martes, 24 de septiembre de 2019

Demagóxico incremento da violencia


Xosé Ramón Cando Vázquez

A correlación entre o incremento de violencia e a redución do benestar económico e social acompañado da frustración ocasionada pola diminución das expectativas de éxito na consecución de recursos felicitantes, é un fenómeno constatado en todo tempo e lugar, abondosamente retratado na literatura e, en xeral, nas artes. Comentaba un amigo meu, na derradeira década do XX, que paseando polas zonas de vivendas unifamiliares de Nova Inglaterra decatouse de que ninguén pechaba con chave cando saía da casa, non se consideraba preciso porque, mais alá doutras consideracións, era unha xeografía do benestar. Igualmente, mencionaba que se tiñas interese en visitar as zonas empobrecidas da cidade de Boston, debías abandonar o taxi no lindeiro das mesmas porque ningún taxista se arriscaba a circular por elas.
A desigualdade está na orixe de boa parte da violencia a que están sometidas as sociedades humanas. Non é a pobreza “per se” de todos os membros a que fundamenta a violencia, porén se dita pobreza afecta a unha parte ou aínda mais, se é consecuencia dun proceso de depauperización, no que hai individuos  que perden a condición (en perspectiva actual) de “suxeitos con recursos para o consumo” as probabilidades de actos violentos hanse incrementar. Estariamos ante manifestacións de “violencia directa” fronte á percepción (mais ou menos subxectiva) de sofrer o que os estudosos de Educación para a Paz  entenden como a súa contraria (conforme a Heráclito) “violencia estrutural”. Ou sexa, que se hai gromos de violencia nas nosas cidades o incremento de forza pública, ou o endurecemento das  condenas pode ser útil pero non vai resolver o problema, simplemente entrariamos nunha carreira delincuencia/represión cuxo remate preséntase no infinito (ou no cero, mais probablemente).
Historicamente, en casos semellantes, empregáronse alternativas consistentes en converter esa violencia que actúa como forza cega tráxica no seo das sociedades en ferramenta poderosa ao servizo dalgún obxectivo que pode ser interior ou exterior. Fai uns centos de anos, cando a situación estaba a piques de rebentar, dirixíase a atención cara a xudería, tiña lugar unha masacre e producíase unha especie de catarse. Tamén foi, historicamente, habitual, buscar un enfrontamento con outro principado para dar saída a esa forza tráxica ou, na época colonial, desviala cara outros territorios. Outramente, téñense dado circunstancias nas que esa forza conectada con ideas de carácter, mais ou menos emancipador, ten producido importantes revolucións que cambiaron transcurso da Historia.
Na actualidade os guetos xudeus non existen pero segue a darse violencia de carácter étnico e, entre nos, resulta preocupante a propaganda contra as persoas estranxeiras pobres que ten cada vez mais acollida, mesmo, entre persoas tradicionalmente críticas co modelo económico/social. O enfrontamento entre estados non parece unha saída viable no noso contexto polo que, mais alá da excitación do nacionalismo excluínte dentro do propio país, semella non ter moito futuro. Por outra banda xa non quedan imperios coloniais nin é posible a Conquista do Oeste, polo que esta alternativa tampouco non parece que poida actualizarse. Canto á revolución dos mais desfavorecidos, non se albisca nin conciencia de clase nin proxecto ideolóxico practicable, sobretodo despois do descrédito non que está afundida a  Revolución de Outubro. Neste senso, xa se ocupa o “monstro amable” de xerar ideoloxías diversas que manteñen disperso ao persoal porque como explica Chomsky: Os individuos teñen que estar atomizados, segregados e sós, non pode ser que pretendan organizarse porque neste caso poderían converterse en algo máis que en simples espectadores pasivos”.
Lémbrese, unha vez mais o proceso histórico de perda de dereitos que tivo lugar a partir do século V, a entrega da liberdade a quen se constituíría en señor feudal, nun contexto amedrentador no que quedou suprimida a “pax romana”. Klein ten descrito a reconstrución, fraccionada en guetos, da cidade de Nova Orleáns, despois do ciclón Katrina, na que a cidadanía economicamente mais favorecida contrata a administración da súa nova sociedade urbana a empresas privadas que a fornecen de todos os servizos, incluído o de vixilancia e seguridade. Para decatarse da viabilidade desta privatización do uso da forza, hai que ser conscientes da existencia, ademais, de poderosos exércitos mercenarios que poden chegar, nalgún caso, a vinte mil efectivos. Que pode pasar en caso dunha percepción acusada e masiva de inseguridade? Podería regresar algún xeito de feudalismo no que as persoas sen moitos recursos se entreguen, de balde, a outras ás que confiar a súa seguridade?
Despois deste breve percorrido por algunhas das condicións de posibilidade da violencia e as súas alternativas, procede dicir que as reflexións anteriores teñen mais a ver cun hipotético futuro non desexable e que estamos a tempo de evitar, que cun presente que na nosa contorna non resulta ameazador, agás para quen, demagoxicamente, pretenda obter rédito económico e/ou político.

Publicado no Progreso o 21-9-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario