Mar Carballo Cela
A competencia é
un substituto sublimado da guerra» (John Maxwel Coetzee). Se nos preguntasen,
ninguén de nós se atrevería a defender a guerra como mellor estratexia de vida,
pero en cambio moitos pensan que a competencia é un mecanismo xusto para manter
a estabilidade social. O certo é que non só no campo de batalla se perden
vidas: no silencio e a soidade das casas e das rúas de calquera cidade
‘desenvolvida’, tamén; e, en moitas ocasións, froito dunha encarnizada
competencia.
Desde que se impuxo o paradigma neodarwinista como
modelo explicativo da evolución natural, temos fortemente interiorizado que a
vida é esencialmente loita e competencia, e non foi difícil asumir o modelo
capitalista como inevitable dado que, supostamente, se axusta a unha lei
invariable da natureza humana. A política económica neoliberal non sería máis
que a consecuencia natural dun mundo no que, ó non haber suficiente para todos,
nos vemos obri gados a unha loita permanente na que vencen os máis fortes.
Pero, é iso certo? Sería posible explicar a natureza e a sociedade baixo outro
paradigma? Cando menos, podemos intentalo.
Xa hai tempo que a bióloga estadounidense Lynn
Margulis (1938-2011) defendeu unha teoría na que os organismos non sobreviven
como resultado da competencia e a loita entre eles, senón moito máis a miúdo
como consecuencia da colaboración. A base desta teoría sería a simbioxénese,
segundo a cal ditos organismos conseguirían sobrevivir grazas á cooperación,
integrándose noutras forma de vida máis complexas e estendendo toda unha rede
de interaccións e mutua dependencia; e, o que é aínda máis interesante, estas
entidades máis complexas non competirían por un medio externo de recursos
escasos para desprazar a outras, senón que terían capacidade para modificar o
ambiente de maneira favorable creando novos recursos. Pura poesía social….non
lles parece?
Xa sabemos o difícil que resulta desbancar os paradigmas
dominantes que tantos anos levan admitidos pola comunidade científica, pero
finalmente Margulys conseguíu (non sen esforzo) que a súa teoría fose aceptada,
aínda que só para un restrinxido ámbito da ciencia biolóxica: para describir a
orixe das células eucariotas; pero sempre estivo convencida de que era este
paradigma o que mellor podía explicar a vida en termos xerais. Parece ser que,
ante a insistencia dos defensores da loita pola supervivencia, adoitaba
proporlles o seguinte: «¿Sabían vostedes que o estómago das vacas non pode
dixerir a herba e son as bacterias que habitan dito estómago as que, formando
un conxunto simbiótico coa vaca, metabolizan a celulosa e permiten que o animal
viva?»
Desde logo, baixo este modelo, non é certo que o
capitalismo se axuste a unha lei inmutable da natureza, máis ben atenta contra
ela. De feito, atreveríame a afirmar que estamos aquí non precisamente grazas á
loita que este sistema defende, senón a pesar dela: grazas ós reaxustes que
impiden que a pura competencia desequilibre fatalmente a sociedade. ¿Cómo sería
un mundo sen acordos, sen intervencións estatais, sen axudas sociais… sen
colaboración e altruísmo? ¿Sería un mundo no que poder vivir? Logo, ¿por que
aceptamos o reduccionismo da teoría da competitividade? Esta teoría, desde
logo, é fantástica para lexitimar un tipo de sociedade na que uns poucos se
enriquecen a costa de fomentar a loita despiadada entre os moitos. Unha loita
que nos vemos obrigados a asumir para sobrevivir nun contorno no que eses poucos
deciden a canto debemos aspirar e en que orde.
Os paradigmas explicativos da realidade son
reducionistas, destacan certos aspectos e obvian outros de maneira que permitan
construír unha argumentación o máis sinxela e coherente posible; e, en moitas
ocasións, a selección de aspectos destacables está dirixida por intereses ou
simplemente é aproveitada por certos sectores dominantes ó coincidir cos seus
fundamentos ideolóxicos. A quen pode beneficiar se non a teoría da
competitividade?
Basta con facer un exercicio de cambio de perspectiva
para darse conta de que as nosas vidas se sustentan, fundamentalmente, nunha
rede de cooperación social que diariamente fai posible a nosa existencia: para
iso vivimos en sociedade. E desde esta óptica, a competencia ben pode ser un
obstáculo a pesar do cal seguimos aquí.
Quen dixo que as ideas non moven o mundo?: imaxinen o
que sucedería se cada un de nós estivese intimamente convencido de que é a
colaboración o que nos mantén vivos.
Publicado no Progreso o 3-5-2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario