domingo, 21 de diciembre de 2014

A perversa idea de clase media



Gonzalo Pérez López

Todos os índices e informes recentemente publicados sobre España (índice Gini, informes de Oxfam, Cáritas, mesmo os da OIT ou da OCDE) contribúen teimosamente a desvelar as falacias que sosteñen esa ficción, coidadosamente construída polo capitalismo dominante, que é a idea de clase media. O incremento da desigualdade medra sen parar, especialmente no último lustro, a brecha entre ricos e pobres e, particularmente, entre uns poucos que acaparan o poder socioeconómico e a maioría da poboación que o padece, converteuse nunha sima insalvable que patentiza a desaparición desa entelequia groseiramente alimentada da suposta xeneralización do que se deu en chamar clase media, que contou coa reiteración calculada de retrousos como «todos somos clase media», que fixeron furor neste país. Dado que a cantilena resultaba intelectualmente insostible, foi reforzada cunha matización formal espacial que se repetía tamén como se do resultado dunha análise científica da realidade social se tratase: «media-alta, media-media, media-baixa», sempre con media diante, a modo de ritual propiciatorio para o adormecemento social masivo.
Esa amplísima franxa acrítica da sociedade que nos ocupa, soporta impasible o desmantelamento e a privatización de servizos sociais básicos, que ela mesma contribuíra a crear, cara a súa conversión en obxecto de mercado. Imbuída dun individualismo paralizante e atordada pola eterna promesa de ascender un chanzo na escaleira social, a costa de que os que veñen detrás se precipiten escaleiras abaixo, sigue sobrevalorando as súas posibilidades de realizar o sempre posposto anhelo, incluso neste momento no que a orxía antisocial do neoliberalismo condena ós seus formados fillos a converter en soño a realizar o que seus país consideraron conquistas irreversibles.
 Por que acepta, por exemplo, a sobrecarga de impostos indirectos, inxustos per se, asumindo a regresividade actual dos directos, que a elite é especialista en evadir, deteriorando  servizos públicos, dos que só uns poucos privilexiados poden prescindir? Por que aceptan a socialización das perdas, contribuíndo ó rescate da banca tras o seu desfalco, e renuncian á socialización das ganancias, vía nacionalización, picando, ademais, o anzol dos produtos timofinanceiros, que extraen os  beneficios do sacrificio e da eterna aspiración frustrada de enriquecerse deste conglomerado social desclasado?
A percepción dos seus intereses obxectivos como colectivo está tan distorsionada que nos sitúa ante unha poboación hipnotizada, que se autosuxestiona da súa pertenza a unha clase que non é tal, unha ficción que, aínda que carece de operatividade científica, impídelle tomar conciencia dos seus intereses reais, cumprindo a misión de actuar como parapeto e colchón para salvagardar os da clase mundialmente dominante e dos seus satélites estratéxicos. Esta propaganda falaz cala tan fondo que incluso gran parte dos que padecen importantísimas carencias a asume plenamente como expresión da súa situación real no espazo social.
Hai unha investigación que resulta paradigmática para confirmar ata que punto callou esta andrómena do poder. Seguindo criterios obxectivos para valorar o poder económico e social (nivel de renda,… ), distribuíuse a mostra obxecto da análise en cinco estratos, pedíndolles ás mesmas persoas que se situaran onde pensaban que se atopaban realmente. Nos únicos nos que coincidían a súa autocualificación coa situación obxectiva era nos privilexiados do estrato superior. Nos catro estratos restantes, agás unha minoría que asumía a súa práctica marxinación, a tendencia maioritaria era a situarse tanto máis por riba da realidade canto máis abaixo estaba na distribución obxectiva de poder.
Este desenfoque, que se mantén aínda neste momento no que a crise acelerou o proceso de proletarización e o empobrecemento de boa parte da poboación, resulta pernicioso para os seus intereses, operando como un factor psicosocial que contribúe ao incremento das diferenzas de clase, xa que, ademais do freo ás reivindicacións sociais que supón, a súa pasividade concede o tempo necesario para que a oligarquización galopante do capitalismo desmonte placidamente, sen apenas reacción social, aquel estado de benestar ó que se vira abocado para non perder o control nun momento histórico do seu desenvolvemento. Aquelo foi un espellismo que acabaron por confundir coa realidade, incluso os que non gozaban de benestar algún que merecera tal cualificativo, pero que «partindo da nada, e só co seu esforzo, chegaron ás máis altas cotas de miseria», seguindo a inapelable sentenza de Marx (Groucho). Dado que a acumulación de plusvalía é algo intrínseco ao capitalismo, calquera aparente cesión dunha parte, por ínfima que sexa, nunca pasará dunha mera reviravolta imprescindible para proseguir a expansión acumulativa que o caracteriza.
É moi probable que o capital, en base ás súas propias estratexias de supervivencia, aínda conceda ás narcotizadas masas algunha tregua nas futuras batallas da desigual guerra emprendida para a aniquilación do público. A suposta concesión atoparía hoxe o caldo de cultivo axeitado naqueles que, padecendo aínda o descenso da savia, están dispostos a crer nos brotes verdes e no primaveral crecemento macroeconómico da propaganda do réxime porque, consciente ou inconscientemente, manteñen a esperanza inconfesable de que o neoliberalismo triunfante lles recompense con creces a resignación coa que se someteron ó letargo social invernal.
Terán que decidir, entón, se están dispostos a deixarse arrolar de novo polos cantos de serea ata adormecer, esperando a próxima crise cíclica que os volva a esnafrar, ou apostan por facer efectiva a súa potencialidade para provocar unha conmoción social que propicie a construción dunha convivencia sobre os sólidos alicerces morais do reparto social da riqueza dispoñible, da equidade e da solidariedade universal. Da actitude que adopte no futuro inmediato o enorme colectivo perversamente denominado clase media, dependerá, en boa medida, o devir histórico.

Publicado no Progreso o 20-12-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario