domingo, 21 de septiembre de 2014

A terra prometida




Mar Carballo Cela

Fáganse unha pregunta: cantas persoas cren que se decantan por unha opción electoral desde unha auténtica comprensión do funcionamento da súa sociedade e das ideoloxías que ditas opcións representan? Ou, o que é o mesmo, canto hai de fe e canto de coñecemento cando a cidadanía decide o seu futuro? (Quédense coa palabra “futuro” porque volveremos sobre ela).
Proudhom afirmaba con rotundidade que os gobernos se sustentan sobre a fe das masas. Pero contra a fe só hai un antídoto, a ausencia de medo. Como dicía Baltasar Gracián “de nada serve que a razón se adiante se o corazón se queda”.  Non é ningún segredo que a manipulación precisa do medo, pero gustaríame facer unha reflexión sobre a súa relación co futuro, porque o medo é sempre do futuro.
Distanciémonos por un momento das nosas categorizacións culturais e acheguémonos ás de outros pobos radicalmente diferentes ó noso. Isto axudaranos a comprendernos mellor xa que ante as diferenzas xorde a inevitable pregunta de por que somos como somos, e a busca de respostas fainos un pouco máis libres.
Nos anos 1980 o lingüista Daniel Everett viaxou a Brasil como misioneiro coa fin de evanxelizar á tribo Pirahá. Despois de vivir moitos anos con eles non só non conseguiu convertelos ó cristianismo senón que el mesmo se volveu ateo, o cal nos indica que estamos ante un pobo difícil de manexar. No seu imaxinario non tiña sentido un creador: “todo é o mesmo”, respostaban; pero o que máis chama a atención do seu estilo de vida é que viven aferrados ó presente, non prestan a máis mínima atención ó futuro, por iso se torna imposible manipulalos.
Calquera tipo de manipulación ideolóxica, ben sexa relixiosa ou política, necesita de individuos cunha forte proxección no futuro: se non hai ningún paraíso prometido, que razón temos para aceptar as imposicións e os sacrificios do presente? Por iso se fai necesario desapegarnos do agora e instalarnos nesa outra vida imaxinada por chegar, sen a cal non pode haber fe. Porque aínda que nos pareza o contrario, dado que vivimos na era do inmediato, sucédenos o contrario que ós Pirahá: non lle prestamos ningunha atención ó presente (sempre incompleto), vivimos na permanente fuxida cara adiante propia dunha sociedade que alenta a insatisfacción; e así pois, máis que elixir aquelas opcións políticas polo que están facendo hoxe coas nosas vidas, aferrámonos ás promesas dun mañá ilusorio, dunha terra prometida, sen ter en conta que o que non é capaz de construír un presente digno, que aquel ó que non lle importa deixarnos na rúa hoxe, tampouco  lle vai importar o que suceda con nós mañá.
En definitiva, que sen auténtico coñecemento non pode haber unha praxe liberadora, e isto ha de empezar por coñecernos a nós mesmos, como sabiamente afirmaba Sócrates. Se un non se coñece a si mesmo, a orixe dos seus medos e as relacións que en base a eles establece cos demais e co poder, dificilmente será capaz de decidir a súa vida. No fondo, seguimos sendo como o pobo de Israel guiado polo deserto cara unha terra prometida, aceptando os sacrificios do camiño a cambio dun lonxano espellismo. Pero a pregunta esencial, a que me interesa que respondan é a seguinte: que estás disposto a facer neste momento por min? Non me importa o que estés disposto a facer no futuro, porque no futuro volvereiche facer a mesma pregunta. O futuro vaise construíndo solventando xusta e intelixentemente as dificultades presentes para enfrontarse ó mundo. Non é certo que non existan solucións para mellorar a nosa vida actual, os amos sempre tiveron na súa man aliviar o sufrimento diario dos escravos, sempre hai maneiras de influír de inmediato para unha maior xustiza social, cousa diferente é que non sexa útil para determinados intereses.
Non só nos marcan o ritmo ó que debemos vivir (pensen por que levan un reloxo no pulso e que relación garda isto co sistema de produción capitalista), a miúdo tamén nos rouban a experiencia de vivir  a cambio de soñar.

Publicado no Progreso o 19-7-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario