José Domingo de Prada
Entre outras neglixencias levadas
a cabo durante o 2014 o goberno pechou o ano coa aprobación no Congreso da “Ley
Orgánica de Seguridad Ciudadana”, alcumada popularmente “Lei Mordaza”. Para
logralo fixo valer a solitaria maioría absoluta do seu partido. Tense escrito
moito sobre esta lei, e por certo, pouco a favor. Máis aínda, nese pouco só se
atopan panexíricos de aduladores que coas súas falsías denigran calquera ética,
alteran todas as realidades e negan o uso da intelixencia a quen non se pregue
as súas servís opinións.
A aprobación definitiva desta lei
e a súa inclusión no BOE ‒levamos tres anos gobernados a golpe de BOE e escasos
de política‒ vai supoñer unha minoración de dereitos fundamentais e de
capacidade de resposta para os cidadáns, e tamén o declinar da cidadanía nas
redes tendidas polas elites gobernantes. Se primeiro nos recortaron dereitos na
sanidade, na educación e no acceso á xustiza, agora nolos van recortar na
liberdade de expresión. A pretensión é amputarnos directamente o pensamento
libre. Neste sentido a “lei mordaza” é unha continuación da LOMCE, que ao
recortar dereitos educativos, se non prohibe explicitamente o exercicio do
pensamento, redúceo á mínima expresión, baleirando de facto a presenza da
Filosofía nos plans de estudios.
Non debemos polo tanto, ver esta
lei como a arroutada dun ministro con ideais especialmente conservadores, nin o
resultado dunha caída do cabalo de ninguén -aínda que haxa detrás moita
crenza-, senón como a consecuencia lóxica e inevitable da opción ideolóxica na
que vivimos, esa que goberna o mundo con “man de ferro”, aínda que a enfunde en
guante de seda acolchado. A man de ferro pertence ao neoliberalismo
globalizado, e é xemelga da “man invisible” que controla e dirixe o mercado. Un
mercado que nesta época de globalización responde aos criterios ‒invisíbeis
pero reais‒ dos intereses financeiros das multinacionais, grupos de presión ou
inversores especulativos. Satisfacer estes intereses invisíbeis do mercado xera
moito sufrimento en amplos sectores da sociedade, así que o actual
neoliberalismo, consciente de onde nos vai ferir, pon a venda antes da ferida.
Este é o sentido último da «lei mordaza», previr, anticiparse as nosas
protestas, disuadirnos de facelas, sequera de pensalas e dende logo, de
expoñelas.
Sentido, ademais, que se enmarca
na actuación de todas as elites da globalización, pois manteñen un estado de
guerra permanente contra a cidadanía de todos os pobos. Os cidadáns, suxeitos
depositarios do poder na democracia, son actualmente o inimigo para aqueles que
ostentan o verdadeiro poder na posmodernidade, o económico. A caída dos
inimigos externos soe dar esta situación absurda, a de converter en inimigos
aos próximos. A economía globalizada fundamentada no falso mito do crecemento
continuo, do incremento exponencial da produción e da multiplicación dos
beneficios, necesita coaptar a vida dos cidadáns para poñela ao servizo das
súas plusvalías. Traducida, esta situación significa que non lles interesan
cidadáns libres, senón man de obra obediente ‒proletarización do cidadán‒. Xa
non fan falta, como antano definira Aristóteles aos escravos, “ferramentas que
falan” das que o amo era propietario e responsable, incluíndo aí o seu coidado.
Agora, esas ferramentas humanas transformámonos en máquinas animadas, altamente
preparadas para traballos especializados que tras facelos temos que
automanternos se podemos, e que só interesamos durante o tempo que nos usan,
pois somos facilmente substituíbles, máis facilmente do que era antes adquirir
un escravo.
O abandono do principio de igualdade
nos pon nesta situación de guerra, de cainismo común, de todos contra todos
(terá razón Hobbes?). As elites se aferran aos seus privilexios, se separan da
masa, do pobo, redefinido outra vez como plebe e ese apartamento obedece a unha
minusvaloración do ser humano distinto de min. Fundamentada no principio de que
“non todos somos iguais” xorde unha nova aristocracia que pretende agrupar por
un lado aos mellores (máis ricos, máis listos, máis hábiles...) e denigra ao
resto como o contrario desas supostas virtudes; á vez, xeran unha desconfianza
cara a eles que os leva ao temor do diferente e ao incremento incesante da
necesidade de seguridade.
Rachar co principio de igualdade,
tal como se está a facer nestas sociedades, require estados altamente represivos
que poidan ‒chegado o caso e ante a evidencia de que chegará‒ dominar calquera
intento de subversión da orde dos privilexios. Control da rúa, punición,
represión administrativa, forzas policiais e armadas disuasorias, brazos
xudiciais (outra vez as mans) controlados gobernamentalmente forman parte do
estado represor “democrático” posmoderno, da guerra das elites contra o pobo. A
isto engádese o control dos medios de comunicación, a manipulación actual da
tecnoloxía, a limitación do seu uso pola autoridade exercinte (está na nova
lei), e, ademais, o poder da prestidixitación social que se leva a cabo coa
publicidade. Todo devén mentira. E, ademais, unha mentira que acabamos querendo
e adorando baixo o lema: ‒“Algún día eu tamén serei elite”, entoado como unha
salmodia por todos os desafiuzados do sistema.
O resultado será a inmensa bolsa
de frustración que haberá que combater, e para iso estará a lei, para
amordazar, para controlar gobernamentalmente, para dar confianza e beneficios
as forzas globalizadas das elites que esixen submisión, para que grazas a
escaseza de protestas poidan dilapidar o medio ambiente, escravizarnos a tempo
parcial e convencernos de que a nosa función é servilos.
A aristocracia estase impoñendo á
democracia, que cae nun baleiro ideolóxico a ritmo vertixinoso. Nesa caída vai
esnaquizarse a nosa dignidade, e o peor, nela imos deixar esnaquizada a dos
nosos fillos.
Publicado no Progreso o 10-1-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario