miércoles, 16 de septiembre de 2015

'Ars amandi'



Xosé Ramón Cando

Afirma Michel Foucault na súa ‘ Historia da sexualidade’ que a nosa civilización carece de algo semellante a unha ‘ars erotica’ que como queda rexistrado nos textos históricos tiveron a fortuna de posuír os habitantes doutras idades. Neste senso o profesor Xosé Manuel Domínguez Prieto no limiar da súa obra ‘Alén da libido’ sinala que:
"Historicamente, temos sobranceiras  mostras  do  tratamento da sexualidade e da afectividade en xeral nos textos de ars erótica ou os de ‘ars amandi’. Así dende as nosas cantigas de amor trobadorescas ata a literatura árabe medieval (lémbrese O colar da pomba de Ibn Hazim de Córdoba), dende o ‘Cantar dos cantares’ bíblico ou as referencias en multitude de textos orientais deica os textos de Platón (coma ‘O banquete’) e máis as referencias de Tomé de Aquino na ‘Summa theologica’, son millenta as referencias parciais ao acto sexual. Nembargantes, ‘Ars amandi’ nin se elaboraron discursos racionais sobre a sexualidade humana nin constituíu un obxecto en si mesmo: sempre estaba supeditada, dun xeito ou outro á relación amorosa".
Pode apreciarse a concordancia con Foucault quen, ademais, pon de manifesto que somos os primeiros e primeiras en practicar unha ‘scientia sexualis’ consistente en dicir a verdade do sexo (entre outra moitas e mais coñecidas, pódese mencionar aquí a obra ‘Crítica de la razón sexual’ do filósofo galego Ignacio Castro). Ou sexa, pensamos, falamos, sabemos moito sobre que é o sexo pero somos bastante iletrados nas artes amatorias.
Recentemente vén de publicarse en Edicións Positivas a novela do tradutor lucense Xulio Pardo de Neyra ‘Intensa e quente é a túa humidade azul’, cuxa principal característica non reside na súa construción racional sobre o feito sexual senón na mostra da relación en si mesma, dos actos e as emocións que conlevan. Pode considerarse a primeira novela abertamente pornográfica en lingua galega na que a elección dos termos empregados pola parella protagonista  corresponde  coa coloquialidade propia das situacións que se relatan. Neste senso, nunha entrevista concedida á prensa escrita o autor sinala: "O noso idioma é unha das linguas románicas máis imaxinativas; temos 50 ou 60 palabras para falar do rabo". E expresa o propósito da súa obra: "Agardo que con este libro a xente foda máis en galego".
A historia transcorre na cidade francesa de Dijon e ten como protagonistas a Fer (enxeñeiro sesentón) e a Monique (moza estudante universitaria). Para afondar no contido pode ser de axuda lembrar a coñecida ‘Histoire d’O’, reiteradamente mencionada por Fer que lla facilita a Monique co obxecto de que inspire o seu comportamento sexual. Trátase polo tanto de establecer unha relación dominación/submisión que a xuízo de Fer permitirá a total desinhibición de Monique e polo tanto un goce sexual, para ambos os dous, moito máis intenso. Nunha relación amo/escrava non pode estar ausente o sadomasoquismo, aínda que neste caso a expresión do mesmo é bastante morna. A relación da comezo como froito do desexo que se transforma en goce (intenso) para rematar producindo unha historia de amor fanada polo falecemento de Fer. Non se pretende facer aquí unha louvanza desta novela cuxas calidades literarias son, cando menos, discutíbeis. Simplemente se constata a súa existencia e o enriquecemento que a mesma supón para a nosa lingua.
Podemos concordar, ou non, co que escribía Foucault fai preto de cincuenta anos, tamén podemos pensar que nese tempo se teñen producido achegamentos ao que el nomea como ‘ars erotica’, aínda  que,  se  cadra,  dende  unha ollada centrada exclusivamente no goce dos sentidos, excluíndo compoñentes de carácter espiritual, mesmo relixioso (en relación co aspecto relixioso, lémbrese o ‘Kamasutra’  hinduísta  ou  o tantrismo budista), que eran centrais nas obras clásicas sobre este tema. Probablemente, o cultivo sexual do espírito vai parello co (non) cultivo do espírito nas nosas sociedades, nas que ante calquera nova da que temos coñecemento, xurde en nos a interrogación pola súa  utilidade. Non está de máis citar a Kant e a súa esixencia de inutilidade para a creación artística.
Outra cuestión que procede clarexar é o estatuto da pornografía, neste caso da que ten a literatura como soporte. Tende a asociarse a pornografía con algo noxento o, polo menos, con algo de carácter inferior, impropio dun discurso elevado e digno de consideración académica. Esta mentalidade  un  tanto  miope non permite decatarse da utilidade intelectual e social de construír obras literarias, dignas de tal nome, nas que se reflicten fantasías sexuais máis ou menos  estendidas,  máis  ou  menos ignoradas polo seu carácter desacougante, pero inexorablemente presentes en nós; cando menos, nos nosos soños..

Publicado no Progreso o 15-8-2015

Pedras que falan (un centenario)



Juan Carlos Fernández Naveiro

Igual que o ceo estrelado está cheo de signos que non son inmediatamente descifrables, moitas pedras espalladas polos montes de Galicia conteñen unha simboloxía que solo é significativa para os que dominan certas claves, pedras e estrelas que falan unha linguaxe misteriosa, aberta ás interpretacións pero sobre todo necesitada de estudo e investigación.
Un dos investigadores que máis contribuiron ao coñecemento dos petróglifos galegos foi Ramón Sobrino Lorenzo Ruza (1915-1959), do que este ano se cumpre o centenario. A obra de Lorenzo Ruza, espallada en publicacións como os Cadernos do Seminario de Estudos Galegos (en colaboracións con Fermín Bouza Brey) e o Noticiario Arqueológico Hispánico nos anos 40 e 50, ata a súa morte prematura, é unha mestura que combinaba o traballo de campo co rigor intelectual, e cultivaba tanto o gusto polas formas culturais do rural galego conformadas a carón dos petróglifos, castros e mámoas, como as conexións intelectuais con sectores da alta cultura europea do momento, pouco coñecidos aquí neses anos, como a filosofía alemá de Rickert ou Cassirer, o enfoque novidoso da arqueoloxía por Gordon Childe, ou as investigacións sobre o megalitismo escocés, inglés ou irlandés, que terían un uso peculiar —sometido despois a importantes revisións— no que se chamou ‘celtismo’.
Lorenzo Ruza tivo a súa escola ben preto, na súa propia familia, e consérvanse moitas fotografías de finais dos anos 20 e principios dos 30 nas que aparece acompañando ao seu pai, Ramón Sobrino Buhígas, en múltiples excursións arqueolóxicas que facían por comarcas do interior de Pontevedra. Nos inicios da saga estaba tamén o curmán deste, Enrique Campo Sobrino, que morrera en 1911 con só 21 anos deixando unha boa colección de debuxos de petroglifos, igrexas e escudos que foran eloxiados pola Real Academia de Historia en Madrid, despois de mostralos na Exposición Regional Gallega de 1909.
Xunto ás súas contribucións moi singulares ao debuxo arqueolóxico, a aportación máis salientable da saga familiar chegou da man do pai Sobrino Buhígas, que foi un dos protagonistas da intensa actividade da Sociedad Arqueológica de Pontevedra nos convulsos anos 20 e 30, e deixou unha xoia bibliográfica, o Corpus Petrogliphorum Gallaeciae, editada por vez primeira en 1935 en latín (fermosamente reeditada en edición facsimilar e tradución galega por Edicións do Castro no ano 2000, ao coidado do epígono Ángel Núñez Sobrino). Os Sobrino foron (e son) investigadores heterodoxos e difícilmente clasificables que se moven entre o estudo da paisaxe e a vocación humanista, cunha paixón polo coñecemento imbuída de entusiasmo artístico e vital.
Lorenzo Ruza dirixíu imporantes excavacións no Morrazo nos anos 50, e a día de hoxe as localizacións máis estudadas e coidadas están no entorno de Campo Lameiro, preto da súa casa familiar de Cequeril.
Pero a maior concentración de petróglifos por explorar e catalogar dase no Concello de Vilarmaior, onde eu vivín cos amigos de Terra de Trasancos unha experiencia sorprendente, deitarse sobre unha grande pedra por baixo dun plástico negro, facer a noite e ver como aparecen os círculos e outras xeometrías e formas levemente humanas. Coma no círculo lítico de A Roda en Barreiros, hai pedras que coa luz adecuada comezan a falar, lugares nos que se escoita esa linguaxe discutida e misteriosa dos megalitos e petroglifos que nos falan a través do tempo.

Publicado no Progreso o 8-8-2015

domingo, 2 de agosto de 2015

Salto dixital




José Domingo de Prada

Para a antropoloxía actual a aparición da intelixencia está ligada á liberación das mans do proceso de marcha. As mans libres poden manipular a realidade, e a reacción man / ollo / cerebro converteríase na cadea motora do proceso intelixente. Formaríase esta intelixencia paseniñamente, sen grandes saltos nin elos perdidos, graduando o seu avance con feitos imperceptibles, pero fundamentais, nos que paus, pedras, osos ou calquera outro material eran accesibles as mans. Xa sei que presentado así o proceso perde épica, pero é seguro que describe mellor a realidade que os mitos que nolo presentan doutros xeitos. Os esforzos repetidos da man para manipular obxectos, do ollo para recoñecelos e do cerebro para recordalos foron agrandando a capacidade de pensar desde puntos de partida mínimos.
No estadio evolutivo a intelixencia irase incrementando en cerebros cada vez máis grandes e complexos. Neles, as ferramentas, como prolongación das mans e das habilidades do que as usa, reconvértense nun aliado do propio home para ampliar as posibilidades de pensamento. Un paso posterior na expansión da intelixencia dáse a través das ferramentas complexas, dando espazo entón aos instrumentos, que alén da mera prolongación da man multiplican as capacidades do propio ser humano e incitan novas superacións nun cerebro que debe esforzarse para deseñalos, construílos, obter resultados e novas lecturas da realidade que eles lle desvelan. Pensemos, por exemplo, no que tivo que supor fitos tan importantes como a invención de ferramentas para cortar,  da roda para facilitar o movemento ou das pinturas e signos gráficos para a simbolización e o recordo; máis recentemente podémonos fixar en instrumentos que amplían a capacidade dun sentido, como o caso do telescopio. Galileo tivo que implicarse completamente nel antes de orientalo cara aos ceos, desde a súa construción física ata a explicación teórica do que lle permitiu observar. O instrumento serviulle para alongar a mirada, agrandar a intelixencia  e multiplicar os coñecementos dos que dispuxo a partir de entón tanto el persoalmente, como a sociedade.
Este proceso de ampliación da lectura e comprensión do mundo estivo presente ata os nosos días, pero os expertos están a dar ultimamente a voz de alarma pola nova situación na que nos atopamos debido á introdución de sistemas electrónicos que non actúan xa nin como ferramentas, nin como instrumentos e que en vez de ampliar as nosas capacidades actúan como substitutos delas. A chegada das tecnoloxías dixitais permítenos interpoñer máquinas que fan o noso traballo, que nos marcan o ritmo de aprendizaxe e de vida, que modelan os nosos comportamentos e actitudes, que deciden por nós e deixan o humano nun segundo plano para automatizar e optimizar tempos, traballos e beneficios. Están, literalmente, minguando a nosa intelixencia. Estamos vivindo no que estes expertos (???) denominan a “caixa de cristal”. Rodeados de pantallas xa non interactuamos co mundo, senón coa súa representación simbólica, virtual; xa non vemos a realidade, senón que a filmamos cos nosos móbiles. O historiador da ciencia Dyson fai a seguinte e inquietante pregunta que pode resumir o exposto anteriormente: e se o custo de dispoñer de máquinas que pensan é que a xente non chegue a facelo? Tal parece que fosemos por ese camiño e que como afirma Nicholas Carr a “caixa de cristal” acabe converténdose na “gaiola de cristal”, na que aparte de pecharnos estean observándonos permanentemente e dirixíndonos incluso no noso pensamento. A tal aspira, por exemplo, Google, para quen chegará o día no que  “as buscas serán contestadas sen sequera preguntar”, xa que saberán “que imos querer” (Ray Kurzweil). A verdade é que dá un pouco de medo que un directivo de Google se exprese nestes termos. Aspiran a saber o que imos querer antes de que poidamos expresalo e, o peor, están traballando para conseguilo e parécelles que van camiño de logralo; o que non significa que vaian polo bo camiño!
Sen embargo, quero rematar cun fío de esperanza. Ao igual que pasou cando Sócrates protestaba contra Platón porque fiaba as argumentacións aos signos escritos en vez de fornecer a memoria para sustentalos e desatendendo ao mestre contribuíu a dar o salto da oralidade á literatura, e ao igual que lle pasou a Galileo co instrumento co que apuntou ao ceo e que a el lle serviu para agrandar a súa propia intelixencia e a da sociedade en xeral, a pesar dos problemas persoais que tivo que sufrir e de que o resto da sociedade do seu tempo utilizouno para a guerra ou parolar, espero que hoxe algúns consigan izarse por riba das críticas, dos prexuízos, da preguiza e da manipulación que as empresas informáticas como representantes de intereses mesquiños de clase e ideoloxía fan coa maioría de nós. Hoxe temos “na punta dos dedos” unha nova lectura da realidade, un novo salto no proceso evolutivo da intelixencia, o salto dixital. Evidentemente non todo o mundo vai dar ese salto, pero bastará con que haxa alguén que o faga e que transmita esa nova actitude as futuras xeracións. Para logralo necesitarán facer fronte a traballos, ingratitudes, incomprensións sociais e incluso, aos que imos quedar no camiño, pero serán os únicos que poderán conseguir elevar esta sociedade por encima de si mesma e das súas miserias.

Publicado no Progreso o 1-8-2015

Viaxar é difícil



 Juan Carlos Fernández Naveiro

Teño amigos moi precavidos que presumen de GPS e non saben o que é perderse nas estradas. Eu non estou por principio contra os avances da tecnoloxía, pero cando falamos deso sempre penso nos tecedores que según McLuhan perderon habilidade manual cando apareceron os telares mecánicos, ou nos placeres difíciles do viaxeiro a pé, porque toda ferramenta é en parte anestésica e acaba por adormecer a parte do corpo que amplifica. Todo é cuestión de balance entre o que se gana e o que se perde, e o mesmo vale para a experiencia de viaxar.
A condición contemporánea está definida máis polo cambio, a movilidade e os traxectos que por unha permanencia que se nos antolla claustrofóbica e pesada, da que buscamos distraernos e que sempre acaba por quedar atrás, noutro lugar. Mudamos de traballo, de cidade, de vida; abandonamos o nomadismo ancestral para ser históricos, transitorios, provisionais. Somos nómadas doutro xeito.
A deslocalización non é solo unha estratexia económica senón unha nova condición do espazo, desvinculado do lugar; proliferan os lugares sen delimitación espacial, ocupados por errantes de todo tipo (executivos, traballadores do transporte, refuxiados), os ‘non lugares’ como lles chamou o antropólogo Marc Augé, que se repiten con pequenas variacións en calquera parte, hoteis, estacións, aeroportos, supermercados, zonas de tránsito que acollen aos individuos nun espazo falsamente común pero en realidade solitario e anónimo; lugares literalmente dislocados que constitúen a condición esencial do turista moderno.
Pero equivócase quen vexa no turista a condición móbil do home moderno, quen pense que o turismo expresa unha vontade errante. Cómpre que o turista se mire no espello e se recoñeza ante todo como un consumidor voraz. Mentres un viaxeiro aspira a descubrir novidades e a enriquecerse con elas, a construír a súa identidade cos seus propios traxectos sen regreso posible -non se pode desandar-, o turista está animado polos praceres da verificación, busca recoñecerse alí onde se atopa, confirmarse na súa identidade previa. Lévi-Strauss se lamentaba de que “o viaxeiro moderno se sorprende menos e recoñece máis”, e iso que aínda non falaba do turismo de masas senón das dificultades para atoparse coa extrañeza do outro nunha civilización “proliferante e sobreexcitada que trastornou para sempre o silencio dos mares”.
Viaxar é cada vez máis difícil; paradóxicamente, é máis difícil como experiencia cantas máis facilidades hai para organizala. Pero nin así se pode acabar cun nomadismo constitutivo que busca formas de expresión. O turismo viría a domesticar (subxectivamente) a furia conquistadora e depredadora que, por outra parte, é (obxectivamente) confirmada e ampliada polo turismo masivo. «A violación e o saqueo foron as formas orixinais do turismo», di Hakim Bey (nun fermoso ensaio traducido ao galego, Alén do turismo. A viaxe intencional).
Nas antípodas do turismo, Hakim Bey defende unha arte de viaxar (inspirada na mística sufí) que está máis cerca das peregrinaxes e ansias de mellora, das aventuras e as permanentes razóns comerciais. Somos seres de diáspora, e para afrontala aporta dúas claves de viaxe: darlle atención aos signos que enchen o mundo, e aterse ás leis da hospitalidade. Abrirse ao mundo antes que tratar de reducilo a imaxes inmóbiles encerradas nunha cámara, dispostas para o consumo privado e alimento do propio narcisismo.
Eu non estou contra o uso dos GPS pero cadaquén ten que atopar a súa experiencia de viaxe e mesmo afrontar a posibilidade de perderse; ocorre ás veces aínda sen saír da casa, como unha viaxe inmóvil, sempre que non se malgaste o espectáculo ordinario do real.
Todo é cuestión de balance, ser consciente do que se gaña e do que se perde. Peter Handke fixo un eloxio do cansancio porque afrouxa as ataduras do eu e crea espazos de non-dominación; as experiencias de viaxe someten o corpo a un tensionamento físico que pode ter un parecido efecto liberador, pero non é fácil, non é fácil abrir intervalos que despracen o centro de gravidade desde o eu cara a exterioridade das cousas, sobre todo se a viaxe se convirte nunha experiencia estereotipada e clónica.
Ademáis están os nosos límites e debilidades que afloran, a soledade aínda compartida das habitacións de hotel e as largas esperas nos halls enormes dos aeroportos. Por eso di Marc Augé que os non-lugares son o contrario da utopía.

Publicado no Progreso o 25-7-2015