M. A. Martínez
De vagar a educación na nosa época posmoderna está a cambiar: substitúese o
programa formativo da cidadanía democrática por un proxecto de adquisición de
habilidades técnicas. Algúns trazos retratan este modelo educativo que se
acepta sen crítica e sen ponderar as súas consecuencias.
O primeiro é a transformación do que se entende por coñecemento e
ignorancia. Coñecer é posuír recursos intelectuais e morais para analizar,
comprender e actuar, con autonomía, sobre a natureza e a sociedade. Ignorar é
sinónimo de carecer deste saber e da capacidade de actuación moral
autoconsciente. Porén, a educación na posmodernidade rexeita os saberes que
proporcionan unha visión crítica, global, argumentada do mundo (ética,
filosofía). Valora como inadecuados os que dan sentido ás situacións e
contextos humanos (linguas clásicas, historia, literatura, arte). Inclusive
eliminará a ciencia (física, química, bioloxía, entre outras) do panorama
educativo. Esta visión é compartida, con matices, por tecnófilos felices
(McLuhan, B. Fuller), tecnófilos angustiados (Mumford na década de 1930),
tecnófobos esperanzados (Goodman, Illich, o último Marcuse), e tecnófobos sen
esperanza (Ellul, o último Mumford, o primeiro Marcuse). Todos sinalan que o
cambio acontecido pola especialización e tecnoloxización da contorna humana é
radical e irreversible. Primeira pregunta: este cambio é produto de decisións
conscientes e meditadas ou da entrega incondicional ás decisións dos
tecnocientíficos capitalistas posmodernos?
O segundo trazo segue a ser visible: o mundo da vida posmoderno, penetrado
até a cerna polas tecnoloxías da información e a comunicación, prescinde
progresivamente dos saberes. Substitúense por aplicacións vendidas (e mercadas)
como asépticas, neutrais, non ideolóxicas. Aplicacións cuxa obsolescencia fai
imprescindibles novas e máis refinadas aplicacións. Segunda pregunta: que
pasará cando a educación tecnolóxica produza persoas sen referentes nin
referencias intelectuais e morais para xulgar, ou criticar, a propia
tecnoloxía?
O terceiro trazo resulta menos patente. A educación posmoderna está a crear
un círculo pechado no que ningún saber ten sentido por si mesmo. Os
coñecementos só teñen significado se nos dispoñen para unha aplicación. A
novidade histórica radica en que a tecnoloxía posmoderna non necesita
xustificacións para seguir o seu camiño. O circuíto
especialización-aplicación-tecnoloxía xa non precisa lexitimacións para
funcionar. A súa presenza física é a súa xustificación. Sen dar razóns,
autoxustifícase. Terceira pregunta: que acontecerá cando para lexitimar a
existencia de calquera realidade non se recorra a argumentos, deliberacións e
debates, senón á forza do fáctico, do producido e do que é posible producir?
O cuarto trazo é a ruína da aprendizaxe dos saberes con fundamento. Creban
os fundamentos como a verificación crítica, o contraste experimental público, a
coherencia teórica, o consenso racional. A educación posmoderna cualifica de
relatos, perspectivas, narracións, os saberes máis sólidos. Promove o
relativismo intelectual coa escusa de redimirnos da inseguridade (dúbida
obxectiva, consciencia dos límites do saber, paradoxos) que introducen os
saberes sólidos e os seus métodos. Os saberes tórnanse irrelevantes por
estériles: non xeran innovadores produtos mercantís. No mundo da tecnoloxía
posmoderna cada resolución de problemas crea novos e complexos problemas e, xa
que logo, novos produtos e mercadorías. A automultiplicación de problemas é o
seu algoritmo reprodutor. Desaparece a busca da verdade, a saída da ignorancia,
a construción dun mundo verdadeiro e fraterno. Cuarta pregunta: impoñerase a
toda a poboación esta irrelevancia da aprendizaxe dos saberes fundamentais ou
excluiranse as elites, que continuarán a ser educadas nas ciencias duras e
humanidades clásicas?
O quinto trazo dedúcese do anterior: a omnipresenza física dos artefactos
tecnolóxicos e programas, eríxese como factor principal (e case único) de maior
desenvolvemento. Isto xustifica a satisfacción prioritaria das súas necesidades
e reclamacións cos recursos máis poderosos dunha nación ou estado (coa súa
conseguinte sobreestimación social). Quinta pregunta: que tipo discurso
ideolóxico (nin científico, nin filosófico) intentará convencer de por que hai
que prover de recursos ilimitados este novo modelo?
O sexto e último trazo é o que fai deste artigo algo non asumible pola
disposición posmoderna: ás razóns non tecnolóxicas négaselles o dereito e a
autoridade de interferir na dirección que toma o desenvolvemento. A nosa
reflexión, ao non dispoñer da capacidade de autoreproducirse con velocidade
técnica e aplicabilidade arte-fáctica, é indiferente. Tolérase porque, en
realidade, xa non existe neste novo mundo.
Publicado no Progreso o 12-04-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario