martes, 25 de octubre de 2016

Memoria ou abismo



Gonzalo Pérez López


Observar ás persoas que alternan momentos de perda e recuperación da memoria permite valorar a enorme incidencia desta no seu comportamento. Se con memoria predominan lucidez e accións coherentes, a ausencia provoca desorganización cognitiva e condutual e unha destrución da identidade que as achega ao abismo existencial.
O descrito é transferible do plano individual ao colectivo. A falta de memoria de sociedades e pobos conduce irremediablemente ao quebranto da conciencia de clase, á disolución da súa identidade e á conseguinte acción ou inacción social e política errática ao deixar en mans alleas o presente e o futuro. Por iso, para dotar ao presente de intelixibilidade e que non estea ao arbitrio dun azar que se superpón aos nosos intereses, temos que conectalo co pasado.
Igual que a análise do ADN é o máis preciso para a identificación individual, as sociedades teñen que atopar na súa memoria colectiva o que faga entendible o seu devir histórico ata o presente. Ademais da información xenética individual, hai un "ADN social" que porta información absolutamente relevante para manter a coherencia colectiva e operar como antídoto para alienación que provoca a desmemoria.
Somos memoria ou non somos nin seremos nada porque, incapaces de metabolizar o noso pasado, o presente e o futuro expresarán indefectiblemente a cronificación dunha realidade socialmente patolóxica.
Entón, ante a grave amnesia histórica que padecemos, a terapia pasa por reconstruír os feitos que propiciaron a desconexión co pasado e atopar as razóns ocultas que nos levaron ao nivel de esquecemento actual.
Iniciar esa reconstrución supón situarse na contraditoria transición á democracia orquestrada polas elites dominantes para perpetuarse no posfranquismo. Así, resulta comprensible que nunca se concretaran as condicións de verdade, xustiza e reparación, irrenunciables para transitar á democracia, que converteran o que foi unha loita de clases nunha guerra fraticida e que equipararan en responsabilidade a vítimas e verdugos.
Esta malograda transición impediunos detectar como a mentira, a corrupción, o medo, a humillación, os prexuízos e a imposición da condición de súbditos en detrimento da de cidadáns, aínda latentes e asumidas hoxe, asentan as bases psicolóxicas e culturais nos anos da ditadura cuxos perniciosos efectos transcenderon ao final formal da mesma.
A partir de aquí producíronse unha concatenación de esquecementos como a fame padecida neste país, que fomos emigrantes e refuxiados ou o sacrificio de xeracións enteiras para conquistar dereitos inherentes á persoa.
Con estes fundamentos, acadar o obxectivo da perda da conciencia de clase planificado polo capitalismo resultou moito máis doado. Durante un tempo empregou o que intencionadamente chamaron estado de benestar para anestesiar o sentido mesmo do social, insuflándonos un individualismo exacerbado, activando á vez o desbaratamento do público en favor dos intereses privados e incentivando o "sálvese quen poda" e "parvo o último" no reparto individual e desigual do limitado benestar ofertado. Así, deixamos de valorar que as conquistas irrenunciables, que non irreversibles, afunden as raíces na solidariedade diacrónica.
Este modelo individualista contaminou todos os ámbitos: laboral, cultural, mesmo o das relacións interpersoais, viciadas por intereses espurios, alleos á comunicación e á realización como persoas, que provocaron que grupos cada vez máis numerosos empezaran a sentirse externos á sociedade.
Asentadas estas premisas, o proceso de desclasamento da maioría desfavorecida foi imparable. Asociaron a antigalla e a anacronismo o uso de clase social como base interpretativa dunha realidade inocultable, como se o desuso do concepto garantise a desaparición da realidade que describe. Esta falacia foi maioritariamente asumida, incluídos os autoproclamados intelectuais e boa parte da suposta esquerda política que, afectados polo síndrome da posmodernidade e obnubilados pola banalidade máis estúpida elevada ó nivel de culto, renunciaron á comprensión obxectiva da realidade social lexitimando o status quo capitalista.
Así, priváronnos da ferramenta conceptual insubstituíble para explicar como a globalización económica, o paro endémico, o traballador pobre, a precarización laboral, o traballo sen remunerar, o crowdworking, a carga impositiva sobre as rendas do traballo, o aumento da desigualdade social e dos excluídos, o triunfo do pensamento único, os dereitos esfumados e a inhibición reivindicativa, non son máis que a manifestación actual do triunfo do capital na loita de clases.
Entenderase, entón, como a desmemoria nos conduce ó abismo ó impedirnos recoñecer que os que nos explotan, humillan, alienan e deshumanizan, sempre con puño de ferro, as veces con guante de seda, son os mesmos que o fixeron secularmente. Vítimas dun presente absurdo pola incapacidade para identificar con lucidez crítica o noso devir histórico, xacemos imposibilitados para construír o futuro como colectivo porque, esquecendo o pasado e con esta vivencia distorsionada do presente, o futuro estará definitivamente hipotecado e nunca será noso.


Publicado no Progreso o 1-10-2016

lunes, 24 de octubre de 2016

Martín Lutero e o inicio da modernidade



Elías Pérez Sánchez
 
Martín Lutero foi o principal artífice da Reforma Protestante, un fenómeno histórico complexo no que destaca o día en que proclamou as súas 95 teses nas portas da catedral de Wittemberg en 1517. O seu movemento reformador foi tamén posible grazas a diversos feitos acaecidos na tardía Idade Media como o nominalismo de Ockham que comezou a gretar a estrutura teolóxica e filosófica de Tomás de Aquino, o auxe dos novos estados nacionais que axudou a que o poder secular fose gañando terreo á Igrexa, o esborralle do Imperio xermánico no século XIII ao que lle seguiu o ocaso do poder temporal do papado cuxo nepotismo e perda de valores espirituais foron severamente criticados polo propio Ockham, Marsilio de Padua ou Wiclef. A Reforma de Lutero en Alemaña foi consecuencia dun movemento cultural amplo iniciado dous séculos antes ao que se lle sumou o Renacemento e o Humanismo de inspiración clásica dando lugar a unha época centrada no descubrimento do home e do mundo e cuestionadora da tutela clerical.
Difundidas polo recente invento da imprenta, as súas teses foron aceptadas pola incipiente burguesía, por sectores influentes da nobreza alemá e polo pobo, traspasando as fronteiras, estendéndose pola Europa continental e provocando a Contrarreforma católica, futuras tensións confesionais, sociais e políticas que desencadearán máis tarde nas chamadas guerras de Relixión. Para a Igrexa romano-católica, a Reforma e Lutero en particular provocaron a maior catástrofe da historia ao consumar a ruptura da unidade medieval de Occidente e instigar unha progresiva secularización do mundo occidental que se materializaría, máis tarde, na Ilustración.
A noción bíblica de Deus proposta por Lutero fronte á noción metafísica da Escolástica; a comprensión do evanxeo de Cristo como un poder re-creador dun Deus cheo de amor cara á humanidade; a súa noción de "palabra" en toda a súa plenitude (como Palabra de Deus e como protesta ante os excesos do poder temporal); o valor que lle concedía á educación como instrumento transformador da sociedade civil e como ferramenta para alcanzar a liberdade e a felicidade; as súas achegas teolóxicas a favor da convivencia pacífica e a súa aposta polo progreso social, fano precursor de autores como, Schiller, Goethe, Heine, Kant, Stuart Mill ou Herder.
Non houbo no pensamento de Lutero unha motivación exclusivamente relixiosa. As súas ideas axudaron a marcar o inicio da modernidade, da liberdade de conciencia, dos nacionalismos modernos, da revolución educativa europea, da exaltación dos valores culturais propios, da tolerancia e da xustiza.

Publicado no Progreso o 24-9-2016

Razón poética



Mar Carballo Cela



Que fermoso podería ser o mundo!" É unha frase sinxela, que ben seguro a calquera de nós se nos puido pasar pola cabeza en máis dunha ocasión cando contemplamos un atardecer. A beleza ten ese poder: sacar o mellor de nós; pero esta frase adquire moito máis significado cando a pronuncia -segundo unha anécdota relatada polo psiquiatra Viktor Frankl no seu libro O home en busca de sentido- cando a pronuncia, dicía, un dos seus compañeiros presenciando ese atardecer desde a porta dun infame barracón nun campo de concentración.
Moitas son as análises dedicadas a intentar explicar as raíces do mal. Que ten que suceder no corazón humano para que atrocidades semellantes sexan posibles? Pero non é este o tema que aquí pretendo -sería demasiado atrevido pola miña parte- senón a búsqueda incansable do ser humano dunha maneira de expresar iso que a palabra non lle permite, que a razón lóxica non lle permite porque resulta insuficiente.
Supoño que a algo similar se refería María Zambrano cando acuñou a expresión razón poética fusionando filosofía e poesía, razón e paixón. Zambrano criticaba o racionalismo no que caeu Occidente ao prescindir desa parte intuitivo-emocional que nos permite unha comprensión máis plena e profunda sobre a que construír unha sociedade de auténtico progreso.
Creo que un bo exemplo desa razón poética é a reflexión que motiva a frase que citei ó principio do artigo: nese momento o compañeiro de Víctor Frankl estaba vivindo no seu interior -xunto con todos os demáis- algo que non era capaz de expresar con exactitude, pero que podemos comprender imaxinando o contexto no que se pronunciou.
A razón científica pola que apostaron os ilustrados, sen dúbida, trouxo cambios valiosos, pero está incompleta: trouxo comodidades, grandes alivios médicos… Pero tamén trouxo as cámaras de gas. Xa o advertiron os filósofos da Escola de Frankfurt: a razón púxose ó servizo da técnica e perdeu a súa liberdade creadora para propoñer obxectivos, para pensar na clase de mundo que queremos. E perdeuna porque relegou a un segundo plano outras funcións igual de importantes que a lóxica: sentimento, intuición, emoción ética ante a beleza….
Todo iso que na mente dos prisioneiros estaba sucedendo cando se quedaron pensativos ante aquel atardecer. Nese momento comprenderon mellor o mundo que desde calquera laboratorio e sentiron, desde o inferno que estaban vivindo, toda a súa complexidade á vez que todas as súas posibilidades. Imposible expresalo se non era dunha maneira poética; non existen palabras que traduzan de maneira exacta esa vivencia.
A razón científica, coas súas leis universais, serve para controlar e predecir, pero pódese controlar e predecir sen comprender nada: "(…...) ocorre cando a realidade se repite tanto que ela mesma se proxecta por si soa cara o futuro. O risco é entón confundir comprender algo con estar afeito a ese algo", segundo Jorge Wagensberg, Yo, lo superfluo y el error. Para comprender precísase de algo máis que un siloxismo.

Publicado no Progreso o 17-9-2016