M. A. Martínez
Como calquera outra
sociedade, as sociedades posmodernas teñen os seus ritos, cerimonias e
costumes, que se apoian en autorizacións e prohibicións colectivas. Formas de
acción cuxos marcos son consentimentos tácitos e asentimentos explícitos. Entre
estas prohibicións hai tres: prohibido envellecer, prohibido morrer, prohibido
sufrir. Que fai que as sociedades avanzadas obturen a visión razoable, vivencia
saudable e expresión normalizada da vellez, morte e sufrimento? Por que estas
tres experiencias permanecen innomeables, ausentes da axenda política e do
quefacer diario das institucións (sociais, políticas, administrativas)?
Algunhas prohibicións son
síntomas que exhiben e disimulan unha realidade que resulta incomprensible,
insoportable e intraducible, para as persoas. Un tipo de realidade que o
individuo posmoderno, expropiado de calquera madurez moral, competencia práctica
e formación ética, só é capaz de abordar baixo o modo do espectáculo, do
simulacro, dunha aparencia adornada. Isto é, como mentira. Por un lado, é
exhibición dunha imaxe (televisiva, propagandística, dixital) que ensina a
converter o mal en algo banal, alleo, sen substancia. A imaxe é unha icona que
baleira o seu referente (de sentido), e o converte nun signo que circula
(mercadoría). Por outro lado, é ocultación (mercé aos psicofármacos) do dano
real que padecen as persoas. Afastamento (ao íntimo) e recondución (clínica) de
calquera asomo de incomodidade, inadaptación, pena. A ocultación marca o limiar
daquilo do que non se fala, ou se fala de máis, ou non se chega a entender, ou
se entende dun modo limitado, recuberto con todo tipo de eufemismos e frases
feitas.
A prohibición de envellecer, morrer e sufrir, é unha tripla negación, non
unha simple represión. Está investida cos prestixios da tecnociencia e a
biotecnoloxía, suplida co narcótico do perfeccionamento histérico do corpo,
exaltada coa propaganda do poshumanismo, velada mercé ao seu recollemento en
espazos pechados (institucionais, domésticos), espectacularizada en circuítos
abertos (dixitais, televisivos), substituída co imaxinario da omnipotencia
individual e a metafísica da xuventude. Esta tripla negación é a plataforma
sobre a cal se constrúen vínculos sociais deshumanizados, intolerables a
calquera miseria, dor, dependencia. O soño do individuo posmoderno
autosuficiente, isto é, infantil.
A resposta social e individual ao triplo feito de envellecer, morrer,
sufrir, baséase no desexo imaxinario de invulnerabilidade (como aspecto
fundamental do éxito na vida adulta). Tamén no gozo simbólico da dominación
ilimitada (sobre un mesmo, os demais, a natureza), como segundo trazo do
triunfo persoal. É unha ficción cuxa función é impedir o recoñecemento de que,
por exemplo, a fame, soidade, fatiga, aflición, ansiedade, malestar físico,
medo, vergonza, doenza, son acontecementos fundamentais da vida cotiá de cada
persoa. Que a debilidade, en todas as súas formas, afecta a todos en calquera
momento e circunstancia. Que a fraqueza caracteriza a nosa constitución
biolóxica, psicolóxica e social. Que a incapacidade de comunicar o íntimo con
plenitude, e a inaptitude para replicar con coherencia, suficiencia e
solvencia, ao desafío do día a día, traza os marcos do pensamento e da acción
individual. Desposuír á sociedade da consideración de que ser humanos é ser
vulnerables, necesitados de coidado, amparo, atencións, produce alienación,
impotencia e frustración. Furtar ás persoas o recoñecemento social e
institucional da face doente da realidade humana, é abandonalas no terreo dos
voceiros do odio, rancor e resentimento.
Prohibir (censurar) ou desviar (manipular) a representación (abordaxe
aberta e saudable) das experiencias dolorosas, converte as persoas en
irresponsables dos seus actos. Impedir que poñan o nome certo ao seu desexo
máis íntimo, invitalas a reconducilo a percepcións sociais e políticas
enganosas, supón entregalas a unha dupla manipulación. A primeira consagra as
persoas á exaltación nihilista do tráxico e da dominación (dicindo que é
inevitable). A segunda proxéctaas na vertixe dunha acción transformadora
delirante, imposible de atender, sen fin nin final emancipador, sen gozo
(afirmando que é a máis directa). Dupla manipulación que orienta o desexo, de
novo, ao infantilismo.
Un estado (social e de dereito) que exclúe, tapa, afasta, as experiencias
da vellez, morte e sufrimento, retorce e rabena o sentido da vida real dos
individuos. Un estado (social e de dereito) que non dá cumprida atención
institucional a estas experiencias, non financia estruturas e redes públicas de
coidado, arroxa aos seus cidadáns a repetir, no plano indicible do síntoma,
unha dor suplementaria. Un estado (social e de dereito) que non promociona unha
ética cívica do coidado, e se empeña en mirar para outro lado, é un estado
digno de ser repensado no que atinxe a unha das súas finalidades: a redución do
sufrimento dos seus cidadáns.
Publicado no Progreso o 18-8-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario