sábado, 24 de marzo de 2018

Impugno a lei do silencio


Gonzalo Pérez López

Se hai un feito na proclamada sociedade da información tendente a desvirtuar, socavar e debilitar a nosa enfermiza democracia, este é a lei do silencio. Cando este silencio, que non emana do dereito senón que o conculca, adquire  forza de lei para o seu obrigado cumprimento nun país que o sitúan entre os formalmente democráticos, a situación deriva en perversa.
Realidades económicas, sociais e políticas, nacionais e internacionais, recentes ou perdurables nun tempo interminable, todas transcendentes para a cidadanía, son minimizadas ou silenciadas polas elites dominantes coa mesma naturalidade coa que planifican o modelo de explotación máis efectivo en cada momento.
A lei do silencio non necesita ser debatida, consensuada, ou argumentada, a impoñen sen miramentos. Precisamente a súa esencia antidemocrática é incompatible co razoamento pero, por se tiveran que facer fronte a alguén que denunciara os silencios  imperantes, dispoñen dunha batería de contrapuntos disuasorios que, a modo de ideas forza, son repetidos ritualmente ata que, normalizadas e interiorizadas, pasan ó acervo popular das falacias. Precisamente por tratarse de falacias non pretenden desmontar racionalmente a denuncia senón, mediante sucesivas descargas dos voceiros do poder hexemónico, matar ó mensaxeiro para evitar que o silencio acabe por tornarse nun clamor esixindo desvelar a realidade ocultada.
Amontóanseme feitos exemplificadores deste proceso de silenciado  coidadosamente programado pola oligarquía española durante as últimas décadas. Así, o escurantismo reinante (literalmente) en torno á monarquía e os seus protagonistas (“o rei trouxo a democracia”, ”parou o golpe” ou “é como un de nós”); os amaños dunha transición que non condenou explicitamente o franquismo e garantiu que os poderes económicos, políticos, xudiciais, militares e policiais transitaran, sen perder un ápice de capacidade de manobra, da ditadura real á democracia formal (“queren cuestionar a nosa modélica transición”); a Lei de Amnistía de 1977 (perdón para os verdugos, aldraxe e esquecemento  para as vítimas), incompatible co Dereito internacional, que impediu ata hoxe xulgar o xenocidio e os delitos de lesa humanidade, imprescritibles, da ditadura (“foi a reconciliación” ou “pretenden reabrir feridas do pasado”); a lista de individuos e empresas defraudadoras do erario público (“dan traballo”) e de “patriotas” beneficiarios da amnistía fiscal (“serviu para recadar algo do que xa estaba perdido”); as inmatriculacións  e a inxerencia espuria da igrexa  na política española (“fai unha inxente labor social” ou “hai que respectar as crenzas maioritarias”); a actividade febril nas cloacas do réxime (“razón de estado”); as selectivas subvencións públicas a organizacións de escuros fins ou a determinados medios (“garanten a liberdade de prensa”); as connotacións políticas do poder xudicial e de moitas das súas decisións inasumibles pola cidadanía (“deixar actuar ós xuíces” ou “respectar o estado de dereito”); as aramadas, o desprezo e o trato inhumano aos inmigrantes (“hai que protexer as fronteiras”); a humillación  do pobo sahariano e o atentado masivo aos dereitos humanos, tanto dos “primos” árabes do rei  (“garántennos petróleo a prezo accesible”) como da ditadura turca (“axuda o frear a inmigración ilegal que pon a Europa en perigo”) e un deprimente etcétera que resulta difícil de frear.
A lei do silencio supón un escarnio á democracia e a esa constitución á que abrazan sen pudor os que a incumpren. Fulmina dereitos como a recibir información veraz, a participar nos asuntos públicos, á seguridade xurídica, ó pluralismo político dos medios públicos ou ó de que a xustiza emane do pobo e sexa administrada por xuíces independentes. Ademais pretende  manter á cidadanía en permanente “minoría de idade” para que asuma a inmoralidade como elemento intrínseco á acción política.
Vaise asentando a impresión de que trala fachada mediática, as veces evasiva e  morbosa, irreal e disuasoria outras, case sempre manipuladora, todo é silencio. Entón, cando a vivencia cidadá oscila entre a cerimonia da confusión interesada e o silencio máis ou menos cómplice, cando os inquisidores, endeusados, pontificadores, salvapatrias e demais fauna autoritaria atopan na ignorancia da realidade silenciada o caldo de cultivo para actuar, a democracia é mera ficción. E isto non é unha figura retórica, é o único claramente perceptible.
Quero pensar que pode quedar algún poro no tecido social polo que poida colarse aire democraticamente fresco, pero, en calquera caso, convén manterse alerta e non esquecer que se a realidade non fora tan teimuda nas súas manifestacións, acabaría por resultar irrecoñecible.

Publicado no Progreso o 10-3-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario