sábado, 30 de enero de 2016

Ilusión de cambiar (Reflexións post-electorais)



Juan Carlos Fernández Naveiro


Os resultados das últimas eleccións xerais traen ilusión de cambio, pero hai que precaverse; ademáis dunha esperanza a ilusión tamén é feitizo, tomar por real unha cousa inexistente. O novo enseguida deixa de selo, a volatilidade da situación obriga a todos os actores a redefinirse, todo é posible. Tamén é fácil que un maior pluralismo derive en parálise institucional. Cadaquén adornará a historia ao seu gusto, o camiño é longo e o home un ser sometido ás feridas do tempo.
No taboleiro está en xogo a renovación dun modelo que encarna a constitución de 1978, un cambio drástico de ciclo político. Mirando con perspectiva ten moito sentido que a constitución teña que ser adaptada a unhas circunstancias que hoxe son moi diferentes, despois da globalización, o neoliberalismo e a crise, parece lóxico que os cambios sociais e xeracionais teñan un efecto institucional. Pero un cambio constitucional non é instrumento suficiente para cambiar de política: a cuestión de fondo seguirá a estar nas estratexias económicas, e na vontade (ou non) de combater a deriva oligárquica da democracia.
A loita política mudou de coordeadas; elección tras elección foi agromando unha nova paisaxe, ata chegar por vez primeira en democracia a un Parlamento que non se pode manexar desde os parámetros da alternancia política PP-PSOE, central no sistema vixente (aínda que aumentan as probabilidades dunha gran coalición).
Hai novidades importantes no novo ciclo político: o bipartidismo se debilita, da mostras de dasacoplarse coa diversidade territorial do Estado. O dominio dos partidos tradicionais  se asenta nas zonas rurais, e se definen diferentes zonas de influencia: PP no centro-norte, PSOE no sur, e as candidaturas unitarias de esquerda e nacionalistas, que se consolidan nas periferias do norte (aí está o procés marcando tendencia, a pesares das súas formas esperpénticas e sen chegar a admitir que nas eleccións plebiscitarias non acadou o 50% dos votos).
Da contestación á crise xurdiu unha dialéctica distinta á oposición esquerda/dereita, que agora opón os de abaixo contra as elites, os cidadáns contra os políticos, o pobo contra o sistema. Esta nova dialéctica garda relación ca fenda xeracional entre os que protagonizaron a transición e os que naceron xa en democracia, os sectores máis castigados cando chegou a crise (recortes, paro xuvenil, emigración). Aí prenderon o 15-M e Podemos.
Tamén incorporamos o mesmo proceso de reconfiguración interna da esquerda periférica europea, na que emerxen movementos que relevan á socialdemocracia, que se debate na incapacidade para xerar respostas á crise fóra do paradigma neoliberal (tamén nos países do norte está a fracasar a socialdemocracia, pero aí a beneficiaria está sendo a extrema dereita).
A este panorama hai que engadir outras liñas de fractura, como  a desigualdade crecente entre clases socio-económicas, os desequilibrios entre a España do norte e a do sur, ou o conflicto xa centenario entre o centro e a periferia (o terreo de xogo dos nacionalismos). Son conflictos que non se solapan e que agochan loitas de poder entre sectores moi diversos.
Pode haber continuismo ou ensaio dunha nova etapa. Aproveitando unha posible relaxación da austeridade podería vir un vento favorable de Europa (esto pode pecar de optimismo), como mínimo para combater as situacións de emerxencia social e defender as prestacións do sistema. Pero un tempo político realmente novo só se daría se ademáis se procuran cambios nas políticas de axuste neoliberal, se hai un propósito decidido de atallar a corrupción e de defender o común, desde a autoxestión individual e colectiva, e tamén se se acaba por reconfigurar o estado español, incluindo novos repartos de soberanía. Nada é inmutable, non debería haber medo ao futuro.

Publicado no Progreso o 16-1-2016

Poder e medo inducido



Gonzalo Pérez López


O medo como emoción primaria ou reacción instintiva ante  perigos  ou  situacións de risco pode considerarse como un mecanismo beneficioso para a supervivencia da especie humana. Pero sobrevivir é cualitativamente moi diferente de vivir, polo que a miña reflexión non se ocupará desa manifestación natural senón do medo socialmente patolóxico instrumentalizado polo poder para perpetuarse, provocándonos restrición das liberdades, inhibición comportamental ou  accións de rebote expresadas nunha fuxida irracional cara adiante, segundo os intereses circunstanciais de aquel.
Desde moi variados enfoques, antropólogos e psicólogos analizaron o medo co fin de caracterizalo, explicalo, estudar a resposta que provoca e, se é o caso, enfrontalo. Para os condutistas o medo sempre é aprendido e tende a xeneralizarse. Freud distinguía  o real (proporcional ó perigo)  do neurótico (cando a intensidade non garda relación coa ameaza), é dicir, o racional do irracional. Desde unha perspectiva histórica e cultural, Burke conclúe que, de todas as emocións, a máis fácil de estimular é o medo, do que distingue dúas formas básicas de amosarse, a externa a un, que se pode identificar, combater ó que o provoca ou fuxir, e o interno, no que o suxeito non pode identificar a súa orixe.
A pesar da dispar orientación destas  interpretacións, lonxe  de resultar incompatibles, cabe consideralas, en boa medida, complementarias. Así, no proceso de socialización, ademais de costumes, estilos de vida, códigos e normas derivados da escala de valores socialmente dominante, aprendemos tamén medos irracionais, cuxa procedencia non somos capaces de precisar, pero que condicionan decisivamente a nosa traxectoria vital.
A indución destes medos como coadxuvantes ó control social, ofrecendo á vez diversas vítimas expiatorias por se fose necesario exteriorizalos a súa comenencia, é un obxectivo prioritario das elites  mundialmente reinantes. Estas manexan tanto os medos en si como os tempos dos mesmos.
Ao longo da historia, o recurso por excelencia do poder para a inoculación do medo foi a instrumentalización da relixión. Aínda hoxe ese uso revirado das relixións goza de considerable predicamento entre os estrategos  da domesticación masiva en boa parte do mundo, pero o progresivo proceso de secularización esixiu das elites a substitución da relixión como xeradora  de medos e a busca de novos canles para  expandilos. Entre estes dispoñen hoxe da fidelidade dos medios de comunicación de masas que, polas súas posibilidades manipuladoras, capacidade difusora e tendencia monopolista, ofrecen unha extraordinaria funcionalidade cara ó obxectivo de amedrentar a unha sociedade tendente á globalización. Así, só necesitan concretar a diversificación de medos a potenciar, asentados todos eles sobre a ignorancia, con independencia da vía pola que se  inxecten.
Nesta mal chamada sociedade da información, eses medios masivos, no canto de satisfacer o dereito á información veraz, o que fan é propiciar unha xeneralización globalizada do medo: ó descoñecido, ó enfado dos mercados, á guerra , ó contaxio  vírico diverso, ó terrorismo, aos ERES, a que nos responsabilicen da crise, ó despido libre, á subida da prima de risco, a ir “aínda peor”, a carecer do suficiente espírito “emprendedor” para contribuír a alixeirar as listas do paro, a non ter experiencia abonda, a cuestionar que “sempre haberá pobres e ricos” sexa un axioma con proxección de futuro, a non ser politicamente correcto, a ser tan “inmaturos” que imaxinemos posible un modelo económico e social distinto do imperante, a esquecer  que os ricos o son por méritos propios, a non resignarnos  a renunciar ó exercicio de dereitos básicos, a que non gobernen os de sempre, a perder o que non temos, a non ser suficientemente conserv adores dos intereses duns poucos asumidos como propios, …
Pero tamén nos insuflan outros medos non menos condicionantes: ó que dirán, a ser un, ó fracaso, a non ser miméticos cos valores impostos, a non ser recoñecidos socialmente, o non estar na crista da onda da moda e do oficialmente moderno, á exclusión, a non poder participar da orxía consumista, a desviarnos das medidas corporais estándar, á sinceridade, ó diferente,  a ir a contrapelo do sentido do rabaño, a ser utópicos, …  a todo canto sexa susceptible de convertelo en medo.
Afecte individual ou colectivamente, sexa real ou imaxinario, ou simplemente o difuso e corrosivo medo ao medo,  aprovéitano para lexitimar recortes de dereitos, prexuízos, exclusións de toda índole e renuncias á liberdade e á autonomía persoal.
O medo só pode vencerse enfrontándonos ó que o provoca, pero o vicioso do círculo que nos atrapa é que, sumidos na ignorancia, o propio medo nos incapacita intelectualmente para comprendelo e poder superalo.
A reflexión filosófica, máis alá do ornato intelectual soportable, pasa por demostrar que se o medo axudou á evolución biolóxica, a (r)evolución social pasa precisamente pola eliminación dos medos premeditadamente inducidos que alimentan e reforzan, transversalmente, as distintas manifestacións da alienación que asolan a sociedade actual, orientando a praxe moral, social e política  á substitución da escala de valores dominante por outra que priorice a nosa realización como persoas.

Publicado no Progreso o 2-1-2016
 

martes, 5 de enero de 2016

Un camiño de catro anos



Elías Pérez Sánchez

           En maio de 2011 a xente do común, descontenta polas consecuencias da crise do 2008, polos recortes sociais, polo descrédito das institucións políticas e públicas, pola corrupción e a insensibilidade dos dirixentes políticos do réxime, uníuse nas rúas reclamando xustiza, dignidade e máis adiante, pan, teito e traballo. A xente do común levou á praxe aquel berro teórico que Stéphane Hessel e José Luis Sampedro plasmaron no libro “¡Indignaos!”: “non vivades na indiferenza e levade adiante a insurrección pacífica”, dicían.
O movemento 15-M reclamaba honestidade política, democracia real e radical, soberanismo cívico, economía do ben común e cooperación política frente a un réxime en estado catatónico convertido nunha mistura de oligarquía e plutocracia. Paradoxalmente, e contradecindo a opinión compartida pola ortodoxia do sistema, o movemento e o seu espíritu cristalizou. Fíxose caso una vez máis (por así dicilo) ao chamamento de Hessel: non chegaba con indignarse; era necesario comprometerse: “buscade instrumentos eficaces de acción política para loitar contra as inxustizas, os abusos de poder dos oligarcas e plutócratas e contra o atropeio dos dereitos humanos. Non vos rindades, sede ambiciosos”.
E naceu Podemos como organización política que remexeu as augas noxentas do lodazal político. E surxiron as Mareas nunha nova primaveira, neste caso, no mes de maio deste ano. Mareas que entenderon a política como praxe política participativa, cooperativa e cidadá. Podemos e a conformación das mareas foron a solidificación dos movementos reivindicativos do 15-M e das Marchas da Dignidade.
Tratábase de levar adiante un proxecto político compartido de autodefensa cidadá ante as agresións dos poderosos. E este proceso de autodefensa segue medrando. O 20-D anuncia un cambio, a reconquista dos dereitos sociais, da soberanía popular, da igualdade e da xustiza social. Todo aquelo que o réxime putrefacto do 78, cuxos restos cadavéricos xa cheiran máis da conta, conseguíu practicamente borrar da historia. O 20-D pode ser o principio dun novo escenario político e social esperanzador que, desde a esixencia ética individual e colectiva e o rexeitamento explícito da violencia (instrumento de moitos cambios políticos e sociais producidos ao longo da historia), acade o que José Luis Sampedro e Stéphane Hessel desexaban: atopar una vacina eficaz contra a tiranía dos mercados e os seus aliados e desembarazarse das oligarquías que nos gobernan reconquistando, definitivamente, unha auténtica democracia. Unha democracia real e non virtual.

Publicado no Progreso o 27-12-2015

Humillación



Mar Carballo Cela

A palabra “humillación” vén do latín “humus” (terra), significando a acción de tirarse ó chan para amosar a propia condición de inferioridade. Noutro tempo esta consideración formaba parte da orde natural das cousas -cando non se discutía a innegable superioridade dos que gobernaban pola forza- e polo tanto, o feito de humillarse non tiña aínda un sentido moral, non era ofensivo, só meramente indicativo dun estatus que ninguén cuestionaba. Pero as cousas foron evolucionando, e este concepto empezou a aparecer na literatura por primeira vez como un sentimento de desprezo a partir da Revolución Francesa. Desde entón, desde que tomamos conciencia da igual dignidade que nos corresponde, todos sabemos claramente o que significa sentirse humillado.
O filósofo israelí Avishai Margalit utilizou xustamente este termo para distinguir entre sociedade civilizada e sociedade decente (“A sociedade decente”, 1997): unha sociedade é civilizada cando os seus membros non se humillan entre si, pero é decente cando as institucións non humillan ós cidadáns que se atopan baixo o seu poder. A diferenza de matiz é importantísima. O que eu me pregunto é se, igual que temos claro cando somos desprezados por outros concidadáns, somos igualmente conscientes do desprezo desde as institucións:  nos paises que consideramos civilizados séguense tomando decisións políticas que ocultan, aínda nos nosos días, un pouso de desprezo cara o pobo. É frecuente calificalas de inxustas, pero non de humillantes.
Moitas delas resúltannos evidentes e son recurrentemente denunciadas:  actitudes flagrantemente discriminatorias e degradantes, pero legais, como as concertinas nas fronteiras, a doble vara de medir da xustiza ou as condicións laborais indignas e inhumanas.
Outras, en cambio, son máis sutís: a naturalidade, por exemplo, coa que asumimos o luxo do que se rodea  o poder, os edificios e as celebracións, luxo que incluso aceptamos como necesario para sentirnos representados debidamente. Ou sexa, que seguimos vinculando poder político e riqueza e observando curiosos a ostentación que rodea ás cerimonias e actos oficiais sen decatarnos de que non é máis que un reflexo da liña divisoria que  seguen trazando, a mesma liña que os leva a lexislar de distinta maneira para eles e para nós. Igualmente humillante é que artigos da constitución relativos ós nosos dereitos, como poden ser o traballo ou a vivenda, sexan meramente retóricos mentres outros, como o pago da débeda exterior (que nós non adquirimos), sexan de inexcusable cumprimento. Pero en tanto que a todo isto (ó que pretenda aproximar a gobernantes e gobernados) se lle siga  chamando populismo, non hai dúbida de que existe aínda unha distancia entre institucións e cidadáns que nos mantén lonxe dunha sociedade decente.
Desgraciadamente, demasiadas persoas cando respiran os aires do poder (por pequeno que este sexa) acaban distorsionando ata tal punto a visión que teñen de si mesmos, que se cren absurdamente mellores que os demais polo mero feito de ter control sobre eles.

Publicado no Progreso o 19-12-2015

jueves, 17 de diciembre de 2015

Desculturización programada



Miguel A. Martínez

Desculturización programada das clases medias xera tendencias borrosas, efectos difíciles de anticipar. Hai trazos coñecidos: o antiintelectualismo, o rancor ao culturalmente sólido, o infantilismo estético, a rotura co rigor, o hedonismo posmoderno, o relativismo naif, o distanciamento de calquera produto artístico e intelectual relevante no material e complexo no formal. En que consiste esta neutralización da cultura en xeral e do pensamento en particular?
O sensacionalismo impresionista ocupa un lugar importante na conciencia cidadá. Desde que ás persoas se lles furta a posibilidade de coñecer (no ensino) e practicar (no ámbito público) a filosofía como forma de vida, as ideas e argumentos convértense en impresión nas que mergullarse con máis ou menos pracer. Sensacións sobre as que deslizarse cun aceno de entrega intensa ou fría indiferenza. En calquera caso, nada. Puro nada. Non por iso debemos crer que a esgazadura entre o uso da razón e os gustos globais é un asunto de manipulación comercial, mala fe, decadencia cultural, parva entrega ás novas tecnoloxías. Segundo filósofos tan distantes como Theodor Adorno e Alain Badiou ten, mais ben, relación coa verdade.
Unha arte que non transmite verdade, un exercicio intelectual que non nace da vocación de verdade, unha ciencia feita sen ansia verdade, renuncian a ser expresión do compromiso co humano, de poñer remedio ao seu sufrimento. Cabo do odio á grande cultura, á filosofía, á ciencia, está o rexeitamento do humano. Fascismo, totalitarismo, fundamentalismo, cinismo (como ideoloxía global), son algunhas das súas figuras.
Esgazada a relación entre o humano e a verdade, o pensamento empobrécese e pasa a ser simple emoción (intelixencia emocional). Desafiúzase de si e muda en monumento venerable (memoria inerme).
Nesta esgazadura hai unha marcada tendencia represiva e un odio ao individuo cultivado máis que un auténtico desexo de solidariedade entre humanos. Negarse a aprender calquera cousa que requira constantes esforzos intelectuais, glorificar ao home común, fetichizar contidos sociais estandarizables: será o noso legado? Faremos da mocidade a fiel herdeira dunha vida falsa que se move entre a fantasía do pasado que non foi e a innovación dun futuro estéril?
A transmisión ás xeracións futuras deste clima anticultural revela a existencia dunha estrutura: cultura e arte empréganse como forzas de manipulación dirixidas desde pautas ideolóxicas. Asemade, as persoas cansadas polo esforzo laboral e fartas da vida social, demandan esa mesma orientación cultural. Devecen por descargarse dunha existencia pesada, demasiado pesada. O alivio convértese en alucinación, a desculturización en saber, o delirio en opinión. A non ser que restablezamos o nó da filosofía, a cultura e a arte coa verdade. Velaí a nosa tarefa!

Publicado no Progreso o 12-12-2015