lunes, 25 de marzo de 2019

Opinión, crenza, identidade


Xosé Ramón Cando Vázquez

Lembro decote a expresión de meu avó cando se producía algunha discrepancia de carácter doméstico: “A min xa non me educades”, igualmente a dun veciño cando lle facían notar a ausencia de información que motivaba  a súa toma de posición sobre algún aspecto concreto: “Eu para min sei abondo” ou, na actualidade, a vontade irrenunciable dunha persoa de seguir mercando coches de motor diésel, mais alá de toda consideración sobre prestacións, consumos ou contaminación. Son tres exemplos de como as persoas experimentamos a tentación de travestir de crenzas as opinións e incorporalas ao cerne do noso ser, á identidade. Nos tres casos asistimos a manifestacións defensivas  ante  o que se interpreta como unha agresión na que se ve afectada a identidade da persoa polo que as reaccións mencionadas se expresan de xeito alporizado.
Na manifestación do pasado 8 de marzo, anatema para o PP e para outras forzas políticas, coincidín con algunha persoa que, estando próxima en moitos aspectos ao ideario defendido por ese partido, consideraba necesario manifestar o seu apoio ao desenvolvemento da xeira pola igualdade real de mulleres e homes, independentemente das consignas ditadas dende o mencionado ámbito político. É probable que algunhas outras persoas considerasen xusta e necesaria a citada manifestación pero non participaron por non prexudicar o proxecto político co que se senten identificadas. En relación co 8 de marzo, un último exemplo, a descualificación á que unha persoa manifestante foi sometida, mais tarde, por outra persoa que era contraria a esa marcha á que definiu como “manifestación de Podemos”. As persoas citadas ao inicio gozan dun grao de autonomía persoal e ideolóxica que debería ser habitual pero que resulta “anormalmente” rara. Non sucede o mesmo coas outras persoas que sen valorar a xusteza e a necesidade da reivindicación que tiña lugar, mostráronse como prosélitos, ou mais ben, como membros dunha seita na que non é posible ter opinión propia, acatando  de maneira acrítica as directrices dunha opción política, mais alá da afinidade, ou non, con todos e cada un dos aspectos da mesma, ou sexa, convertendo esa opción política en parte integrante do seu ser.
Asistimos, decote, a agresións contra persoas que tendo unha cor de pel particular, unha procedencia estranxeira, unha relixión diferente ou uns criterios morais distintos non resultan aceptables para determinadas persoas que, polo demais, se consideran propietarias do país. Igualmente, existen agresións contra persoas que expresan os seus afectos da maneira que mais lles peta e que tampouco son do gusto dos mencionados grupos sociais (en esencia, os mesmos) dándose en ambos casos unha violencia sobre vítimas que se limitan a vivir de acordo coa lexislación do estado, sen agredir, obxectivamente, a ninguén pero cuxa presenza pode percibirse como nociva en canto producen interrogantes que determinadas identidades, non moi elaboradas, son incapaces de soportar. O obxectivo das mencionadas agresións consiste na desaparición das persoas como único xeito de facer desaparecer os furados que fan aparecer na identidade dun número importante de persoas.
Se as opinións sobre educación, sanidade, migracións, igualdade, convivencia territorial, pensións, axudas á dependencia, redución do paro, tratamento dos custes laborais, fiscalidade e fraude fiscal, tratamento da mocidade, etc., acadan o status de crenza presentarase un obstáculo insalvábel para o mantemento dos dereitos e as liberdades democráticas, cuxo fundamento é exclusivamente o diálogo e esta é unha herba feble que non pode superar a barreira da intransixencia. Non pode haber diálogo entre partidarios de alternativas diversas cando ditas alternativas forman parte da identidade das persoas, ninguén está disposto a poñerse en risco a sí mesmo porque cando as opinións políticas se converten en crenzas xurde o medo de perderse a sí propio.
Sendo así, non pode haber diálogo entre partidarios da España imperial e partidarios da Catalunya irredenta, non pode haber diálogo entre partidarios da monarquía como institución intrínseca de España e partidarios da república como único xeito de democracia, non pode haber diálogo entre partidarios do adoutrinamento relixioso e partidarios do laicismo “comecuras”, non pode haber diálogo entre partidarios do feminismo revolucionario e partidarios do machismo ancestral, non pode haber diálogo entre partidarios do español como única lingua en toda España e partidarios do galego tamén como única lingua en Galicia.
Os humanos precisamos certezas para sobrevivir pero a experiencia (a historia) móstranos que non sempre son verdade (poucas veces son verdade) polo que non estamos moralmente autorizados a transmutalas en crenzas e incrustalas no noso cerne, no noso ser, na nosa identidade.

Publicado no Progreso o 23-3-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario