sábado, 2 de noviembre de 2013

Democracia e participación



Xosé Ramón Cando

É coñecido que na cultura popular estaban arraigadas crenzas pouco defendibeis pero que operaban de xeito habitual e producian accións que, hoxe, en xeral, non compartimos. Estoume a refirir as rogativas que solicitaban protección fronte á ameaza dos meteoros adversos (treboadas), a atracción dos favorabeis (choiva) e, en xeral, pretendían establecer unha interlocución coa propia natureza. Este “modus operandi” ía mais alá e empregábase o mesmo procedemento fronte a outros fenómenos como a guerra que, sen ser naturais, incorporábanse á categoría da peste e semellantes. Nesta cultura á que se fai referencia, solicitábase a intervención sobrenatural en circunstancias nas que se entendía que estaba superada a propia capacidade de actuación (entendida, en xeral, como moi limitada).

Na actualidade obsérvase a proliferación da pegada parcial desta tradición, no que atinxe aos comportamentos políticos, non tanto na celebración de rituais relixiosos como na asunción dunha presunta impotencia para introducir modificacións nas políticas levadas a cabo dende os distintos poderes. Esta actitude que tende ao conformismo e á pasividade é consecuencia da escasa formación democrática que posúe a cidadanía asociada coa secular tradición autoritaria que segue presente no pensamento da mesma.

Non existe democracia sen unha sociedade civil organizada, mais alá da necesaria participación político-social a través de partidos políticos e sindicatos. Neste sentido pódese traer aquí a declaración do propietario dun restaurante de Nova York que se queixaba da perda de clientes porque ían desaparecendo as asociacións (de bolos, de pesca, de caza, de amigos da ópera, etc) e polo tanto a cea de fin de semana que celebraban no seu local.  Resulta ilustrativo este descenso do asociacionismo nun país que nos séculos XIX e XX era o paradigma do establecemento de redes sociais, e ao mesmo tempo coherente co descenso da calidade democrática no mesmo.

Para poder empezar a falar de sociedade civil debemos dar o paso de saír de nos mesmos e abrirnos aos outros, debemos poñer de manifesto os nosos intereses, os nosos obxectivos e as nosas ilusións, solo así poderemos atopar a outras persoas que os partillen nalgunha medida e acordar con elas algún xeito de actuación conxunta que incrementará as probabilidades de acadalos (sería útil revisar a acción dos movementos cidadáns de base que acompañaron o proceso da transición dos anos 70). Cantos de nós formamos parte da asociación de viciños do noso barrio?, Cántos participamos na asociación de mais e pais do colexio dos nosos fillos?, Cántos de nós participamos nas asociacións de estudantes?, Cantos de nós participamos nalgunha sociedade recreativa, cultural, deportiva, etc.?, Cando falamos con alguén do malos que son os tempos, da crise económica e de como nos prexudica, consolámonos mutuamente ou decidimos buscar algunha forma de acción para intentar defendernos?, Cando se presentan as eleccións somos dos que non sabemos a quen votar porque “todos son iguais” ou, estando convencidos de que determinadas formacións políticas xa non nos convencían buscamos información sobre outras alternativas ou mesmo decidimos participar na configuración das mesmas?

En síntese, somos dos que precisamos rogativas para todo ou estamos dispostos a utilizar a nosa capacidade de actuación (moito maior do que algúns tenden a pensar) para poder vivir mais dacordo co que desexamos?

Publicado no Progreso 13-10-2012

Cara onde



Juan Carlos Fernández Naveiro

“A vida castiga a quen chega tarde”, espetoulle Mijail Gorbachov ao xerarca da República Democrática Alemá Erik Honecker o 18 de outubro de 1989, e en menos dun mes xa o vento da hostoria o tiña levado por diante (o propio Gorbachov veríase tamén fóra de escena un par de anos máis tarde).

Recordo eses feitos transcendentais na historia europea recente ao ler “A torre”, de Uwe Tellkamp, un retrato demoledor dos habitantes da Turmstrasse, un barrio residencial de Dresde nos anos 80, nos estertores da RDA. A novela leva este subtítulo: “Sobre un país desaparecido”, e ao ler as súas páxinas torrenciais, se salvamos as distancias entre o derrube dos rexímenes comunistas en Europa Oriental a finais dos anos 80 e o momento actual no que asistimos de novo a fondas transformacións da realidade europea, temos a extraña sensación de que tamén o noso mundo se está diluindo, e que igual que para os habitantes da Torre, “o presente é só unha pálida silueta dos grandes días de antes”. ¿Non será tamén o noso un país xa desaparecido?

Desde logo costa admitilo. Mais ¿que podemos agardar cando os oráculos do Banco Central Europeo prevén unha “necesaria caída da recadación por asalariado”? Chamémoslle previsión, recomendación ou profecía autocumprida, eu pregunto que clase de futuro agarda a uns países declarados culpables e por tanto merecedores de cumprir o seu castigo. ¿Será o castigo da vida a quen chega tarde? ¿Seremos tamén barridos polo vento da historia? ¿Ou todo formará parte dunha penitencia, ese “todo o necesario” que Mario Draghi dixo que estaba disposto a facer para salvar ao Euro? Tamén a RDA fora sustentada pola financiación soviética, e cando esta fallou descubriron que non tiñan unha economía produtiva propia. ¿Dónde están esas ideas para cambiar o noso modelo produtivo? ¿Dónde unha reforma fiscal nun sentido verdadeiramente progresivo? Un dos nosos problemas é que aquí tamén temos unha nomenklatura que nunca perdeu privilexios nin viu sometido o seu poder económico a unha redistribución pola vía fiscal comparable á dos países europeos aos que por uns anos tivemos a ilusión de emular.

Temos ademáis unha democracia feble, con crecentes problemas de lexitimidade da representación política, e estamos sometidos a unha “condicionalidade” que obriga a reaxustar un Estado de benestar xa de por sí precario, de construcción demasiado recente. E todo eso cóllenos no lado dos deudores, dos culpables. Cada vez máis periféricos e separados por unha fenda dos países acreedores. Grecia e tamén Portugal semellan un experimento do que nos pode ocurrir a nós. A integración europea vólvese unha empresa paradóxica: defendida sobre todo polos paladíns xermanos da austeridade.

As ideas hai que cultivalas, e nós queremos darlles un fermento propicio no medio da confusión reinante. A confusión destes “tempos líquidos” (Bauman), na que os referentes que funcionaban tradicionalmente con estabilidade nos patróns culturais, na contienda política e no corpo social todo fóronse diluindo. Mais non dubidemos de que mellor ou peor haberá futuro, agromarán novidades, e nós queremos estar aí (correndo o risco de que as nosas ideas se volvan tamén confusas). Así que (se a amabilidade do lector o permite en posteriores ocasións) seguiremos explorando o presente, as raíces do presente e as súas proxeccións, e compre tamén facer propostas de acción. É o noso punto de partida como Proxecto DOXA. Pensamos que é preciso aportar ideas para o momento histórico que nos toca vivir.

Pois a pesar da necrolóxica dun país que o paso dos días nos leva a facer, tamén constatamos que a metáfora da “fin da historia” (Fukuyama) é constantemente desmentida polos feitos. Non está escrito o triunfo universal do capitalismo, ao contrario, eu teño por certo que esa é unha idea caduca a pouco que un se sitúe nunha perspectiva ampla dos acontecementos. Como hai un cuarto de século pensaban os habitantes da Torre respecto do socialismo, nós tamén presumimos que algo ten que cambiar, pero “cara onde, señora Wrobel, cara onde, esa é a cuestión”.

Publicado no Progreso 6-10-2012

Editorial. Presentación do Grupo Doxa



Editorial. Presentación do Grupo Doxa

O voo da curuxa. Olladas filosóficas.

O Grupo Doxa creouse a finais dos anos 80’ por varios profesores de filosofía na cidade de Lugo. Naceu coa idea de promover un espazo aberto e dialogante para a reflexión crítica, polo que na súa primeira fase adicouse principalmente a desenrolar grupos de traballo, tanto de discusión como investigación, así como organizar accións formativas, charlas ou congresos.

Nestes momentos, atopámonos nunha reconstitución do grupo na que conflúen algúns dos vellos participantes máis moita savia nova, todos con moitas ganas por facer saír novos brotes no vello oficio do pensar. Queremos dar continuidade ao espíritu que guiou á fundación do grupo, revitalizándoo con actuacións que axuden a pensar a situación de crise actual e contribúan a potenciar unha cultura democrática. Nunca entendimos á filosofía como un asunto de profesores ou académicos, senón máis aínda como unha actitude, un posicionamento crítico que atinxe a toda persoa que quera pensar por sí mesma e traballar en prol dunha mellora cualitativa da convivenza social. Por isto, nesta nova traxectoria o grupo se propoñe diversas actuacións, que na medida do posible, impliquen a toda a sociedade. Entre elas, comenzamos pola publicación desta columna semanal na que nos esforzaremos por ofrecer artigos de opinión desde unha perspectiva filosófica e que pretende ser tamén unha invitación ao pensamento crítico e á actitude que éste conleva.

Na tradición filosófica, o termo grego doxa significa a opinión que un se fai das cousas, pero unha opinión non pode aínda considerarse unha verdade, aínda non é coñecemento en sentido pleno. Nos tempos que corren non parece factible falar de verdades fortes sen facer dogmática ou sen ter intención de manipular, por iso o grupo abogou por chamarse doxa, para remarcar esta oposición aos dogmas e as verdades pechadas.

Pero teñamos coidado, hai opinións e opinións. Dende esta ventá procuraremos sempre dar, desde a nosa particular lectura da realidade, opinións argumentadas, libres e independentes. Nin sequera daremos unha lectura unánime, entre nós poderá haber discrepanzas, pero ese é o mellor elemento co que contamos. Desde a pluralidade pódese chegar a entender o mundo, a ter máis perspectivas del. Isto é o que andaremos a procurar.

A curuxa representa no mundo grego á deusa Palas Atenea (despois Minerva no mundo romano) e asimílase co pensamento racional, e aínda que a tradición di que levanta o voo demasiado tarde, esperemos desta volta que poda chegar a tempo.

Finalmente, agradecer ao xornal o Progreso o espazo que aquí nos brinda, esperamos estar á altura e responder á súa xenerosidade. Atoparémonos nesta columna nos vindeiros sábados.

Asociación Doxa de Filosofía

Publicado no Progreso 29-9-2012