lunes, 17 de diciembre de 2018

A querela das mulleres


Mar Carballo Cela


Cristina de Pizán (1364-1430) foi a primeira muller, da que temos constancia, que se enfrontou publicamente a través dos seus escritos a toda unha corrente literaria misóxina, que reproducía a imaxe patriarcal da muller como un ser por natureza inferior e de índole moral degradada. Herdeira da visión que Aristóteles trasladara do sexo feminino nos seus escritos, esta tradición caracterizábao como proclive á mentira e ó vicio, que a través de tretas varias arrastraba ós homes a condutas reprobables. Aristóteles era toda unha autoridade na Idade Media, sendo as súas obras referente indiscutible para moitas cuestións da época.
Esta imaxe da muller, reforzada polo cristianismo, aparecía nas obras literarias medievais de maneira xeneralizada e, en concreto, foi un poema amoroso (“Roman de la Rose”), de gran sona, o que serviu de detonante para que de Pizán decidira escribir a súa réplica: “A cidade das damas”. Nela argumentaba que só a ausencia de educación, e non a súa natureza, mantiña ás mulleres nunha posición subordinada. A obra de de Pizán inicia o que se deu en chamar a “querela das mulleres”: unha disputa intelectual na que partidarios e detractores dos dereitos femininos se enfrontaron a través de escritos diversos ata o século XVIII.
Debemos preguntarnos se esta cosmovisión humana, presente ó longo de tantos séculos, se pode dar hoxe por erradicada. Coido que moito temos aínda que falar sobre os estereotipos de xénero na literatura e, sobre todo, nos medios audiovisuais. Relatos de ficción que, como di Pilar Aguilar, son fonte de realidade ó trasladar patróns de conduta a través do comportamento dos seus protagonistas. Os ecos daquela literatura antiga e medieval seguen resoando no noso inconsciente colectivo, construíndo a nosa identidade. Espellos distorsionados nos que aínda nos seguimos mirando e que teñen graves consecuencias na nosa vida cotiá: acaso non se cuestiona ás vítimas de agresión sexual incluso a través de preguntas tendenciosas na mesma sala de xuízos? Non se cuestiona tamén a Lei de Violencia de Xénero pola posibilidade de denuncias falsas, algo que non sucede con ningunha outra lei? Cantas veces oímos que as mulleres, cando somos malas, sómolo máis que os homes?...Tentadoras e mentireiras, seguimos sendo xulgadas pola atenta mirada masculina que pon nome a todas as cousas desde a súa “natural autoridade”.
Ó principio foron Pandora e Eva, desobedientes, sedutoras e enganadoras: dous símbolos da nosa tradición cultural que nos convenceron de que foi a muller a que introduciu o mal no mundo. Agora son as súas fillas, eternas personaxes secundarias de renovados mitos, amantes de novos heroes, as que se asoman desde as páxinas dos libros e as pantallas da televisión e dos cines para recordarnos que todo debe seguir igual. Os libros din que nada relevante fixemos na historia; os anuncios televisivos, que a credibilidade ten voz masculina e que o noso valor fundamental reside na sexualidade e a beleza externa; e as películas, que as aventuras e desventuras amorosas son o eixe central da nosa vida, acompañando ó protagonista como fonte de pracer e distracción.
Cristina de Pizán deixou, por cansazo, a súa réplica epistolar con autores contemporáneos sobre este tema. Gustaríame poder dicirlle que, seiscentos anos despois, a querela continúa.

Publicado no Progreso o 15-12-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario