María del Carmen González López
Debe ser horrible como pai ou nai querer dar de comer a un fillo e non
poder. Ata hai pouco sabiamos que había países onde os pequenos morrían de
fame, pero agora hai que sumarlles os pequenos do noso país, seguramente
compañeiros dos nosos fillos que pasan fame todos os días, que comen ben só no
comedor do colexio, que lles custa vestirse correctamente, que na súa casa
pasan frío porque os pais non teñen cartos para poder pagar a calefacción, e
por iso poden caer enfermos máis asiduamente, que non poden pagar a luz, a
hipoteca, o material escolar…
É entón cando te preguntas en qué clase de mundo vivimos. A resposta é nun
mundo en que como consecuencia da crise se produce un rápido e progresivo
empobrecemento das familias.
Estase situando a España como segundo país da UE con maior índice de
pobreza infantil, superado só por Rimanía. Isto debería provocar unha reacción
inmediata do Goberno na procura de solucións e non a negación desta realidade,
demostrando unha falta de responsabilidade sobre a situación económica e social
que están a soportar as familias dende hai xa cinco anos.
Esta situación está a afectar non só a familias que xa eran vulnerables
(inmigrantes, con persoas dependentes..), senón a calquera familia onde se
produza unha perda de emprego, e como consecuencia que aparezan cada vez máis
familias en risco de exclusión social, estendendo por isto segúndo estatísticas
feitas «aquelas persoas que só teñen un 60% do ingreso medio do resto da
poboación, as que teñen entre o 40% e o 50% son denominadas pobres e as que
teñen menos do 40% sitúanse na pobreza extrema».
A situación como apunta Gabriel González Bueno, responsable de Políticas da
Infancia en España de Unicef «non é só que haxa máis pequenos pobres en España,
senón que cada vez son máis pobres». Todo isto é moi preocupante tendo en conta
que os nenos son o noso futuro e todos deberían ter as mesmas posibilidades de
desenvolvemento, e estámolos deixando atrás dentro do conxunto da poboación.
España está tendo a maior taxa de abandono escolar de Europa, o que demostra
que a situación económica que estamos a vivir está impedindo a igualdade de
oportunidades e xerando discriminación hacia as familias con menos recursos,
cando todos deberiamos saber que a educación é o sistema de combater a
transmisión interxeracional da pobreza.
Igualmente os estudos revelan que «o 12% da poboación española que traballa
non gaña o suficiente para escapar da pobreza», nun país que xunto con Grecia
experimentou o maior incremento do desemprego dende o inicio da crise. Como
consecuencia moitos cidadáns víronse obrigados a buscar traballo no estranxeiro,
e se isto fora pouco o Estado diminuíulles as prestacións sociais. Dende que o
Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional e Comisión Europea
decidiron o rescate bancario e as reformas, que consistiron en baixar os
salarios dos máis desfavorecidos e das clases medias, en recortar os servizos
sociais que garantían a protección social na infancia, enfermidade, xubilación,
somos máis pobres e todo por culpa da política chamada de «austeridade» que
propicia o Goberno do PP que está a violar os dereitos fundamentais de gran
parte do pobo español, que depositou a súa confianza en políticos inútiles,
mentirosos e corruptos.
Que será destes nenos e destas nenas cando sexan adultos?
Publicado no Progreso o 26-4-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario