lunes, 3 de junio de 2019

O deber de respectar a lingua


Mar Carballo Cela


Que gran poder teñen as palabras! As palabras non son as cousas; pero, quen non se ergueu a carón dun verso librando algunha batalla nun momento de desconsolo? Ou, quen non rescatou algún nome da memoria buscando patria para sentirse preto dos seus? Porque os nomes son a patria á que sempre podemos volver. Unha pódese sentir allea, estranxeira, sen necesidade de deixar o territorio; e ese, precisamente, é o sentimento que ás veces se provoca a través da lingua, impedindo ou menosprezando o seu uso. A lingua utilízase como un forte distintivo de poder e prestixio, asignándolle a cada un o seu lugar, e así se nos fixo saber a moitos falantes ó longo da historia. Os galegos sabémolo ben.
Na súa Tese de Doutoramento, “A lingua no Parlamento de Galicia” (2015), o profesor de Lingua Galega Xosé Luís Vázquez Somoza analizou a situación do noso idioma nas últimas décadas, e as conclusións de cara ó futuro non son nada alentadoras; e neste mesmo xornal, o pasado 25 de maio, M. A. Fernán Vello anunciaba, de seguir así, a morte do galego en medio século. A pesar do marco legal que favorece o seu uso, o galego perde falantes, e isto vén motivado, fundamentalmente, polo feito de que está deixando de ser  utilizado na intimidade familiar e cotiá -onde se atopa a auténtica cadea de transmisión- coa tendencia a sobrevivir ocasionalmente no que se deu en chamar o “uso litúrxico”, ou sexa, en acontecementos e circunstancias especiais, como un discurso político ou unha clase nun centro educativo.
Pero isto non é todo, X. L. Vázquez Somoza, na súa análise sociolingüística,  advirte que o galego supervivente está mudando a un novo tipo urbano, un “galego culto desgaleguizado” (en palabras de Miruca Parga Valiña), contaxiado por certas formas fonéticas e sintácticas do castelán, que non sería raro que acabaran cristalizando como norma co paso do tempo, perdéndose así as orixinais propias do rural, verdadeiro nicho de conservación e transmisión da nosa lingua durante séculos (un exemplo sería a colocación errónea dos pronomes ou pronunciar a conxunción “e” como “i” ante consoante). Curiosamente, moitos falantes do que podemos considerar o galego auténtico están copiando estas expresións das clases altas urbanas, por estaren asociadas a un maior  prestixio, e asumíndoas como modelo. Pódenos parecer un pequeno matiz irrelevante, pero o significado que encerra ten un alcance nada desprezable: o poder segue marcando a diferenza, agora dentro do propio galego… Novas diglosias para novos tempos, ou o que tecnicamente se podería considerar unha endodiglosia, co cal seguimos asistindo á valoración do idioma en función da clase social e impedindo así a súa conservación e coidado.
Os dereitos teñen a súa simetría nos deberes e, se ben temos o dereito de usar a nosa lingua, tamén temos a obriga de coidala e respectala, porque facéndoo respectamos e valoramos a aqueles que nola legaron. Foi esta simetría a que levou a elaborar a “Carta Universal dos Deberes e Obrigas das Persoas” (Cidade de México, novembro de 2017), inspirada na correspondente suxestión que Saramago propuxo no seu discurso do Premio Nobel de Literatura no ano 1998. O artigo 11.1 desta Carta fai referencia á “obriga de respectar e esixir respecto á cultura e linguas propias e alleas, así como á memoria colectiva dos pobos e o seu patrimonio cultural material e inmaterial e de transmitir ese patrimonio común ás xeracións futuras”. Tamén recordou Saramago, nun fermoso texto de aceptación do devandito premio, as historias que lle contaba o seu avó, un home que non sabía ler nin escribir, pero que “era capaz de poñer o universo en movemento apenas con dúas palabras”. Que gran poder teñen as palabras!... A todos nos conmove  nalgún momento da vida repetir as expresións dos que nos quixeron e nos deixaron ese patrimonio que ninguén nos pode arrebatar: a súa voz na nosa memoria. Deámoslles o valor que merecen.  

Publicado no Progreso o 1-6-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario