sábado, 24 de marzo de 2018

Impugno a lei do silencio


Gonzalo Pérez López

Se hai un feito na proclamada sociedade da información tendente a desvirtuar, socavar e debilitar a nosa enfermiza democracia, este é a lei do silencio. Cando este silencio, que non emana do dereito senón que o conculca, adquire  forza de lei para o seu obrigado cumprimento nun país que o sitúan entre os formalmente democráticos, a situación deriva en perversa.
Realidades económicas, sociais e políticas, nacionais e internacionais, recentes ou perdurables nun tempo interminable, todas transcendentes para a cidadanía, son minimizadas ou silenciadas polas elites dominantes coa mesma naturalidade coa que planifican o modelo de explotación máis efectivo en cada momento.
A lei do silencio non necesita ser debatida, consensuada, ou argumentada, a impoñen sen miramentos. Precisamente a súa esencia antidemocrática é incompatible co razoamento pero, por se tiveran que facer fronte a alguén que denunciara os silencios  imperantes, dispoñen dunha batería de contrapuntos disuasorios que, a modo de ideas forza, son repetidos ritualmente ata que, normalizadas e interiorizadas, pasan ó acervo popular das falacias. Precisamente por tratarse de falacias non pretenden desmontar racionalmente a denuncia senón, mediante sucesivas descargas dos voceiros do poder hexemónico, matar ó mensaxeiro para evitar que o silencio acabe por tornarse nun clamor esixindo desvelar a realidade ocultada.
Amontóanseme feitos exemplificadores deste proceso de silenciado  coidadosamente programado pola oligarquía española durante as últimas décadas. Así, o escurantismo reinante (literalmente) en torno á monarquía e os seus protagonistas (“o rei trouxo a democracia”, ”parou o golpe” ou “é como un de nós”); os amaños dunha transición que non condenou explicitamente o franquismo e garantiu que os poderes económicos, políticos, xudiciais, militares e policiais transitaran, sen perder un ápice de capacidade de manobra, da ditadura real á democracia formal (“queren cuestionar a nosa modélica transición”); a Lei de Amnistía de 1977 (perdón para os verdugos, aldraxe e esquecemento  para as vítimas), incompatible co Dereito internacional, que impediu ata hoxe xulgar o xenocidio e os delitos de lesa humanidade, imprescritibles, da ditadura (“foi a reconciliación” ou “pretenden reabrir feridas do pasado”); a lista de individuos e empresas defraudadoras do erario público (“dan traballo”) e de “patriotas” beneficiarios da amnistía fiscal (“serviu para recadar algo do que xa estaba perdido”); as inmatriculacións  e a inxerencia espuria da igrexa  na política española (“fai unha inxente labor social” ou “hai que respectar as crenzas maioritarias”); a actividade febril nas cloacas do réxime (“razón de estado”); as selectivas subvencións públicas a organizacións de escuros fins ou a determinados medios (“garanten a liberdade de prensa”); as connotacións políticas do poder xudicial e de moitas das súas decisións inasumibles pola cidadanía (“deixar actuar ós xuíces” ou “respectar o estado de dereito”); as aramadas, o desprezo e o trato inhumano aos inmigrantes (“hai que protexer as fronteiras”); a humillación  do pobo sahariano e o atentado masivo aos dereitos humanos, tanto dos “primos” árabes do rei  (“garántennos petróleo a prezo accesible”) como da ditadura turca (“axuda o frear a inmigración ilegal que pon a Europa en perigo”) e un deprimente etcétera que resulta difícil de frear.
A lei do silencio supón un escarnio á democracia e a esa constitución á que abrazan sen pudor os que a incumpren. Fulmina dereitos como a recibir información veraz, a participar nos asuntos públicos, á seguridade xurídica, ó pluralismo político dos medios públicos ou ó de que a xustiza emane do pobo e sexa administrada por xuíces independentes. Ademais pretende  manter á cidadanía en permanente “minoría de idade” para que asuma a inmoralidade como elemento intrínseco á acción política.
Vaise asentando a impresión de que trala fachada mediática, as veces evasiva e  morbosa, irreal e disuasoria outras, case sempre manipuladora, todo é silencio. Entón, cando a vivencia cidadá oscila entre a cerimonia da confusión interesada e o silencio máis ou menos cómplice, cando os inquisidores, endeusados, pontificadores, salvapatrias e demais fauna autoritaria atopan na ignorancia da realidade silenciada o caldo de cultivo para actuar, a democracia é mera ficción. E isto non é unha figura retórica, é o único claramente perceptible.
Quero pensar que pode quedar algún poro no tecido social polo que poida colarse aire democraticamente fresco, pero, en calquera caso, convén manterse alerta e non esquecer que se a realidade non fora tan teimuda nas súas manifestacións, acabaría por resultar irrecoñecible.

Publicado no Progreso o 10-3-2018

lunes, 12 de marzo de 2018

A discriminación das mulleres



Elías Pérez Sánchez

Ao longo da historia as mulleres foron perseguidas, ignoradas ou descualificadas do mesmo xeito que outros grupos sociais dominados. As súas achegas intelectuais non foron do agrado de moitos sectores políticos nin dos circuítos de control do coñecemento ao longo dos séculos. Aínda que Aspasia de Mileto escribía os discursos de Pericles, a historia relegouna a cortesá de luxo; Aglaonice de Tesalia, capaz de predicir eclipses no século V a. de C., foi recordada como unha vidente; Hipatia de Alexandría sufriu dun xeito descarnado a intolerancia relixiosa incitada por Cirilo de Alexandría —hoxe, San Cirilo—. Na mitoloxía, a muller foi acusada dos peores males a través do mito de Eva ou da Caixa de Pandora.
A idea de que as mulleres pensan dun xeito distinto que os homes serviu tradicionalmente para xustificar a súa opresión: Aristóteles dicía que non dispuñan do grao de raciocinio dos homes, de aí o seu sometemento natural; Kant engadiu que por esa razón carecían de personalidade civil, negándolles voz propia na vida pública. No Emilio, Rousseau resumía os deberes dunha muller: a obediencia e fidelidade ao marido, a tenrura e o coidado aos seus fillos. Tampouco lle recoñecía, xunto con Hegel, a capacidade intelectual suficiente para dedicarse á procura da verdade abstracta e especulativa.
Porén, John Stuart Mill, filósofo liberal do século XIX cimentou boa parte da súa filosofía en dous alicerces básicos: a felicidade e a liberdade. E felicidade e liberdade foron, tamén, o fundamento da súa defensa en favor da igualdade, a liberdade e o dereito ao voto por parte das mulleres. O seu ensaio, A escravitude feminina, é un exemplo da extraordinaria empatía que Mill sentía polo sexo feminino, tradicionalmente discriminado, maltratado e rendido polo ostracismo e a soidade. Influído por Harriet Taylor tentou sensibilizar a sociedade facéndolle ver que o sometemento da muller impedía a felicidade e o desenvolvemento individual da metade do xénero humano e privaba a sociedade dos beneficios que podía xerar o libre desenvolvemento persoal das mulleres. Felicidade e liberdade, pois, como eixos dos dereitos que a muller debía reivindicar e que ao home lle correspondía facilitar.
Hoxe, a fustrigación sexual e as discriminacións de todo tipo seguen sendo prácticas cotiás que, ademais, non se limitan a unha cultura determinada, relixión ou país, nin se circunscriben a grupos específicos de mulleres dunha sociedade determinada. Hoxe en día, as resistencias do home seguen forxando subordinacións e desigualdades entre xéneros que nos remontan a épocas pretéritas nas que a muller dificilmente podía acadar non só a felicidade da que falaba Mill, senón os canons mínimos de liberdade desexables na condición humana. Convén maiores doses de compromiso social, de respecto polas lexislacións dos organismos supranacionales sobre os dereitos da muller, a promoción dunha educación potenciadora da igualdade sustantiva entre xéneros e rebaixar o fundamentalismo relixioso e cultural que reforza a subordinación da muller. E requírese maior vontade política e unha suficente asignación de recursos fronte a meras operacións de cosmética que maquillan sibilinamente outras intencións dubidosas.

Publicado no Progreso o 3-3-2018

domingo, 25 de febrero de 2018

A Historia que nunca se conta



Mar Carballo Cela


En certa medida, o ensino primario e o secundario consisten en cargarse dunha serie de prexuízos, que ao longo da túa vida terás que ir desaprendendo se a sorte e a curiosidade te acompañan. Medrei interiorizando —sen ter ningún tipo de conciencia sobre iso— que a historia da humanidade, dos seus actos e pensamentos, consistía nun relato no cal me sentía incluída por formar parte desa humanidade, sen darme conta de que o que se estaba narrando realmente era a historia dos homes. Unha narración androcéntrica que obviaba por completo o feito de que as mulleres formaban parte dela, pero que, igualmente, se designaba co nome de universal. Todo o máis, un comentario anecdótico, xa se sabe, sobre o feito trivial de que no pasado a sociedade era moi machista. E cando tocaba explicar a loita polos dereitos, de calquera tipo e en calquera época, nin unha palabra sobre a loita da metade da humanidade, que foi atravesando a historia en paralelo con calquera outra causa: o feminismo. Porque as mulleres sempre tivemos que librar a nosa propia batalla por separado, para sermos incluídas en calquera conquista de dereitos humanos.
Abrías un libro de texto, por exemplo, na Ilustración e lías que se reclamaba o uso da razón como única guía en todos os ámbitos da vida cultural, social e política. "Atrévete a saber!", era o seu lema. Pero nada se dicía de que este lema estaba dirixido aos homes, xa que a inmensa maioría dos pensadores da época —incluído o seu autor, Kant— crían que as mulleres carecían de capacidade racional; nada se dicía sobre o feito de que había mulleres ilustradas (e algún home) que reclamaban formar parte da categoría de humanidade dotada de razón igual que os homes, con todos os dereitos e liberdades que iso implicaba: votar, estudar, participar en política ou ter a autonomía suficiente para decidir sobre a súa vida. Nin unha palabra sobre o Feminismo Ilustrado.
O mesmo sucedía no século seguinte, coa Revolución Industrial e a loita obreira. En ningunha parte se explicaba que tamén entón se fixo necesario que as mulleres continuaran a loita polos dereitos que os homes ían conquistando. As mulleres seguían sendo relegadas a unha eterna minoría de idade que non lles permitía votar ou ter propiedades. Disto, e de outras inxustizas sociais, políticas e xurídicas, terán que ocuparse as sufraxistas e feministas obreiras.
Máis tarde chegaría a terceira etapa do feminismo, nos anos setenta do século XX, como continuación dese movemento silenciado por outros acontecementos que se impoñían como representativos do universal. Mulleres como Betty Friedan, Kate Millett ou Simone de Beauvoir, explicaron por que, aínda reformando as leis, a igualdade non acababa de ser real. Elas deron as claves para entender a colonización interior que o patriarcado exerce máis alá da legalidade, e que hoxe segue modelando as nosas identidades.
O feito é que eu medrei pensando que a vida que tiña (dereito á educación, a un futuro laboral e ao resto de dereitos cidadáns) era debida á Revolución Francesa, á loita obreira e ao pensamento de autores como Kant, Rousseau ou Marx, cando, en realidade, a miña vida era así grazas a iso que case ninguén pronunciaba e, se o facía, era máis ben como un insulto: o feminismo. Tiven que aprender moitas ideas e moitas batallas, pero nunca as que a min me liberaran.
Hoxe os libros de texto seguen igual, coa única e insuficiente novidade de situar nas marxes, ou nun breve apartado específico, algunha anotación anecdótica da aportación feminina; pero o relato principal segue sendo o mesmo. E se queres saber algo sobre feminismo, ou o que agora se chama "perspectiva de xénero" sobre calquera materia (antropoloxía de xénero, socioloxía de xénero, etc.), debes facelo pola túa conta ou, se tes oportunidade, elixir —tanto en secundaria, como nos estudos superiores— algunha optativa que te informe sobre a distorsión do discurso dominante; porque a historia da emancipación das mulleres, da metade da humanidade, non se considera o suficientemente importante como para ser integrada, con normalidade, no currículo das materias troncais como son a Historia ou a Filosofía. E aquí empeza o ninguneo que despois se intenta reparar visibilizándonos en efemérides varias. Como se lle vai conceder importancia a un ser que aprendiches a ignorar, a un ser sen historia? Como imos corrixir o machismo se non introducimos no relato da emancipación humana a loita feminista? O feminismo non se toma es serio, e en moitos casos nin sequera se sabe o que é, porque non consta na narración que nos forma como cidadáns e cidadás.
A violencia de xénero non pode ser superada mentres as mulleres sigamos habitando nas marxes dos libros de texto. A violencia nace do desprezo, da falta de empatía, da consideración de que existen seres de inferior categoría. Non podemos combatela unicamente con campañas de concienciación ou xulgando aos culpables unha vez sucedida. A solución pasa, inevitablemente, por formar as mentes, por interiorizar desde a infancia que ningún ser humano é máis importante que outro, neste caso por razón de sexo; e iso só pode suceder cando ás mulleres se nos presente como coprotagonistas da historia e non como actrices secundarias. A historia ten tantos fíos condutores como desexemos; incluír nela á metade esquecida da humanidade non pode deixarse para os estudos especializados de perspectiva de xénero.

Publicado no Progreso o 17-2-2018