martes, 28 de abril de 2015

O animal arrogante



 Mar Carballo Cela


          Sen dúbida, o que pensamos de nós mesmos poucas veces obedece á realidade e di máis do que nos gustaría ser que do que somos. Sucédenos isto como individuos, pero tamén como especie. Salvo excepcións, que calificamos habitualmente de pesimistas, o ser humano sempre se tivo en moi alta consideración outorgándose a si mesmo características superiores que lles negaba ao resto dos animais. Padecemos historicamente dun elemental antropocentrismo claramente reflexado na relixión, na ciencia ou en calquera outra manifestación cultural. Describímonos como seres racionais, libres e conscientes cunha vida emotivosentimental complexa que obxectivamos niso que chamamos cultura, servíndonos tal obxectivación de proba incuestionable do noso rango superior; pero o certo é que canto máis nos coñecemos máis acurtamos distancias cos nosos compañeiros de hábitat, e nin somos tan racionais nin tan libres nin tan conscientes.
          O plantexamento de John Gray no seu libro ‘Cans de palla: reflexións sobre os humanos e outros animais’, colócanos descarnadamente ante esta realidade. Nel afirma que ningunha especie pode controlar o seu destino: os humanos, consecuentemente, tampouco. A crenza contraria procede da nova fe que o humanismo moderno nos inculcou substituíndo así a fe relixiosa: a razón, creadora de progreso, guiará as nosas vidas salvando cada obstáculo do camiño.
          Como ben di Gray, a tecnoloxía -que sinalamos como paradigma da diferenza- forma parte das estratexias de supervivencia de calquera outro animal; pero a que despregamos os humanos pode ser o camiño de dexeneración que nos leve precipitadamente cara á extinción. Actualmente, a tecnificación do mundo estase acelerando ao mesmo ritmo que se acelera a voracidade dos mercados e a necesidade das máquinas traspasa a miúdo o umbral do humanamente desexable. Convértese así nun mero capricho alentado polo consumismo, unicamente ao servizo dos grandes magnates da industria e moi lonxe de proporcionarnos unha mellor calidade de vida. Non pretendo aquí unha crítica aos avances tecnolóxicos -sería tanto como cuestionar unha man artificial ou un fármaco curativo-, o que intento é reflexionar sobre a capacidade de control que os humanos estamos demostrando ter sobre a nosa propia produción.
          Tristemente, cabe a posibilidade de que non haxa un faro que nos guíe e todo consista en ir solventando as dificultades inmediatas provocadas por intereses enfrontados, e nada máis; o cal é tanto como aceptar o diagnóstico cristiano de que somos un rabaño de ovellas descarriadas, pero negando a consoladora solución do pastor. A tecnoloxía non sería máis que unha fiel servinte de tales intereses, que a miúdo (pero non sempre) debe pasar por aliviar algunha necesidade importante ou vital para chegar a implantarse; unha vez implantada, as consecuencias son imprevisibles e descontroladas. O actual modelo económico, coa tecnoloxía como brazo armado, non só se está apoderando da regulación da vida social, como xa o fixera a relixión no pasado, senón que tamén nos está proporcionando un novo credo ante o cal os humanistas contemporáneos terán que reaccionar.
          Baste un exemplo: a urxente necesidade de paliar as consecuencias do efecto invernadoiro está creando unha nova ciencia, a xeoenxeñaría, que investiga como modificar o clima para enfriar a Terra, habida conta da incapacidade dos políticos para cumprir os acordos oportunos e manter a habitabilidade do planeta. Entre as solucións, barállase inxectar un tipo de aerosol nas nubes ou colocar espellos no espazo para así reducir a temperatra da atmosfera. Arriscados experimentos, como tantos outros, de dubidosos beneficios.
          A conclusión de Gray ao respecto deste tema é desalentadora: a especie humana acadou a situación de praga, e necesitamos devastar o medio ó noso paso para seguir mantendo a prótese artificial que nos acolle. E o peor é que non confía en que sexamos capaces de solventalo. Quizais a moitos lles pareza catastrofista pero, sexa como queira, debería facernos reflexionar.
Ademais, non só se trata dos límites do medio ambiente ante o desenvolvemento tecnolóxico en constante expansión, tamén habería que falar dos límites da nosa mente para absorber sen danos a crecente «colonización dixital» á que estamos sendo sometidos (Roberto Casati, ‘Eloxio do papel: contra o colonialismo dixital’).
          Non obstante, parece que un sector importante das ciencias humanas ignorase o problema e puxese máis empeño en adaptarse á nova era dixital imposta polo mercado que en reivindicar o espazo que á marxe da tecnoloxía se fai imprescindible para marcar un rumbo razoable: o espazo da reflexión lenta, da contemplación; da comunicación non inmediata e máis meditada; da mirada que busca ver e non só retratar; de saber para humanizar e non para amosar na rede. Necesitamos de máis humanistas que non se desnorten coas infinitas posibilidades dun ordenador e centren a súa verdadeira utilidade sen caer en furores lúdico-mercantilistas. Necesitamos de novos humanistas que non teman enfrontar á verdade e nos axuden outra vez a desmontar mitos -ben sexan da fe ou da razón-, animándonos a comprender o auténtico lugar que ocupamos no mundo. Este segue sendo o grande reto ao que han de seguir enfrontándose permanentemente as humanidades, porque os mitos non desaparecen: renóvanse con cada época.

Publicado no Progreso o 18-4-2015

domingo, 19 de abril de 2015

Esgazaduras e zurcidos na identidade



 M. A. Martínez

Algúns datos tomados aquí e acolá, semellan indicar que remata o tempo de pensar a identidade. Achéganse xeracións con preocupacións e expectativas distintas. A urxencia biolóxica e o ritmo das máquinas imponse no pensar e actuar. A preocupación polo eu esvaécese por tedio, indiferenza ou falta de tempo. Mais, entre tanto, vaise alterando paso a paso, case imperceptiblemente, a nosa identidade.
A vella identidade definíase no tempo e o espazo pola xenealoxía, relación á terra, á casa, ao territorio, inclusive á nación. A identidade referíase a saberes antigos, á lingua, á imaxe dun mesmo, e, tamén, aos poderes locais que devolvían unha outra imaxe do saber, da lingua, dun mesmo. A identidade consistía, entre outras cousas, no dominio dun saber facer (ou varios) e o exercicio dunhas rutinas (profesionais, sociais, familiares). A afirmación dun mesmo era diante dos outros, para os outros, mesmo cara (a favor, contra) os poderes. A globalización dos estilos de vida dominantes, tende a substituír esta identidade pola avaliación.
A modernización e extensión do capitalismo globalizado impón a avaliación dirixida nos procesos produtivos (laborais, de ocio) e biolóxicos (médicos, clínicos). A súa finalidade é examinar a calidade, eficiencia, rendemento, produtividade, competencia, flexibilidade e formación das persoas. Mais isto pode ter consecuencias inesperadas. Tales procesos fixan, como un parásito, unha identidade persoal artificial. Identidade que carece de conciencia do pasado e dos ideais do porvir, de vínculos humanizados e coñecemento das relacións do corpo coa terra e o clima.
Os parámetros dos que depende a avaliación, e miden a persoa, son os marcos da nova identidade. Unha identidade virada ás competencias, puramente imaxinaria, sofisticada nas técnicas de resposta e misérrima en ideais éticos. Esta outra identidade ten como referente exquisito o proceso de avaliación, constantemente refinado segundo criterios, ás veces, absurdos e arbitrarios. O resultado é o esgazado da identidade entre un si mesmo perdido e un outro si mesmo con fondo malestar, temor e tremor.
Ademais, a identidade esgazada inténtase zurcir pola forza a múltiples tempos: a globalización, a europeización, o tempo nacional, laboral, o tempo libre, por dicir algúns. Ao medo inscrito na identidade esgazada, enxértase a síndrome do pánico: sentir a falta de límites na velocidade das decisións alleas, a indeterminación das propias capacidades para responder, a incerteza na formulación de limiares temporais seguros para as propias expectativas.
A nomeada crise actual vén de abalar o sentimento íntimo da identidade individual. E, tal vez, algúns dos problemas máis urxentes nacen precisamente aquí: na esgazadura da identidade interior e exterior, no enxerto dun eu avaliable, no zurcido precario a múltiples tempos.
A identidade esgazada e zurcida sofre dificultades para enfrontarse aos perigos e ameazas da contorna. Posúe algúns trazos do neurótico: a atenuación do sentimento de responsabilidade («os responsables son os outros»), a imitación e contaxio psíquico («hai que facer o que fan os demais», «onde vaias fai o que vexas»), a levidade dos compromisos («minto porque todo mundo minte», «roubo porque todos o fan»), a lixeireza coa que se vive o amor («nada é para sempre»), a crenza na realización das ideas porque son só pensadas («o mundo é o meu pensamento»). Mais, sobre todo, resalta un trazo: a interiorización dun eu desmesurado.
Trátase dun eu enorme, invasor, caníbal, só interesado en si mesmo porque enguliu o mundo («a miña opinión vale porque é miña», «a verdade é a miña verdade»). Este ego tenta capturar os outros egos, cunha intensidade afectiva desmedida, abafante, inclusive, carnal.
Non é difícil comprobar que este ego dilatado tende a bater cos demais. Estouran conflitos entre egos expansivos. Erosiónase a identidade, a cohesión social. Quéixanse dos demais que fan exactamente o mesmo ca eles. Créase un plano imaxinario que se sobrepón ao real: a queixa delirante é o modo de xustificar a ferocidade na supervivencia, o incumprimento da lei, a irresponsabilidade, a preguiza, e, sobre todo, a trampa, a picaresca, o cinismo, a mentira. O mal delirado lexitima os comportamentos incorrectos. E estes verifican na realidade o discurso delirante da queixa. Así é como se forxa unha identidade dura, impermeable. Un ego dilatado (soberbio, fachendoso) que complementa ao ego encollido (fráxil, vulnerable). Un ego que se dilata no soño porque na realidade se encolle.
Salvar a culpabilidade profunda de quen se vive como un nada social e persoal, e se queixa de todo e de todos, nunca de si propio, é posible. Vencer a ameaza psicótica de non ter límites espaciais corporais e, como reacción defensiva, refuxiarse no leiro propio, é posible. Superar a ameaza esquizoide dos afectos duplos e o delirio (co éxito desbordante noutro país ou no propio), tamén é posible.
Non perder a imaxe equilibrada de nós, a identidade prudente e cauta, a nosa vocación pacífica e de xustiza, a nosa textura cordial e democrática, o tempo para a meditación, quizais pode resultar desexable e preferible neste trebón planetario de dolorosas esgazaduras e zurcidos crueis.

Publicado no Progreso o 11-4-2015

domingo, 12 de abril de 2015

Se Deus non existe...



Xosé Ramón Cando

No século XIX, Nietzsche tentou levantar acta da morte de Deus e Dostoievski exclamou, angustiado, que se Deus tiña morto, daquela todo estaba permitido. No século XX, Sartre asume esta proposición, que utiliza como argumento en favor da liberdade humana, pero Leszek Kolakowski na súa obra en inglés ‘Religion’, facéndose eco da preocupación do gran novelista ruso, pregúntase se se pode agardar por un código normativo á marxe da autoridade divina, ao que responde que non o ve plausible.
Isto vén a conto da publicación do currículo da materia de Relixión Católica que, como é sabido, vai ter carácter avaliable e contará para a composición da nota media. Igualmente, o alumnado disporá da posibilidade de optar pola materia Valores Éticos, coa mesma consideración administrativa. En todo caso, como é igualmente coñecido, desaparece Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos que ten carácter obrigatorio, producíndose o resultado de que aquel alumnado que opte pola materia de Relixión non terá ningún contacto coa cidadanía nin cos dereitos humanos nin con ningunha formación que fomente a súa autonomía moral. Semella que o ministro Wert está de acordo en que non toda a cidadanía dispoña da posibilidade de adquirir a necesaria autonomía que lle permita saír da «minoría de idade» contra a que se manifestaba Kant nos seus escritos, nos que afirmaba que a principal causa deste estado persoal minorizado reside na nosa preguiza pero tamén no medo que se nos transmite dende determinadas instancias sociais, xeralmente de maneira interesada.
Que a xerarquía eclesiástica estea de acordo coa afirmación de Kolakowski, antes mencionada, vén de seu, polo que é perfectamente lexítimo que pretenda defendernos da ameaza dunha sociedade á marxe dos valores relixiosos, tan temida polo xenial Dostoievski. Do mesmo xeito, é ilexítimo que o Goberno de España (estado aconfesional segundo o oráculo constitucional), se constitúa en brazo executor dos designios da mencionada xerarquía privando a unha parte da sociedade do dereito a unha formación en valores democráticos, escudándose no pretexto dunha presunta lei natural que establece a facultade dos proxenitores de privar a súa descendencia da formación en valores cívicos que, inevitablemente, han ser esixidos nunha sociedade democrática e privándoa, así mesmo, do coñecemento dos dereitos e liberdades que dita sociedade pon á súa disposición.
Para que se teña comprensión cabal do que está a dicirse, compre analizar o papel xogado pola Igrexa de Roma e institucións homólogas na batalla pola liberdade e pola igualdade, en síntese, pola cidadanía democrática (termos redundantes porque non pode existir cidadanía non democrática). Sería longo citar todos os casos en que o dereito ao coñecemento chocou co monolitismo eclesiástico, por citar algúns, censura literaria, queima pública de libros, queima pública de pensadores (Bruno), persecución e anulación (Galileo), condena pública de importantes avances científicos (Darwin), etc. Non se fará referencia aos incontables atentados cometidos contra da liberdade de expresión, algúns xa incluídos no apartado anterior. Pola insoportable insidia que destilan hai que referirse ás prohibicións relacionadas coa aplicación dos avances científicos ao benestar humano (paradigmática é a oposición inicial ao uso da anestesia con escusas de orixe bíblica). Xa no eido cidadán, de que lado estaban os sacerdotes franceses cando se proclamaron os dereitos do home e do cidadán durante a revolución francesa? Máis ben parece que en contra. Estiveron as institucións eclesiásticas defendendo o proletariado sometido a horarios interminables e condicións insalubres durante a revolución industrial? Os datos indican que non, que máis ben se bendicía o statu quo. Nalgún momento da historia defenderon os líderes relixiosos da nosa contorna o dereito á igualdade das mulleres, do cincuenta por cento da súa freguesía? Non, non o fixeron antes nin o fan agora, cómo poden facelo se rexen unha institución na que o sexo feminino está expulsado da toma de decisións aínda hoxe, -no ano 2015 da era cristiá-. Non foron os líderes relixiosos, foron as sociedades, en xeral coa oposición das xerarquías eclesiásticas, as que acadaron o nivel de dereitos e liberdades que existe hoxe en día e que compre mellorar.
O obxectivo desta enumeración non é axuizar a actuación dunhas institucións privadas en épocas pasadas nin tampouco na actualidade, non é un tema de interese xeral e compete aos membros das mesmas. O que se pretende é evitar que esas institucións dean o salto dende a privacidade na que por natureza se sitúan, ás instancias educativas do estado poñendo de manifesto a súa incapacidade para seren formadoras da cidadanía (esencialmente democrática) que debe protagonizar a convivencia pacífica en liberdade, igualdade e solidariedade que todo estado debe promover se quere chamarse democrático, daquela cabe preguntarse: é o señor Wert ministro dun estado democrático?

Publicado no Progreso o 28-3-2015