martes, 28 de abril de 2015

Lomce, filosofía e (des)educación



Elías Pérez Sánchez

O Anteproxecto de Decreto polo que se establece o Currículo da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato na comunidade autónoma de Galicia elimina tres das catro materias que viñan compoñendo o ciclo completo dos estudos de Filosofía na Eso (a Educación para a Cidadanía de 2º da Eso, a Educación Ético-Cívica de 4º da Eso, e a Historia da Filosofía de 2º de Bac) deixando só una materia obrigatoria (a Filosofía de 1º de Bac, e con duas horas lectivas semanais) o que supón una redución do 75% do currículo de Filosofía. Esta merma no currículo minguará a capacitación do alumnado galego para afrontar a proba de reválida establecida polo Ministerio de Educación e Ciencia para todo o Estado español, entre outras razóns porque na maioría das restantes comunidades autónomas a carga horaria semanal será de tres ou incluso catro horas semanais, manténdose inalterable o conxunto de estándares de aprendizaxe que constitúen o perfil de área da materia de Filosofía (incluso ampliando ditos estándares con respecto áos existentes na actual LOE).
Por outra banda, dito anteproxecto reduce a Historia da Filosofía de 2º de Bac a un mero ornamento educativo e formativo converténdoa nunha materia optativa, meramente discrecional para o alumnado galego, e situándoa dentro dun entorno de opcionalidade irrealizable. Novamente, tamén cómpre dicilo, sufrindo un forte agravio comparativo con respecto a outras comunidades autónomas nas que mantén un rango de materia específica obrigatoria cunha carga de tres horas lectivas semanas.
Semellante amputación dos estudos de Filosofía e Ética provoca, canto menos, estupor, indignación e vergoña. Relegar á Filosofía á dubidosa categoría de asignatura banal, marxinal e irrelevante contradí clamorosamente a Declaración da Onu do ano 1948 na que proclamaba que «a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos ou relixiosos...». Neste sentido, pódese dicir que a política educativa (o espírito que subxace no anteproxecto) contravén claramente o acordado pola Onu e demais organismos supranacionais que defenden e proclaman a necesidade de reforzar as humanidades en xeral -e a Filosofía en particular- coa fin de que os futuros cidadáns reciban unha educación en valores que contemple a solidariedade, a paz, o respecto polos dereitos humanos e que poidan despregar o seu potencial intelectual, emocional, social e crítico.
O saber filosófico é patrimonio da humanidade. Conmove ler os diálogos de Platón cando, ao fío dos problemas sobre a xustiza, a beleza ou a educación desenvolvía todo un instrumental teórico cuxa finalidade última era o despregamento do coñecemento para facer da vida humana unha vida máis digna en todos os sentidos. Inquieta lembrar como Ortega y Gasset, intentando comprender os motivos fundamentais da profunda crise política e social que asaltaba ás sociedades europeas durante o primeiro terzo do século XX concluíu, no seu ensaio ‘A rebelión das masas’, que «o bárbaro actual», aquel baixo o que se esborrallaba a civilización europea, era o especialista, o que perdera a noción dun saber que superase as fronteiras do coñecemento monomaníaco dunha pequena porción da realidade; aquel que perdera o interese pola «cultura xeral» conformada por distintos saberes. É ese «bárbaro especialista» o obxectivo explícito que da educación teñen determinados políticos. Un «bárbaro especialista» sumido no acriticismo dogmático, unha «máquina utilitaria» (en palabras de Marta Nussbaum) manexable e incapaz de achar respostas ás incertezas dunha sociedade tan complexa e global como a actual.
A extinción da Filosofía implica o descoñecemento da orixe da cultura occidental, leva consigo un desprezo das virtudes cívicas, a deterioración do pensamento crítico e a renuncia á excelencia académica. Tomemos nota.

Publicado no Progreso o 25-4-2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario