GRUPO DOXA
Delegado de Cultura e Turismo da
Deputación de Lugo, compañeiros do grupo DOXA, poñentes deste II Foro Galego de
Filosofía Lugh Augusti, distinguido
público, boa tarde a todas e todos, grazas pola vosa presenza, grazas
Concelleiro de Cultura por colaborar co grupo DOXA para poder organizar estas
Xornadas e por cedernos esta sala, e grazas tamén aos que colaboraron con nós,
especialmente aos compañeiros Luis Suárez polo deseño do cartel e Anxo Rigueira
polo deseño do tríptico.
Quero destacar
en primeiro lugar a continuidade
deste Foro despois de ter feito o ano pasado a nosa primeira edición sobre a
democracia. As hemerotecas están aí para comprobar o que foron aquelas
xornadas, froito do traballo dun grupo escaso pero aguerrido, sostido con máis
ánimos que recursos.
Despois desa primeira
edición nos puxemos a deliberar sobre o tema para este ano, e pronto centramos
o noso proxecto na problemática do traballo, coa idea de que é un tema
acuciante no presente e todo fai aventurar que o será aínda máis no futuro; de
aí o título que lle puxemos finalmente, “O futuro do traballo”.
Para abordar a
cuestión do traballo e do seu futuro quixemos combinar diferentes perspectivas: a propiamente filosófica,
que nos dese o marco teórico desde o que abordar o tema e nos dese as claves
históricas para darlle sentido; e a perspectiva directamente social que incluíse:
as conexións políticas e económicas da cuestión do traballo, o enfoque
institucional, os condicionantes de xénero (que creemos esenciais), e a concreción
galega da temática.
Para
desenvolver estas diferentes perspectivas pensamos nas persoas adecuadas, e
finalmente acudimos aos poñentes que pasarán por esta sala entre hoxe e mañá:
O escritor e
ensaísta Antón Baamonde hoxe e a maxistrada Presidenta do Consello Consultivo
de Galicia Teresa Conde-Pumpido mañá nos poñerá diante das coordenadas máis
sociais e concretas do tema: as coordenadas incertas do noso país galego, e as
que se refiren á condición preterida da muller. E para albiscar os aspectos
máis teóricos do traballo, (contaremos hoxe co sociólogo Juan Luis Pintos
–lembrado profesor de moitos de nós na antiga Facultade de Filosofía de
Santiago-), (substituído por María Antonia Trillo Blanco), e mañá o ensaísta e
profesor da Universidade Complutense Carlos Fernández Liria. Pensamos que as
intervencións filosóficas non fuxirán de cuestións polémicas, serán amenas e
estarán animadas de tensión política –ou de incorrección política-.
Porque o asunto
da para posicionamentos incómodos e debates, e para longas excursións pola historia. Cando Platón pretende que o
modelo de orde da Physis sirva tamén para asegurar a orde social –para o que é
preciso instituír un goberno, e un dereito a mandar correlativo ao deber de
obedecer–, esa división entre gobernantes e gobernados vai servir para separar
a tarefa directiva do coñecemento respecto do servilismo da acción, encargada
só de executar ordes.
É corrente
contrapoñer o desprezo aristocrático dos antigos polo servilismo do traballo,
fronte á súa glorificación moderna. Sabemos que ese desprezo antigo tiña que
ver coa condición dependente e servil dos escravos, que es estendeu a todas as
tarefas ditadas pola necesidade ou polo interese. Os homes do negocio non tiñan
tempo para o ocio, que era a actividade creativa que realmente humanizaba ás
persoas e lles daba a oportunidade de ter unha vida contemplativa e superior.
Os comerciantes non eran plenos cidadáns –eran, como as mulleres, un servizo
esencialmente doméstico.
Os antigos non
tiñan unha idea unitaria do traballo, senón que separaban as distintas
actividades segundo a súa xerarquía (entre o servil e o creador e “poiético”),
e así atopaban xustificación para a escravitude.
Pero é a época
moderna a época do traballo, cando o traballo se unifica como concepto
abstracto, “traballo abstracto”, que se pode medir en unidades de tempo; o home
moderno é un “homo faber”, un animal que fabrica instrumentos, e que só a partir
desa habilidade manual se pode desenvolver despois o carácter racional do
“sapiens”.
A época moderna
inverte así a xerarquía antiga entre contemplación e acción, e considera o
pensamento ao servizo da actividade práctica, da fabricación, do traballo. Sera
Marx quen culmina a unificación moderna do traballo e o eleve a constante
antropolóxica sometida a diversas determinacións históricas; será Marx quen
considere ao ser humano como “animal laborans”; e será Marx quen acabe de
elaborar a teoría do “valor-traballo” que iniciaran os economistas británicos.
Co capitalismo, o home adquire conciencia da súa capacidade para producir
riqueza, e o traballo se vai convertir no factor principal desa produción de
riqueza. Onde antes se escoitaban as campás das igrexas e as trompetas dos
campamentos e os cuarteis, agora será o tempo das sereas das fábricas; e os
pobres pasan de pedir pan a pedir traballo.
O capitalismo é
un modelo de produción pero tamén de adquisición de riqueza: tal é a máxica
función que ostenta o Capital. Cando toda a esfera económica se monetariza, e
tanto as riquezas que da a terra como as que produce o traballo se convirten en
equivalentes do capital, o traballo vai ser a principal forma de relación
social e o terreo onde se xogan as posibilidades de realización humana, e tamén
onde nacen as novas formas de alienación. De tal xeito que se a centralidade
moderna do traballo pende da hexemonía do capital, a conclusión parece obvia:
repensar a fondo a cuestión do traballo leva a cuestionar a posición hexemónica
do capital.
¿Qué alternativas se nos ofrecen? Eu non
quixera entremeterme nos temas que seguramente plantexarán os nosos poñentes.
Pero algunhas ideas, e sobre todo vías de futuro, sí estamos desexando
escoitar. Se nos agardan formas de traballo liberadoras ou alienantes; se é
compatible a eficacia do traballo coa súa xestión democrática e cooperativa;
como se vai a distribuír o traballo no fragmentado corpo social.
Fálase de
competitividade, de flexibilidade e de moderación salarial, pero vivimos na
realidade do traballo escaso e precario. O drama do paro impide calibrar o seu
carácter estrutural, así como a sú eficacia para baixar os custes laborais,
acelerar as transferencias do público ao privado e acrecentar a acumulación do
capital. Os dramas do paro non deixan calibrar ben a profundidade da crise e
dos cambios que estamos a vivir.
Fálase da fin
do traballo, que nas sociedades posindustriais deixaría de ser o elemento
central na conformación das identidades colectivas e perdería relevancia como
actividade xeradora de valor. Pero está pendente, entre todos, decidir se nos
resignamos a unha crecente dualización social entre os que disfrutan do
traballo e os excluídos do mercado laboral (uns e outros sometidos aos
imperativos dunha mesma mitoloxía do traballo); ou se pola contra afrontamos
dunha vez a necesidade dun reparto do traballo, a redución do dominio da produción
mercantil, e o impulso de formas de actividade que escapen á lóxica
empresarial; en fin, se optamos ou non por unha sociedade máis libre, creativa
e cooperativa.
Non quixera
rematar sen referirme á difícil situación
pola que atravesa a filosofía e as negras expectativas que temos se
prospera a LOMCE. O público debe coñecer que nos próximos anos, coa LOMCE, a
filosofía verá reducido o seu currículo en dous terzos, ao perderse materias
enteiras na ESO e no BAC, e ao perderse tamén o carácter común da Hª da Filosofía.
Como xa temos expresado noutras ocasións, é o recorte máis duro e inxustificado
que sofren os estudos de Filosofía en toda a historia da democracia española; e
o grupo DOXA estivemos dando esta batalla desde o primeiro momento: emitimos un
comunicado denunciando a situación o 6/XII/2012; subscribimos en febreiro de
2013 un comunicado conxunto coa Facultade de Filosofía, a SOGAFI e a Aula
Castelao no mesmo sentido; participamos en marzo na campaña de envío de libros
de filosofía ao ministro J. I. Wert; emitimos outro comunicado o pasado 13 de
xuño abundando na problemática; e seguimos todo este último ano as campañas
reivindicativas orquestradas pola REF (¿Quen teme á filosofía?).
Agora a LOMCE
foi aprobada no Congreso e está a punto de selo no Senado, co que se están
cumprindo os prazos para a súa entrada en vigor o curso que ven. Repito: negras
expectativas para os estudos de filosofía en secundaria e despois na
Universidade; para a profesión filosófica; e estamos convencidos de que aí
reside un dos flancos máis débiles das nosas perspectivas sociais.
Así empezamos
este Foro, con ánimo reivindicativo, agardando que o que imos escoitar hoxe e
mañá sexa unha mostra de pensamento vivo, e dea para un traballo gozoso e creativo.
Que continúe
este Foro. Boas noites e benvidos a todos/as.
Moitas grazas.
Juan Carlos Férnandez Naveiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario