domingo, 21 de diciembre de 2014

Educar para que?



Mar Carballo Cela

A filósofa estadounidense Martha C. Nussbaum achega na súa recente obra ‘Emocións políticas: por que o amor é importante para a xustiza?’ unha idea imprescindible, creo eu, para afrontar os retos da democracia actual: todo sistema político necesita sustentarse sobre aquelas emocións que lle sexan máis propicias para perdurar, e debe facer o necesario para fomentalas.
Habitualmente, tendemos a asociar a manipulación emocional cos réximes totalitarios, réximes que inculcan na cidadanía o temor á disidencia solitaria, á dependencia infantil, ou ao orgullo nacional unido sempre ao desprezo e ao odio cara algún inimigo. Este tipo de sentimentos, impostos mediante a coacción, son os que fan posible que todo un pobo soporte sen rebelarse longos anos de dictadura. Pero os sistemas democráticos tamén se manteñen grazas ás súas adhesións emocionais propias: fundamentalmente o respecto e a simpatía cara aos diferentes, ao amor á liberdade e á honestidade e a indignación ante a inxustiza; e a única forma de que estas emocións arraiguen é mediante a educación.
Na nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), o obxectivo primordial é fomentar o talento, entendido este como o desenvolvemento das capacidades que lles permitan aos individuos competir con éxito no mercado laboral globalizado. Parece que non se contara con eles en absoluto para o coidado e o progreso do sistema democrático, só se espera que sexan traballadores competitivos dispostos a unha alegre mobilidade social (emigrantes). Para iso deben, ademais das disciplinas propias da profesión, saber idiomas e manexar as novas tecnoloxías. No tocante a todo o demais, ou sexa, á ‘banal’ tarefa de asumir unha cidadanía responsable que garanta a paz e a xustiza social, non hai necesidade de que reciban instrución ningunha, basta con que obedezan. É curioso o pouco respecto que se amosa cara un dos logros máis importantes da humanidade, que tanto esforzo e sufrimento costou construír, e que agora vemos corromperse nas mans de novos tiranos e saqueadores. A este respecto resulta moi actual a alusión que facía Platón á democracia da súa época, tamén corrupta, na obra ‘Menéxeno’: «Uns chámano goberno do pobo, outros danlle outro nome, según lles prace, pero é, en realidade, un goberno da elite coa aprobación da maioría. Porque reis sempre temos, unhas veces sono pola súa linaxe, outras por elección».
E afondando máis no tema da tiranía, sorpréndeme gratamente que no século XVI un mozo humanista francés (por suposto, completamente ignorado polos canons académicos aínda na actualidade) escribira con gran mestría unha pequena obra titulada ‘Discurso sobre a servidume voluntaria’. Chamábase Étienne de La Boétie, e aquí analiza a lexitimidade do poder político e as razóns que levan a que todo un pobo sexa submiso. Distingue tres clases de tiranía: pola forza das armas, por sucesión hereditaria e por elección popular, e conclúe que en todas elas os pobos, pese a todo empeño por sometelos, sempre teñen na súa man acadar a liberdade: basta con desexalo, deixando de servir a quen os domina sen necesidade de utilizar a violencia. Pero o que máis chama a atención é outra vez a actualidade do símil que emprega para describir o trato que un tirano electo lle dispensa ó seu pobo: «tratan os pobos como touros que deben domarse», ou sexa, gando doméstico que traballe e obedeza. E cando sufran algunha inxustiza ou agravio, que busquen amparo en solitario baixo o paraugas do cacique axudando así a tecer a rede que sustenta o seu poder, «a pirámide da opresión» en palabras de La Boétie. Deixan así reducida a nosa actividade cidadá á mera adulación.
A ilusión por construír e conservar unha sociedade pacífica, honesta e solidaria é o maior patrimonio que moitos dos nosos antepasados nos legaron, e así debería constar nas primeiras páxinas de calquera proxecto pedagóxico verdadeiramente democrático. Se non educamos para amar iso, subsidiariamente careceremos de todo o demais, porque non debemos olvidar que non hai conquistas definitivas e cada xeración debe aprendelo todo de novo. Pero tal intención parécenlles ás nosas autoridades educativas unha banalidade carente de sentido realista, ou máis ben charlatanería perigosa que contamina as mentes dos futuros traballadores, obstaculizando así os obxectivos de lucro que inspiran as súas leis orgánicas.
Se algúns loitaron por converter a política nun proxecto común ilusionante que nos permita mellorar as vidas, outros transfómana nunha experiencia triste e decepcionante que alonxa ao individuo dos seus semellantes e o devolve á loita cruel, solitaria e desesperanzada. Quérennos moi bos técnicos, pero humanamente degradados… Hai mellores cómplices?

Publicado no Progreso o 6-12-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario