Elías Pérez Sánchez
Durante a II guerra mundial e baixo o mandato de Roosevelt, o
vicepresidente de EEUU Henry Wallace converteuse nunha auténtica revelación
dentro de Partido Demócrata polo seu talante progresista. Un dos seus discursos
pronunciado en 1942 provocou un gran balbordo. Coñéceselle como o discurso do
home común porque nunha pasaxe central, Wallace sinalou que o século que se
iniciaría ao finalizar a guerra non sería coñecido como o “século americano”
(slogan lanzado polo magnate Henry Loce, quen vía na guerra mundial unha
oportunidade para impoñer un novo sistema mundial baseado no liderado
internacional americano) senón como “o século do home común” e corrente,
expresión na que subxacía unha visión cívica e republicana en frontal
contraposición aos ideais imperialistas americanos. A alocución tivo gran
impacto na opinión popular e gañoulle toda a inimizade dos xefes do Partido
Demócrata. O progresismo de Wallace e a súa popularidade convertéronse nunha
ameaza para o establishment do partido polo que comezaron a realizarse
movementos dentro do seu sector máis conservador co fin de neutralizar as súas
posibilidades de acceso como nomeado ás primarias presidenciais, obxectivo que
conseguiron apoiando a un senador escuro e dócil (Harry Truman) quen si
alcanzou a presidencia e levou a cabo, sen ningunha dúbida, o desexo do “século
americano”. O resto da historia xa a coñecemos.
Algo similar ocorreu, tamén no Partido Demócrata, nas últimas primarias
americanas nas que competiron H. Clinton e B. Sanders. A comunicación entre o
equipo de campaña de Hillary e o Comité Nacional do Partido (o DNC) era
constante. Tanto a presidenta do Comité, D. W. Schultz, e o xefe da campaña de
Clinton, J. Podesta, xunto con sectores do partido tentaron por todos os medios
bloquear a alternativa Sanders (un “rara avis” da actividade política e un
senador cunha traxectoria coherente e independente). O rumbo anti-Sanders ía en
aumento a medida que medraba a súa popularidade. E mentres as sondaxes
mostraban que Sanders tiña maiores probabilidades de derrotar a Trump que a
señora Clinton, a intranquilidade na xerarquía demócrata aumentaba. O que
estaba en xogo, en realidade, non era a elección presidencial, senón o control
do partido.
É claro que os xefes do DNC traizoaron o seu mandato de neutralidade e
inclinaron a balanza en favor de Clinton. A súa maquinaria manifestou,
novamente, unha tendencia clara a preferir os intereses dos poderes
establecidos cando sospeita que os seus candidatos móvense demasiado á
esquerda.
Estes son dous exemplos, nada illados, nos que por intereses espurios o
progresismo foi quen de priorizar o poder interno do partido e renunciar ao
poder político en detrimento dos intereses comúns. E esa práctica segue sendo
habitual en tanto que os partidos políticos
transcenderon á súa idea primixenia e esencial na democracia: servir de
instrumento para a defensa das necesidades da cidadanía. O desexo de control
interno das organizacións políticas (inclúo o asamblearismo ficticio, tamén), o
ego imperante nos círculos de poder, o sectarismo, a obediencia cega e
disciplinada por riba da capacidade e o mérito e o rexeitamento do debate
político interno, son síntomas evidentes de que as organizacións políticas de
corte progresista están a deixar de ser un instrumento esencial para a participación
política. E están a abandonar á súa sorte, dun xeito groseiro, a todos aqueles
cidadáns que sofren as consecuencias dunha crise desigual. Alguén chamou a esta
situación “unha democracia sen demócratas”.
Publicado no Progreso o 28-10-2017