José Domingo de Prada
É coñecido de todos o apotegma de Clausewitz “a guerra é a continuación da
política por outros medios”. Se se dá certa credibilidade ao militar e
historiador prusiano descóbrese que esa continuidade ten como nexo común a
violencia. É esta última quen sustenta os dous tipos de accións, manifestándose
de forma dispar segundo se trate dun caso ou doutro, pero efectivamente
atopándose na base de ámbalas dúas.
Na guerra a violencia é explícita, explosiva, fere fisicamente, provoca
náuseas, ensucia. Na política, en cambio, é implícita, agochada baixo formas
corteses; procúrase acuosa (esvaradía, inodora e ata insípida) e, sobre todo,
allea.
Nas nosas sociedades actuais non entendemos a guerra, porén, desprezamos a
violencia física, pero non por iso nos opoñemos ao dano e ao dolor fáctico do
outro, pois disimulamos ou directamente admitimos a violencia política. Aínda
máis, como advirte o filósofo Slavoj Zizec estamos rodeados dun tipo de
violencia que non vemos porque se dá como violencia sistémica, é dicir, como
violencia inevitable para o funcionamento das sociedades e das institucións.
Así, esta violencia sistémica é asumida polos suxeitos e pasa a ser natural e
invisible; como tal, desde ese mesmo instante, ninguén se enfrontará a ela e
pasará a constituír o noso marco de referencia, pois está tan integrada na
paisaxe da nosa vida que a súa detección fica unha tarefa de heroes.
Vivimos nunha distopía de estilo orwelliano, na que se expresan violencias
extremas que non necesitan torturas nin guerras, senón que se manteñen e
propagan a través da violencia do desexo, da linguaxe ou do esquecemento. Estas
formas de violencia son as máis difíciles de recoñecer e, polo mesmo, aquelas
ante as que quedamos indefensos e inermes con máis facilidade. Hai máis de
medio século Theodor Adorno reflexionaba sobre como a aparencia de
racionalidade das sociedades burguesas se fundamenta na “incesante inxustiza
mediante o dereito” e igualmente advertía sobre a amnesia histórica ou a
degradación da linguaxe en xerga. Todos estes elementos violentan as sociedades
de forma paulatina e atrofian a reacción, xa que nos acomodamos a esta
violencia que se va instalando a través da ideoloxía ata facerse sistémica.
O despotismo actual actúa sobre nós, cidadáns das democracias occidentais,
violentando a nosa percepción da realidade a través de prexuízos, normalidades
impostas, conformismos, desexos e sobre todo, intereses. Esta é a violencia coa
que convivimos, a que caracteriza este comezo do século XXI, a da imposición de
intereses. Cada quen loita, (vale dicir nunha guerra sen cuartel) para impoñer
o seu interese específico, o do seu grupo e á vez derrubar o dos outros. É
paradigmático neste senso, a loita por impoñer o desexo particular como
interese xeral e así presentalo como lexítimo.
É tal a invasión de intereses nas nosas sociedades que poderíamos remedar a
Clausewitz e dicir que hoxe “a economía é a continuación da guerra por outros
medios”. Queda así a política nun terceiro plano, e en posición subordinada
respecto da guerra e da economía. Ao mesmo tempo esta última pasa a ser unha
mera contraposición de intereses.
Que lonxe aquel “oikos” que vixiaba a boa administración do fogar! E, que
perdidos na violenta guerra crematística dos intereses de todo tipo e de todos
contra todos!
Publicado no Progreso o 9-6-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario