domingo, 8 de junio de 2014

Escola e reprodución social





Gonzalo Pérez López

Que con respecto á educación, a institucional incluída, hai un antes e un despois da Ilustración, parece obvio. Que tanto as persoas como os pobos teñen que acadar a súa ilustración, máis alá dun momento histórico concreto, para saír, en terminoloxía kantiana, da minoría de idade, á que se ven abocados de por vida aqueles que non son capaces de empregar autonomamente a razón, resulta incuestionable. Pero non é menos evidente a insuficiencia do proxecto ilustrado que, limitado polos intereses da burguesía que o propiciaba, cae na contradición de defender unha razón autónoma e sen cancelas e cortala de raíz cando o desenvolvemento da mesma conduce inevitablemente, a quen a emprega, á constatación da necesidade de superar a sociedade clasista e excluínte á que conducen as sucesivas expresións históricas da burguesía dominante dende XVIII. Por iso, podemos afirmar que sen ilustración non hai liberación, pero só con ilustración, tampouco. Porque os que impoñen o neoliberalismo hoxe son os herdeiros da burguesía ilustrada que potenciou o desenvolvemento científico e a educación institucional, ben por afán redentorista, ben por necesidades do proceso produtivo que controlaban, pero sempre que non puxera en cuestión a súa hexemonía como clase social. A escola como institución é especialmente sensible ó que apuntamos, e só nos escasos momentos de inflexión nos que o poder da burguesía aparentaba ceder terreo pareceu xogar algún papel liberador, rapidamente abortado, como cabía esperar.
En España, nestes anos de interminable posfranquismo que aínda padecemos, xurdiron movementos de renovación pedagóxica, ben intencionados, algúns con aportacións cientificamente fundadas, moitos na liña redentorista dalgún ilustrado e, a maioría, en exceso optimistas sobre o papel transformador da escola. Os máis críticos coas relacións de poder existentes pensaron que cambiando a escola mudarían esas relacións, pero, co discorrer dos anos, comprobamos que, no esencial, non cambiaron nin a escola nin as relacións, senón que cada vez parece máis claro o papel da primeira para garantir a pervivencia e reprodución das segundas.
Cabe razoablemente esperar que o neoliberalismo, produtiva fábrica de explotados, potencie unha escola de persoas autónomas, críticas, sensibles, cooperativas, cívicas, solidarias e xustas? Obviamente, non. Non se vai facer o harakiri.
O devir histórico demostra a retrolimentación constante entre poder e coñecemento. Quen ten o poder controla o coñecemento e este é unha fonte segura de poder. Xunto coa sobredose de economía e a deshumanización que supón poñer as persoas ao servizo dela e non ao revés e a substitución dos valores morais polos do mercado, a imposición de variados filtros para evitar un acceso xeneralizado ao coñecemento científico da realidade, completa as liñas reitoras do modelo educativo neoliberal. Convén, polo tanto, desvelar a falacia de que a educación institucional responde ás necesidades reais da denominada sociedade científico- técnica actual e que son eses os criterios que orientan os planes de estudio. A lei de educación recentemente aprobada non é o resultado do personalismo obstinado dun ministro, como tan inxenua como interesadamente se quixo facer ver, senón a plasmación lexislativa dos intereses económicos que representa.
Non en balde, a filosofía da citada lei emana segregación, fracaso planificado e exclusión temperá para garantir excedente de man de obra barata, a base de reiteradas reválidas como filtro selectivo complementario da dificilmente superable reválida da procedencia social do alumno, autoritarismo, centralización, control antidemocrático dos centros, con direccións unipersoais dixitalmente nomeadas, con potestade, incluso, para elixir ao profesorado e un consello escolar convertido en mero adorno.
Ao fío disto, lembro agora ‘A escola como reprodución’, libro no que o sociólogo francés P.Bourdieu expón, con claridade meridiana, como a escola reproduce mimeticamente, na distribución do capital cultural, o nivel de desigualdade na distribución do capital socioeconómico. Como axente de socialización, a escola ten a misión conservadora de reproducir as relacións de poder e as relacións simbólicas entre as clases sociais, impoñendo un paradigma cultural consonte aos intereses da clase dominante e, o que é máis grave, lexitimador dos mesmos.
Parece claro que só cambiando as relacións de poder pode cambiar institucionalmente a escola, pero non se albisca un xiro así nun horizonte próximo. Entón, á escola como tal, quédalle outro papel que esperar pasivamente un cambio na estrutura económica que acabe reflectíndose nela? Contestar afirmativamente implica aceptar a tese optimista de Cornelius Castoriadis, por exemplo, sobre a sinerxía entre educación liberadora e democracia real, admitindo que os cambios superestruturais, como os educativos, poden contribuír ó cambio estrutural. Pero non parece fácil, xa que tales cambios pasan ou porque a maioría dos pais esixan outro modelo educativo ou porque a autocrítica da maioría do profesorado o leve a deixar de xogar o papel de correa de transmisión do poder establecido ao lexitimar a situación, moralmente inaceptable, que provoca. Ambas as alternativas resultan altamente improbables. Parece quimérico imaxinar á maioría dos actores dunha institución socioloxicamente conservadora exercendo de antisistema. En calquera caso, se así fose, pasaría por superar ese modelo de escola, viciado de saída polo darwinismo social, mercantilizado, que converte os medios en fins en si mesmos, uniformizador, intelectual e pedagoxicamente acartonado, burocratizado, a base de receitas inútiles, conscientemente arbitrario e vertical (do que cre saber ao que se supón que non sabe), afastado da realidade e dos intereses vitais do alumno e disfrazando estas carencias con algún soporte técnico, irrelevante na dinámica da aprendizaxe.
A alternativa pasa por implicar a todos os afectados nun proceso educativo orientado ao desenvolvemento dunha razón autónoma non instrumentalizada, que permita ao alumno investigar con criterios científicos, potenciando a capacidade de interrogarse reflexiva e criticamente sobre o que lle rodea, nunha constante busca, individual e colectiva, dunha verdade, que nunca será absoluta, en detrimento do ritual e do supersticioso culto ao establecido e a unha cualificación inflada que non representa nada máis que a expresión da decadencia social e o chocolate do loro para pais e alumnos inxenuos que aínda pensan que ten valor de mercado, cualificación que se converte nunha evasión da responsabilidade colectiva e nunha fuxida cara adiante, é dicir, nun planificado engano para os secularmente estafados. Haberá que evitar, polo tanto, que gran parte dos alumnos, entre o engano esóxeno e o autoengano, resulten abocados irremediablemente a ser presa fácil dos que dispoñen dos mecanismos de control ideolóxico ao servizo de intereses espurios en relación coa educación liberadora, movidos exclusivamente polo beneficio futuro que lles poida reportar unha masa de individuos acríticos convertidos en rabaño.

Publicado no Progreso o 17-5-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario