domingo, 8 de febrero de 2015

Patoloxía capitalista



Xosé Ramón Cando Vázquez

Coa entrada do novo ano deixei un conato de barba que fai que as persoas que me coñecen me interroguen verbo dese cambio. Eu aproveito para dicir que a causa do mesmo é renderlle unha homenaxe a un veciño da parroquia, que eu non cheguei a coñecer, caracterizado (segundo contan) por posuír unha importante capacidade tecnolóxica (construíu unha bicicleta de madeira) e gozar, el si, dunha frondosa barba. Este home tivo a mala sorte de que na década dos 40 do século XX fose difícil e custoso acceder á penicilina e este feito ocasionou o seu prematuro pasamento, algo que eu cría que non volvería suceder superada a acentuada miseria daquel tempo.
O renacemento na miña memoria da historia de Daniel veu suscitado polas novas que nos chegan sobre a situación dos enfermos de hepatite C, que padecen unha extraordinaria dificultade para poder recibir o tratamento pertinente para a súa curación porque resulta excesivamente oneroso. Imaxino que dita circunstancia afectará os doentes con menos posibilidades económicas dado que o obstáculo para o acceso á medicación é, exclusivamente, a falla de capacidade adquisitiva. Todo parece indicar que estes enfermos non constitúen unha prioridade para a administración que non é quen de resolver, con celeridade, un problema que afecta ás vidas de moitas persoas que teñen manifestado, a través das súas asociacións, o acontecer de falecementos dende que o tratamento está no mercado. Fronte a tanta dilación resulta chocante a présa e a contundencia coa que se converteron as débedas de golfos e delincuentes en débeda de todos e todas aínda que esteamos a falar de centos de miles de millóns de euros.
Merece especial atención a actuación da empresa propietaria do laboratorio farmacéutico que posúe a patente da medicación que precisan os doentes afectados por hepatite C, en cuxo caso a relación custe/beneficio, atendendo ao prezo na farmacia, é dun dez mil por cen (10.000%). Non hai competencia, mercaron o laboratorio que tiña a patente de Sogaldi e agora, simplemente, dispóñense a recoller o botín, independentemente das consecuencias para as persoas cuxa vida depende dese tratamento. Probablemente debería ser obxecto de reflexión o escaso valor co que dotamos a vida humana fronte á inmensidade que concedemos ao beneficio económico, o esforzo racionalizador que poñemos en marcha para xustificar o que, en puridade, non máis nin menos que avaricia sen límites.
Afirma o doutor Gabor Maté (Portland, Usa) que un embarazo desenvolvido nun contexto estresante ten, estatísticamente, máis probabilidades de dar lugar un individuo con tendencia a padecer adicións. Entre as adicións que menciona Maté están as que todos e todas coñecemos, pero ao seu xuízo as mais graves, polos prexuízos que lle causan á sociedade, son as relacionadas coa ansia de obtención de beneficios económicos, citando a destrución da natureza ou os danos ás persoas promovidos polas industrias do tabaco. Abundando na idea de patoloxía coa que se cualifica agora o que antes era o vicio de avaricia, un estudo realizado na universidade de Princeton (Usa) concluía que un incremento de ingresos máis ala de 75.000 dólares anuais (aproximadamente 65.000 euros) non suporía ningún incremento no eido da felicidade, establecendo que a partir desa cifra, nos Estados Unidos, a felicidade xa pasaría a depender doutros factores entre os que non se atoparía o económico.
Poderíase afirmar, se cadra inxenuamente, que o límite da avaricia ou da adición estaría, nos EE.UU., arredor da mencionada cifra e, en España, algo por debaixo da mesma, pero a miña humilde persoa carece de competencia para establecer un ditame semellante; non obstante, sería de interese para o conxunto da sociedade dar a este tipo de adición o tratamento que reciben as patoloxías que se inclúen nesa categoría. As razóns que se aducen para establecer cautelas en relación coas persoas que padecen diversos tipos de adicións teñen que ver co risco que, para elas mesmas e/ou para as demais, se deriva dos seus actos, así sucede, por exemplo, coas drogadicións. As mesmas razóns son válidas para a adición (necesariamente ansiosa) á obtención de beneficios económicos, tendo en conta os riscos que comporta para a sociedade tal como afirma o doutor Maté e que en Europa sería doado constatar porque cunha economía que non crece o incremento de ingresos dalgunhas persoas supón, directamente, unha detracción equivalente a outras persoas (enténdase, dentro da legalidade).
En todo isto, o que debería mudar e o concepto que a sociedade ten do enriquecemento mais alá dos límites do necesario e do útil, transmutando a admiración que, en xeral, merece o éxito económico (desmesurado) en indiferenza ou, se cadra, tendo en conta os prexuízos que pode causar ao ben común, en reconvención. Ata que isto non suceda, probablemente non se dea a lexitimación moral necesaria para cualificar como merecerían ás persoas que, neste momento, xogan co destino de varios milleiros de persoas doentes de hepatite C.

Publicado no Progreso o 24-1-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario