rol masculino hexemónico ten aspectos prexudiciais non só para as mulleres, senón tamén para os propios homes e a sociedade no seu conxunto.
É necesario promover mediante a educación virtudes cívicas liberadas dos estereotipos patriarcais asignados ós varóns para exercer a actividade pública. Hai que desmontar a masculinidade dominante que impregna o poder e educar ós homes na cultura da sensibilidade, dos coidados, da paz; inculcarlles que se pode ser home sen ter que demostrar temeridade, agresividade ou competitividade. Hai que educar por igual a homes e mulleres en novas identidades que potencien o mellor da nosa humanidade, para convivir no público e no privado. Novos modelos, cos que poder identificarnos, para unha nova época.
Isto é o que propón o feminismo. O feminismo non é un asunto de mulleres, é a teoría explicativa dun sistema social que dominou a historia humana, e que nos axuda a comprender o que hoxe somos como individuos e como sociedade: o patriarcado. Un sistema incapaz de prescindir da violencia como instrumento inherente ó poder, e que continúa socializando ós nenos en xogos para competir, pelexar e destruír dun xeito tan natural, como se iso fose a esencia propiamente masculina: o que chaman virilidade. Non hai máis que botar unha ollada ó cine, ós videoxogos ou a moitos programas televisivos para decatarse de que os modelos patriarcais seguen de plena actualidade. E non esquezamos que o que se interioriza na infancia e na adolescencia marcará o futuro da nosa sociedade.
A democracia esixe inculcar valores que nos axuden a tomar decisións xustas, sensibles ante situacións precarias e discriminatorias de todo tipo. Sen cidadáns virtuosos a liberdade perde o seu sentido de ser. Debemos entender a liberdade que nos ofrece a democracia, como dicía Camus, como unha oportunidade para ser mellores. Non podemos avanzar cara a paz e a xustiza social co lastre de anacrónicos modelos de masculinidade asociados ó poder.

Publicado no Progreso o 28-4-2018