sábado, 2 de noviembre de 2013

“Lugh Augusti: Foro de Filosofía, Educación e Política”. Primeira edición: “Volver a pensar a democracia”



Carlo R. Sabariz

Aproveitamos este voo sabático da curuxa para anunciar que a próxima semana, os días 8, 9 e 10 de novembro, terá lugar no salón de actos da Deputación de Lugo o encontro “Lugh Augusti: Foro de Filosofía, Educación e Política”, organizado polo Grupo Doxa. Estas xornadas terán como finalidade desenvolver unha reflexión crítica e compartida que nesta, a súa primeira edición, versará sobre a democracia.

O evento proponse como foro, como lugar de encontro circular e horizontal no que se intercambian prácticas e coñecementos. Para elo, contaremos con certas personalidades para que nos acheguen o seu discurso, mais non co obxecto de convencernos ou sumarnos a algunha cruzada, non, o que procuramos é que arroxen luz sobre as problemáticas plantexadas, inviten a que cada un faga o seu propio exercicio crítico, e que se poida entón xerar un diálogo construtivo entre os asistentes.

As xornadas vehicúlanse a través de tres eixos: filosofía, educación e política. Tomando como núcleo o pensamento crítico, trátase de abordar unha reflexión co-participativa sobre o modelo de xestión da “polis”, a política, e sobre aquilo que nutre e sostén a cultura, o terreo educativo. Nun tempo no que se impoñen os discursos técnicos e especializados, estimamos fundamental unha visión máis integradora que se plantexe os problemas do cidadán de a pé dende o diálogo e a serenidade. Os expertos economistas falan de economía, pero a economía é un terreo epistémico que perde o seu senso sen unha regulación ou direccionalidade política. Pola súa banda, os expertos políticos teorizan sobre a organización política e social, falan de medidas, reformas e propostas, pero todas estas iniciativas perden chan se non se acompañan dunha reflexión sobre os valores que queremos poñer en xogo, ou o que é o mesmo, un pensamento político debe ir sempre acompañado dun pensamento ético. É por todo isto que estimamos esencial a formación dunha cultura democrática, e é a esta cultura á que quere contribuir a celebración deste foro.

O primeiro día contaremos con Ramón Cotarelo, catedrático de ciencias políticas da UNED, cuxa conferencia abrirá o debate e afondará nos ideais, contradicións e realidades da democracia. Na segunda xornada, o catedrático de filosofía Moisés Lozano fará unha valoración da educación así como unha reivindicación desta dende unha perspectiva galega. A continuación, Carme Adán, doutora en filosofía e deputada no parlamento de Galicia, reflexionará sobre a situación política na nosa comunidade. O sábado pola mañá, na terceira xornada, teremos unha mesa redonda con tres prestixiosos xornalistas: Caetano Díaz (Galicia Hoxe), Xosé Luis Gómez (Xeira Comunicación) e Lois Caeiro (El Progreso), que debatirán acerca da relación entre os medios de comunicación e o poder.

Para darlle unha dimensión máis horizontal ao encontro, haberá a continuación das conferencias un amplo tempo para a quenda de preguntas e respostas. Ademáis, os eventos serán retransmitidos en directo a través do sitio web, e na propia xanela do streaming poderase chatear ou participar a través de Twitter.

Coa organización deste foro, o Grupo Doxa quere sumar esforzos que axuden a pensar a situación de crise actual, aportar un grao de area a esa necesidade cada vez máis perentoria de ter que voltar a pensar a democracia.

Queremos invitar a todos os cidadáns, de calquera raza ou condición, a todas as persoas que queran pensar por sí mesmas, a que acudan a este evento e participen deste debate social que a tod@s nos atinxe.

Por último, agradecer o apoio da Deputación de Lugo (Vicepresidencia Primeira), do Concello de Lugo, así como do grupo El Progreso.

Publicado no Progreso o 3-11-2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario