Xosé Ramón Cando Vázquez
Segundo afirman os entendidos na materia, a economía española está
controlada polo 1% da poboación, isto non quere dicir que esas persoas sexan
propietarias do país, simplemente que, a
través de diversos entramados, determinan o seu funcionamento. A autoproclamada
Coalición Progresista que nos vai gobernar (se lle deixan) ten anunciado un
incremento da fiscalidade que semella vai afectar ao 0,8% da poboación. É
evidente que o grupo de persoas
incluídas nesta porcentaxe constitúen a maioría da poboación que se
mencionaba como detentadora do poder económico, polo que é probable que a esa
minoría non lle caia en graza a Coalición Progresista e, polo tanto, deseñe as
estratexias que estime oportunas para que, á maior brevidade, se produza un
cambio nas políticas anunciadas ou, se fose preciso, un cambio de Goberno.
O mencionado 1% da poboación nunca podería gobernar porque, dado o seu
número, nunca podería obter a lexitimidade democrática que procede do sufraxio
cidadán. En consecuencia e para poder controlar o poder político do mesmo xeito
que controla o económico debe buscar outras estratexias mais efectivas que
pedir directamente o voto, estratexias que, de xeito indubidable, contarán cun
esmagador apoio económico. Deste xeito financiaranse “think tanks” que poden
aparecer como prestixiosos departamentos de estudos de senlleiros bancos, como
fundacións que “de maneira altruísta” fan análises e prognósticos económicos,
como institutos de investigación que con
“toda obxectividade e imparcialidade” informan á xente sobre as
actitudes vitais mais recomendables e todo isto, claro, transmitido á opinión
pública a través de todos os altofalantes posibles: prensa, radio, televisión,
plataformas diversas, redes sociais, etc.
Como xa se dixo, con só o 1% da poboación non se pode gobernar
democraticamente polo que hai que comprometer a outros grupos sociais, pero
resulta difícil conseguir o apoio do persoal coa mensaxe “apóianos para que
poidamos seguir sendo unha minoría privilexiada” polo que é preciso deseñar
outras mensaxes que se aproximen aos desexos do resto da cidadanía, mensaxes
que a poder ser conecten mais coas vísceras que coa lóxica porque se pretende
mover a vontade, non estimular a reflexión previa a dito movemento. Tendo en
consideración a afirmación do humano como “sapiens/demens” que estableceu
Morin, trátase de achegarse o mais posible ao demens deixando o mais lonxe que
se poida ao sapiens.
O mencionado 1% non está comprometido con ningunha patria como temos
oportunidade de constatar acotío e a proba incuestionable da súa
insolidariedade é a existencia dos chamados “paraísos fiscais” pero na medida
da súa comenencia ten interese en explotar o natural sentimento de pertenza da
poboación e co adubo dos mitos pertinentes crear ficcións que sosteñan as
construcións políticas que en cada
momento histórico mellor se acomoden aos intereses dos grupos privilexiados.
Estas unidades políticas poden revestir formas diferentes e mesmo opostas,
vexamos algúns exemplos:
a) As polis gregas eran unidades políticas que tal como sucede coas actuais
tiñan pretensión de eternidade baseada en fundamentos míticos.
b) O imperio romano era obra dos deuses e o propio emperador era deus, este
era abono necesario para manter en pe
aquel artificio.
c) A conquista do mundo por parte dos árabes a partir do século VII era
mandato de Alá e o Califato era a expresión do poder do mesmo.
d) A virxe de Covadonga e o apóstolo Santiago inspiraron a “reconquista”
que está na orixe desa España que hai quen considera providencial e polo tanto
inmorredoira.
Nos catro casos observamos que as unidades políticas, operativas en cada
momento, teñen unha orixe convencional, son artificios aos que se dota dun
fundamento mítico pero que, como todo artificio, son efémeras e cunha
caducidade que procede da súa obsolescencia.
O citado 1% non está comprometido con ningunha forma de goberno, monarquía
ou república, ou con ningunha relixión, pero os seus altofalantes difundirán
mensaxes (coa correspondente dose de irracionalidade mítica) que tendan a
arraigar nas vísceras os modelos que mellor se acomoden, transitoriamente, aos
seus intereses e que, como constatamos, non teñen por que ser os mesmos nos
distintos países.
Varios pensadores teñen analizado o compoñente irracional do ser humano, a
dualidade esencial que o constitúe, O mencionado Morin (sapiens/demens),
Nietzsche (apolíneo/dionisiaco) ou Freud (principio de pracer/principio de
realidade) deixan claro que non é posible unha vida humana equilibrada,
harmónica, na que dita dualidade non se vexa recoñecida e canalizada, pero iso
non quere dicir que non debamos tentar ser conscientes dos motivos da nosa
vontade. Os mitos son produto da socialización dos instintos e teñen escaso
contacto coa lóxica, non teñen por que ser compartidos universalmente e de
feito non o son polo que só queda a súa imposición mais ou menos violenta. Se
se pretende unha convivencia satisfactoria hai que erguela sobre o que todos e
todas comparten e iso tamén son dúas cousas, a razón e a palabra, deixando no
ámbito privado o que non ten por que compartirse e que, seguramente, resultará
felicitante dende a óptica individual.
A enumeración das estratexias que o 1% da poboación que controla o poder
económico se ve obrigado a desenvolver para manter o control político
precisaría mais espazo e mais vagar pero é algo que todo o mundo coñece e non
precisa deste “iluminado” para tomar conciencia, reflexionar e actuar en
consecuencia.
Publicado no Progreso o 11-1-2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario