miércoles, 4 de diciembre de 2019

Os límites do tolerable


Mar Carballo Cela
 
Dicía o escritor Elie Wiesel, Premio Nobel da Paz en 1986, que cando chega o odio xa é demasiado tarde. El viviuno en carne propia, sobrevivente dos campos de concentración nazis de Auzchwitz e Buchenwald foi vítima do discurso do odio.
Se deixamos que sinalen grupos humanos como culpables dalgunha das nosas situacións persoais e sociais (estranxeiros, mulleres, homosexuais, xudeus…), se lles aplicamos a eses discursos, equivocamente, a equidistancia da liberdade de expresión, estamos favorecendo que o odio enraíce no corazón de gran parte da poboación (sempre hai motivos para buscar un culpable) e unha vez instalado xa non permitirá argumentos, porque as emocións poderán máis. O odio cultívase, fabrícase, e sempre se dirixe cara a aqueles grupos que caen baixo a categoría de “os/as outros/as” ós que, no fondo, se pensa que xa se lles fixeron suficientes concesións, por iso non deben pedir demasiado: ser iguais.
Cando a cúspide da xerarquía do poder se sente ameazada, porque os privilexios e os roles sociais se removen, esta reacciona. E a este respecto resulta interesante a análise que leva a cabo Michael Kimmel, sociólogo estadounidense especialista en estudos de xénero, sinalando como factor determinante do movemento reaccionario actual en occidente o avance de políticas públicas favorables ó feminismo. En “Hombres Blancos Cabreados: La masculinidad al final de una era” (2013) explica como unha parte da poboación masculina interpreta estas políticas como unha penalización da súa condición de homes, sendo aproveitado este descontento para mobilizalos cara á movementos ultraconservadores que reafirmen a súa masculinidade (medidas políticas  máis contundentes propias de “homes de verdade” así como defensa de prácticas culturais agresivas, negacionismo con respecto da violencia machista e rexeitamento da educación para a igualdade, homofobia, supremacismo, etc). Vitimízanse ó ver cuestionada a identidade de dominio na que foron educados, séntense perdidos, incluso humillados, e reaccionan con rabia. Desde logo, non é a única causa, pero si unha das máis potentes continuamente presente nos seus discursos, o cal demostra que sen unha análise de xénero non podemos entender a profundidade da realidade política (non esquezamos que os seus votantes son moi maioritariamente homes).
Se mantemos unha actitude xeneralizada de neutralidade ante a narrativa  do odio estamos desprotexendo ás vítimas e alentando ó verdugo, porque non tomar partido é sempre tomar partido. Estamos ante o paradoxo da tolerancia que xa Popper presentou despois dos sucesos acaecidos na Segunda Guerra Mundial, e que nas democracias actuais volvemos recuperar como reflexión fundamental sobre os límites do tolerable hoxe en día.
Creo que é unha obriga cidadá impedir que se normalicen discursos que inciten ó desprezo e ó rancor, protexendo sempre un núcleo duro de valores fundamentais de respecto á dignidade humana. A homofobia, a xenofobia, o machismo atopan novas formas de manifestarse, agochándose en relatos que atentan gravemente contra esa dignidade, danan ás persoas no máis profundo e destrúen vidas inxustamente. Que motivo hai para permitir contalos?
A democracia enfróntase, probablemente, ó seu reto máis difícil: ata onde pode dar voz e cabida ós seus propios inimigos sen risco de ser destruída? En que punto se atopa esta liña que nos advirte do perigo real de traspasar os límites da nosa propia autodestrución como organización política tolerante?
Quizáis tiña razón Platón, e a evolución natural propia da democracia lévanos de novo á tiranía debido á aparición de demagogos que nos manipulan, pero autoconvencernos do inevitable do devir histórico non leva máis que á lamentación inmobilista.
A periodista turca Ece Temelkuran, na súa obra “Cómo perder un país: Los siete pasos de la democracia a la dictadura” (2019), alerta a occidente de que a democracia hoxe tamén se pode perder nas urnas e que, de feito, esta é a vía pola que está en risco de perderse, permitindo que mensaxes sinxelas que sinalan inimigos fáciles de identificar ós que poder responsabilizar dos nosos males, callen nos sectores que, por calquera motivo, se senten máis vulnerables. Este é un recurso doado de acceso ó poder, pola simpleza das súas explicacións e a eficacia para identificar a causa, aínda que sexa falaz, dos problemas sociais. Deste xeito créanse votantes desinformados que toman decisións irracionais sen ter conciencia de que atentan, incluso, contra os seus propios intereses ( Chomsky).
Xa non será un golpe de estado, nin unha revolución. Se o permitimos, será mediante o exercicio democrático das eleccións.

Publicado no Progreso o 30-11-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario