Xosé Ramón Cando
É coñecido que na
cultura popular estaban arraigadas crenzas pouco defendibeis pero que operaban
de xeito habitual e producian accións que, hoxe, en xeral, non compartimos.
Estoume a refirir as rogativas que solicitaban protección fronte á ameaza dos
meteoros adversos (treboadas), a atracción dos favorabeis (choiva) e, en xeral,
pretendían establecer unha interlocución coa propia natureza. Este “modus
operandi” ía mais alá e empregábase o mesmo procedemento fronte a outros
fenómenos como a guerra que, sen ser naturais, incorporábanse á categoría da
peste e semellantes. Nesta cultura á que se fai referencia, solicitábase a
intervención sobrenatural en circunstancias nas que se entendía que estaba
superada a propia capacidade de actuación (entendida, en xeral, como moi
limitada).
Na actualidade
obsérvase a proliferación da pegada parcial desta tradición, no que atinxe aos
comportamentos políticos, non tanto na celebración de rituais relixiosos como
na asunción dunha presunta impotencia para introducir modificacións nas
políticas levadas a cabo dende os distintos poderes. Esta actitude que tende ao
conformismo e á pasividade é consecuencia da escasa formación democrática que
posúe a cidadanía asociada coa secular tradición autoritaria que segue presente
no pensamento da mesma.
Non existe
democracia sen unha sociedade civil organizada, mais alá da necesaria
participación político-social a través de partidos políticos e sindicatos.
Neste sentido pódese traer aquí a declaración do propietario dun restaurante de
Nova York que se queixaba da perda de clientes porque ían desaparecendo as
asociacións (de bolos, de pesca, de caza, de amigos da ópera, etc) e polo tanto
a cea de fin de semana que celebraban no seu local. Resulta ilustrativo este descenso do
asociacionismo nun país que nos séculos XIX e XX era o paradigma do
establecemento de redes sociais, e ao mesmo tempo coherente co descenso da
calidade democrática no mesmo.
Para poder empezar
a falar de sociedade civil debemos dar o paso de saír de nos mesmos e abrirnos
aos outros, debemos poñer de manifesto os nosos intereses, os nosos obxectivos
e as nosas ilusións, solo así poderemos atopar a outras persoas que os partillen
nalgunha medida e acordar con elas algún xeito de actuación conxunta que
incrementará as probabilidades de acadalos (sería útil revisar a acción dos
movementos cidadáns de base que acompañaron o proceso da transición dos anos
70). Cantos de nós formamos parte da asociación de viciños do noso barrio?,
Cántos participamos na asociación de mais e pais do colexio dos nosos fillos?,
Cántos de nós participamos nas asociacións de estudantes?, Cantos de nós
participamos nalgunha sociedade recreativa, cultural, deportiva, etc.?, Cando
falamos con alguén do malos que son os tempos, da crise económica e de como nos
prexudica, consolámonos mutuamente ou decidimos buscar algunha forma de acción
para intentar defendernos?, Cando se presentan as eleccións somos dos que non
sabemos a quen votar porque “todos son iguais” ou, estando convencidos de que
determinadas formacións políticas xa non nos convencían buscamos información
sobre outras alternativas ou mesmo decidimos participar na configuración das
mesmas?
En síntese, somos
dos que precisamos rogativas para todo ou estamos dispostos a utilizar a nosa
capacidade de actuación (moito maior do que algúns tenden a pensar) para poder
vivir mais dacordo co que desexamos?
Publicado no
Progreso 13-10-2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario