José Domingo de Prada
“Mirar e ser mirado”, velaí o lema das relacións sociais do século XXI. Esta
é a nova socialización. Desde o berce, o primeiro que agora se ensina, e o que se
aprende con máis entusiasmo, é a mostrarnos e a observar. Parece como se actualmente
xa non fixera falta estruturar sociedades que busquen o ben común, tampouco incrementar
a felicidade acadando ideais éticos ou compromisos solidarios con outros, senón
que é suficiente con mostrarnos ou con mirar o que publican outros. Polo menos,
ao que máis se atende nestas sociedades é a isto último.
Este novo modelo social fundaméntase na exhibición, pero non xorde da nada.
O terreo vén sendo preparado dende mediados do século pasado: o xurdimento e
expansión dos medios de comunicación e a conseguinte facilidade para acceder á
imaxe, fotografía nun primeiro momento, foto despois (é altamente significativo
como o avance na cotidianidade do uso das imaxes exprésase lingüisticamente
nunha formulación máis sinxela que fai o nome moito máis familiar) son a base
sobre a que se levantan os mitos finiseculares das aparicións televisivas e os
denominados ‘minutos de gloria’, nos que o importante é que te vexan, aínda que
sexa ao prezo de mostrar o máis lamentable dun mesmo. O substituto do minuto de
gloria maniféstase nestes tempos de xeito exponencial e permanente, son os
grupos de seguidores das distintas redes sociais.
Os antigos ‘clubs de fans’ agora reconvertidos en ‘grupos de seguidores’ popularízanse
ata o punto da masificación e irrigan a vida social. Dáse aquí unha dualidade:
aqueles con relevancia social utilizan estas redes para dicir e amplificar o
que lles interesa que se saiba ou para confundir con medias verdades ou
directamente mentiras. Fan un uso interesado e consciente da amplificación que
se lle vai dar as súas mensaxes e incluso da imposibilidade (real) de non
oílos. Por outra banda, están os que carecen desta singularidade social,
calquera de nós. Estamos todos en situación de ter, ou poder ter, o noso propio
grupo de seguidores (ou varios nas distintas redes sociais). A única condición
é participar como seguidor doutros. Así, vanse producindo agregacións de
individuos seguíndose mutuamente sen obxectivo nin propósito.
A función principal destes grupos é a exhibición e o acirro mutuos. Pero
que se exhibe e acirra? Nada, absolutamente nada, o máis vulgar e cotiá da vida
dos suxeitos, calquera frusleria ou calquera mediocre interese. Pois aquí está
a base do problema. As novas relacións sociais son baleiras. Non aportan nada,
non defenden nada, non pensan en nada, non manifestan nada senón a si mesmas. A
súa única pretensión é verse replicadas; ao careceren de ideais chégalles con
repetir a súa propia imaxe; son, en fin, mero formato sen contido, pura exposición
de si.
Pois resulta que este xogo de espellos que podería parecer o último grao da
ultramodernidade, xa é vello. Se nos retrotraemos un pouco, quizais entendamos
que as novidades ás que nos enfrontamos tampouco son tan novidosas (tan só é recente
o aparato técnico que as sustenta) e incluso poidamos comprender como esa
tendencia humana á repetición é a que marca o signo das variacións, máis por
detalles que por aportacións desmesuradas.
Unha magnífica ilustración disto ofrécea Stefan Zweig. Deixémonos conducir
por el ata a Exposición Universal de Bruxelas de 1910. Analizándoa, o autor
describe como todas as cousas alí expostas perden o máis íntimo, perden a súa
esencia. A propia exposición degrada á vida considera o autor austríaco,
deixándoa nunha simple imaxe, illándoa da súa realidade. Prosigue analizando como
o único propósito é satisfacer a ociosa curiosidade do transeúnte. Supoño que
en ningún caso albiscou que se chegaría a montar unha exposición, esta vez case
si, universal, na que os obxectos expostos nos andeis dixitais non foran xa
cousas ou animais, senón os propios suxeitos exhibidores. Con todo, Zweig si que
explicita como poden rematar as cousas, xa que só hai un final posible e el
logrou describilo con gran precisión. A exposición (toda exposición) é posible
por un condicionante humano básico que se hiperdesenvolve na masa (e se
atrofia, cando se logra atrofiar, no suxeito): a comodidade. A comodidade de
mirar o que se exhibe polo mero feito de que é exhibido por alguén que reclama
a nosa atención sobre algo. Acudir para deixarnos distraer nesa ociosidade
permanente é consentir en formar parte do espectáculo, o mesmo ocorre cando
vivimos na excitación da rede pois pasamos a formar parte dela.
Se as Exposicións Universais carecían de sentido sen as riadas de xente percorréndoas,
e mostrándose ociosamente asombradas polas taxidermias da realidade exhibidas, igualmente
as redes sociais carecen de sentido sen os suxeitos exteriorizados na súa
banalidade (Sartre falaría da cousificación ante a mirada do outro) a un tempo
utilizados como reclamo á vez que eles utilizan preguiceiramente o que lles
ofertan, sen ánimo nin capacidade para demandar outra cousa que o que lles dan.
Publicado no Progreso o 16-3-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario