sábado, 2 de noviembre de 2013

De cidadáns a súbditos democráticos



José Domingo de Prada

Comecemos polo obvio: un cidadán é un home (desculpen o xenérico inclusivo) libre, racional, moral e crítico. Un cidadán é un suxeito de dereitos e deberes, e desde mediados do século XX eses dereitos, non xa dun cidadán, senón de calquera home (volvan a desculpar o xenérico inclusivo) están expresados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Esta Declaración culmina un proceso histórico que na súa versión máis recente poderíamos resumir nos seguintes catro trazos:

- No século XVI Hobbes tratando de fundamentar o absolutismo inventa a metáfora do “estado de natureza”, segundo a cal antes da aparición da sociedade vivíamos en guerra permanente, o home é un lobo para o home; para impoñer a orde e paz, a sociedade ponse baixo a vixianza dun titor, o soberano, quen garantirá a convivencia a cambio da obediencia cega. O soberano dita a lei, pero, á vez, está exento de cumprila. Fronte ao soberano están os súbditos, que o único que poden facer é obedecer a lei, pois non teñen nin capacidade nin dereito para criticala. O soberano sabe qué fai, qué lexisla, qué ordena, e sabe por qué o fai, mentres o súbdito é como un neno que nin sabe, nin entende, e ao que só lle queda fiarse incondicionalmente do soberano, como dun bon pai.  Así pois, existirían dous tipos de individuos: por un lado, o soberano, e, por outro, os súbditos.

- No XVII Locke xustifica o liberalismo moderno dende a mesma metáfora do “estado de natureza” transformándoa: nese estado tiñamos xa uns dereitos naturais, que non poden ser nin degradados, nin prohibidos pola sociedade posterior.
Exemplos de dereitos son a liberdade, o traballo, a propiedade, o coidado da saúde, … O estado absolutista xa non vale, e hai que inventar outro, o estado liberal, que respecta os dereitos e liberdades naturais dos individuos, todos, sen excepción, en igualdade de condicións ante a lei, é dicir, todos cidadáns. A sociedade perfecciona os dereitos naturais, e pon orde se hai disputas. A desigualdade é un factor natural e inherente ao ser humano e non se pode suprimir na sociedade.

-No XVIII Rousseau volve a aceptar a mesma metáfora, pero di que nese estado todos seríamos naturalmente bos, e que é a sociedade a que nos perverte, faino desequilibrando os dereitos naturais dos individuos, pois as desigualdades son sociais, non naturais, comezando pola propiedade privada que é un roubo do individuo contra a sociedade.
Nin que dicir ten que fixo máis fortuna a visión de Locke que a de Rousseau.

Tamén no XVIII Kant define ao cidadán como suxeito de dereitos, pero coa obriga de saber qué fai, de ser responsable dos seus actos. Literalmente, di que temos que facernos maiores de idade, e dar conta das nosas decisións, das nosas accións. O coñecemento será quen nos leve a esa maioría de idade.

Deixemos outros trazos importantes que completarían a historia e situémonos a principios do século XXI, no día de hoxe:

Estamos nunha sociedade terriblemente contraditoria, formada principalmente polo que eu chamaría súbditos democráticos porque se obedecen acríticamente as mensaxes do poder, porque se cede sen pensar ante a manipulación publicitaria ou informativa, porque se pechan os ollos ante a merma de dereitos, porque non se queren diferenciar os dereitos das apetencias, porque non se asumen os deberes nin as responsabilidades e se  prefire seguir na minoría de idade, porque se opta polo descoñecemento e o baleiro e se  deixa o esforzo e a inquedanza do coñecemento, porque se segue na lasitude moral do “todo vale”, de “todos son iguais”, de “quen puidera facelo”, porque se prega ante un sistema que non quere cidadáns críticos, senón súbditos que os voten cada catro anos e os aplaudan permanentemente.

Por todo isto, creo que estamos ante unha triste transmutación dos cidadáns en súbditos democráticos, que o único que fan é cargar coas cargas dos cargos.

Publicado no Progreso o 27-10-2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario